Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / Sons para comezar o ano

ADIANTAMOS ALGúNS DOS LANZAMENTO DISCOGRáFICOS QUE CHEGAN NOS VINDEIROS MESES

Sons para comezar o ano

MISCELáNEA | xaneiro 24, 2012

imaxe non dispoñible

Os micrófonos botan fume. En estudios de gravación do noso país e tamén nos foráneos, están a se ultimar os traballos para unha fornada de discos dos máis variados estilos que axiña verán a luz. Con variedade de estilos, atopamos significativos retornos aos estudios e a consolidación da aposta por adiantar material na rede.

Se é posible procurar unha tendencia nos discos que veremos no comezo deste 2012 son os retornos. Grupos que levaban varios anos sen se achegar ao estudio presentan novos traballos. Un dos retornos máis soados e máis anunciados é a volta de Os Cempés, que non é somentes ao estudio, senón tamén á actividade musical, logo de tres anos retirados. O éxito na campaña de crowdfunding que realizaron para financiar este proxecto revela o agardado que era o seu regreso, xa que case dobran a contía que solicitaran. Metidos de cheo no estudio de Tomás Axeitos, en Bertamiráns, o grupo agarda rematar para o vindeiro mes de abril o rexistro dos dez novos temas e está a amosar no seu blog e en Facebook como evolúe o proceso. A colaboración da Escola Livre da Musica Popular Galega promete unha proposta cunha sonoridade máis complexa e acústica na que anuncian unha maior pegada de bouzoukis e zanfonas. Malia a mudanza na composición do grupo, que mantén a Serxio Ces, Antón Varela e Óscar Fernández e incorpora a Pablo Dalama, Ramón Dopico e Fernando Barroso, os seus membros aseguran que toman como punto de partida Circo Montecuruto para os novos temas.

Hip-hop de volta
Aínda máis tempo levaba afastado dos lanzamentos discográficos, aínda que con actividade, El Puto Coke. Está xa dispoñible na rede o video de Para el que quiera Calor o adianto do vindeiro traballo que chega despois de seis anos dedicado á produción e ao lanzamentos de singles soltos. Desde Vigo chegará ás tendas da man de Boa Music e xa no 25 de xaneiro, El Puto Coke presenta: Coke Céspedes, quince temas de hip-hop gravados nos estudios Abdala da Habana. No proxecto, Coke conta con colaboracións como as de Iván Ferreiro, Wöyza, Dani Reus e Gran Purismo na parte vocal, e autoproduce once das cancións. Segundo adianta o artista, o proxecto percorre diferentes variedades de hip-hop, “é un traballo no que se funden todas as influencias acumuladas no seu proceso evolutivo”, apunta no texto promocional. Desde tons dos noventa como La vida en directo e Despierta a tendencias máis actuais como as que se poden ouvir no primeiro single ou en Otra letra más. Ademais do vídeo, no seu MySpace pódese escoitar unha mestura con mostras de temas que farán parte do disco.


Video de Para el que quiera Calor, de El Puto Coke

Compartir
Canda aos retornos non cabe dúbida que unha tendencia que se está a consolidar entre os grupos galegos é adiantar material antes da publicación dos álbums. Imaxes e vídeos do proceso de gravación, unha mestura dos temas que van saír editados ou mesmo un ou dous temas de adianto é algo que teñen en común todos os traballos dos que estamos a falar. Webs, blogs e redes sociais incrementan a súa importancia como puntos de encontro entre creadores e público durante os longos meses nos que se desenvolven as gravacións e non hai, polo xeral, concertos.


Continuidade e debuts
Pola banda do rock, Zënzar achega temas novos por vez primeira desde o seu A tribu, de 2009 e do DVD ao vivo que presentaron o pasado mes de decembro. Segundo nos adiantaba daquela Manuel García, batería do conxunto, o novo disco sairá o vindeiro mes de abril e contará con trece temas que seguirán a liña habitual do grupo. No entanto, contará con colaboracións como as de María Xosé Silvar “Ses” ou Loli Nogueira entre outras. O Derrame Rock servirá de presentación para este proxecto, a partir do 28 de xuño en Ourense. E falando de Ourense, no mesmo evento poderemos ver a O Sonoro Maxín, grupo que debuta na gravación de estudio, con A onda sonora (chega do interior), un disco producido por Kaki Arkarazo, gravado en Gipúzcoa e que estará dispoñible en marzo. A obra presentarase os vindeiros 13 e 14 de abril no Café Cultural Auriense (Ourense). A seguir, o grupo fará unha minixira en formato acústico polos barrios ourensáns cun carro móbil onde presentarán os seus temas en formato acústico. Cunha capa a cargo de David Rubín, o grupo xa ten a disposición do público o primeiro tema, Catacumbia, que revela unha continuidade sonora co material que teñen presentado en directo por todo o país. Con certas conexións pola banda da música popular americana, chega desde Vigo outro debut. Pedrito Diablo & Los Cadáveras lanzan o seu primeiro disco, El cuerno del chivo, apostando por un surf con pegadas de tex mex, rock e as bandas sonoras de Ennio Morricone. Logo da presentación que fixeron en Vigo o pasado 28 de decembro, o grupo continúa os concertos os vindeiros 16, 17 e 18 de xaneiro con recitais en La Radio (Santiago), a Sala The Star (Carral) e mais Mardigras, na Coruña.


Adianto do novo disco de Zënzar, con imaxes do proceso de gravación


Catacumbia de O Sonoro Maxín


Desenfunda Forastero de Pedrito Diablo y los Cadáveras

Como un reloxo
Sorprende, fronte a silencios e debuts, a vitalidade discográfica de Ruxe Ruxe, que lanza un novo traballo cando o anterior foi ainda en 2010. Varios meses de traballo nos estudios Océanos de Nigrán con Javier Abreu deron no novo traballo, no que contan con colaboracións tan variadas como Xabier Díaz aos pandeiros e a voz, Roi Maceda, de Quempallou, no acordeóns, e mais Esteban de Skacha na voz, con Bocixa, cantante dos xa mencionados Zënzar, nos coros. A presentación será o vindeiro 31 de marzo na Sala Capitol de Compostela, nun concerto no que tamén participará Medomedá. Ata entón, temos como adiantos deste novo traballo o tema Rock do país, no que xa se pode ver o resultado de boa parte destas colaboracións, e mais Cancións macarras, nos dous casos cun son que continúa na súa habitual liña de rock con chiscadelas a outros estilos como a instrumentación folk ou o ská.


Rock do país, de Ruxe Ruxe


Cancións macarras, de Ruxe Ruxe

Máis sons
Obviamente, non son máis que un pequeno adianto do que está por chegar nos vindeiros meses.
Está quente, e aínda a chegar as tendas, Muchas noches, buenas gracias o DVD que recolle o concerto que Phantom Club fixo, cunha chea de convidados, no teatro área panorámica de Tui hai cousa dun ano. Ariel Roth, Andy Chango, Pablo Novoa, Claudio Gays e El Puto Coke participan nun proxecto que o coñecido produtor Jonathan Wyner mesturou en Boston. O filme presentábase o pasado 30 de decembro no cines Yelmo, de Vigo, e é o segundo traballo discográfico do grupo. Entre outras novidades, continúa a agarda por Ejército de Fantasmas o novo disco de The Blows, xa gravado e sen data prevista de aparición. Adiado polo cancro que padece o seu baixista, o grupo realizou o pasado mes de decembro o concerto solidario Blows Fuck Cancer e agora retirou do seu web o video do primeiro single, Mujeres que corren con los lobos. Do mesmo xeito, e recollía recentemente El País, veremos en breve o primeiro traballo de Fantasmage, da man do selo asturiano Discos Humeantes, entre outras propostas que están no forno.


" NO PIBE " - PHANTOM CLUB CON ARIEL ROT Y CLAUDIO GABIS

Phantom Club | Myspace Music Videos

Resumo do DVD Buenas noches, muchas gracias de Phantom Club

 

 

 

Sponsored Links: No Frills Flyer, Freshco Flyer, Food Basics Flyer, Walmart Flyer, Giant Tiger Flyer