Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / 25 anos de Luar na Lubre nunha lista de reprodución

BIEITO ROMERO SELECCIONA PARA NóS OS TEMAS PREDILECTOS DA BANDA QUE LIDERA

25 anos de Luar na Lubre nunha lista de reprodución

FOLK | abril 5, 2011

imaxe non dispoñible

É un dos poucos grupos galegos máis prestixiosos, canda a Siniestro Total, Los Suaves e Milladoiro, que conseguiu superar a barreira do cuarto do século. Luar na Lubre celebra nestes 2011 o seu 25 aniversario, e para acompañalos Bieito Romero, compositor e líder do proxecto, selecciona para nós os temas máis representativos da carreira do conxunto, nunha lista que podes escoitar en Spotify.

O vinte e cinco aniversario supón para o grupo “un punto de inflexión interesante”, lembra Romero. A coincidir con isto “abrimos unha vía nova que é o xeito e abordar fondamente a lírica medieval galego-portuguesa coa salída de Solsticio. Tentamos darlle o noso toque folk, porque tampouco somos un grupo que traballe de xeito purista coa música medieval. Queremos traela ao noso campo, xa que esta música estaba tamén inspirada na tradicional, así que estamos cómodos”.

Neste tempo, de xeito inevitable, o grupo viviu unha que foi para alén das mudanzas de vocalista, (de Ana Espinosa a Rosa Cedrón e na actualidade Sara Vidal). Á hora de falar sobre este cambios, Romero sinala que “as cousas mudaron porque mudamos nós tamén. Eu óllome no espello e vexo as fotos da época e son distinto. Aínda sendo a mesma persoa, vaise evolucionando, supoño que para mellor, e no grupo o estilo tamén vai mudando”. A nivel creativo, no entanto, este compositor sinala unha continuidade no xeito de traballar. “En Luar na Lubre hai unha personalidade fonda á hora de facer as cousas, un camiño do cal non renegamos, independentemente de que en momentos concretos deas pinceladas cara a algunha banda, hai un xeito de traballo que non se abandonou nin se vai abandonar, unha coherencia e estabilidade que semella que a xente valora”.

O son do ar
A primeira canción é O son do ar. É das cancións mais antigas do grupo, mesmo é anterior á propia formación, xa existía antes. É emblemática xa desde moito antes de que Mike Oldfiel fixese a súa versión e a fixese máis popular. Era unha das pezas claves que abría o noso traballo discográfico homónimo. É un pouco como a banda sonora da nosa vida, e a miña como autor particularmente.

Luar Na Lubre – O Son Do Ar
[Escoita]

Tú gitana
Outra das cancións que nos leva acompañando un lote de anos é Tú gitana. Neste caso trátase dunha versión moi peculiar que fixemos dun tema tradicional adaptado polo Zeca Afonso. Para min ten unha importancia especial porque o fixen a través dun grande amigo que me introduciu na música do Zeca, cando eu era particularmente un meniño, con 13 ou 14 anos. Foime metendo a súa música ata o punto de que hoxe teño toda a discografía, e cando creamos Luar na Lubre insistiume moito en que fixésemos unha versión desta canción, que finalmente entrou no traballo Plenilunio. O tema resultou un exitazo que chegou, sen ter as peculiaridades dun tema comercial, a ser un dos temas mais pinchados por M-80 entre outras emisoras. Foi un tema moi popular e soou moitísimo cando saíu.

Luar Na Lubre – Tu Gitana
[Escoita]

Cantiga de Santa María
Hai un tema que gravamos no traballo Espiral, que é unha cantiga de Santa María. Foi un tema que soa en moitas películas, fixo parte da banda sonora de Conan o bárbaro entre outras. Atribuído a Afonso X, no noso caso o tema ten a peculiaridade de que foi o primeiro que gravamos cunha orquestra sinfónica, a de Bratislava en concreto, e quedamos impresionados de como quedou esta sonoridade combinada.

Luar Na Lubre – Cantiga de Santa María
[Escoita]


Canto de andar
Outro que ten un significado especial para min é o Canto de Andar, que tamén levou un dos Premios da Música. Eu non son letrista nin moito menos, dánseme mellor as melodías e de cando en vez podo facer unha letra que coincida con algunha. Pero neste caso fixen unha letra que é unha especie de cantiga de amor inspirada nas cantigas medievais, para min ten un significado especial. Tocámolo durante moito tempo, agora témolo fora do repertorio pero é unha desas cancións que tamén marcan moito.

Luar Na Lubre – Canto de andar [Escoita]

Memoria da noite
Hai un particularmente especial no traballo Hai un paraíso que é Memoria da noite. Foi cando afundira o Prestige, e tiñamos o disco máis ou menos listo, entón quixemos facer unha canción dedicada a este desastre. Fóra de ser un panfleto, que non o é, penso que fala dunha triste realidade que temos neste país. É un poema dun magnífico poeta e letrista habitual de Luar na Lubre, que é Xabier Cordal. Eu tiña unha música cun aire melancólico á que pensei que lle quedaría moi ben unha letra destas características e máis se estaba feita por este home. E saíu este tema.

Luar Na Lubre – Memoria da noite [Escoita]

Chove en Santiago
Chove en Santiago teño que o dicir. Aínda que quedan moitos outros temas, é unha das cancións que é un pouco tamén unha banda sonora ou himno do grupo. Aínda que os queiras quitar do repertorio, non podes porque a xente o pide. Había temporadas en que o quitabas para refrescarte un pouco, pero a xente pedíao e tíñalo que facer. É significativo e emotivo que en calquera sitio de España cha piden. Nós musicamos xa tres dos poemas galegos de Lorca, e a idea é facelos todos. Este ten ademais a peculairdade de que estaba en Cabo do mundo, un traballo que acadou o disco de platino.

Luar Na Lubre – Chove En Santiago [Escoita]

As celebracións
De cara a celebrar estes 25 anos de traballo, e aínda que recoñece que o grupo está bastante enleado coa presentación de Solsticio, Romero recoñece que “é unha celebración importante. Para comezar temos unha xira potente na que contamos con facer corenta concertos por España e polo estranxeiro. Logo pensamos en publicar un libro sobre o grupo e outra publicación na que a xente explique como coñeceu o grupo ou a súa particular historia coa nosa música. Queremos recoller, a través do Facebook e das redes sociais, unha especie de microrrelatos sobre isto. Puido haber quen casou con O son do ar ou quen escoitou a nosa música nun enterro. Hai aí historias persoais que son un universo moi bonito”, conclúe.

Aquí podes acceder á lista de reprodución "25 anos de Luar na Lubre" en Spotify:

 

 

 

Sponsored Links: No Frills Flyer, Freshco Flyer, Food Basics Flyer, Walmart Flyer, Giant Tiger Flyer