Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / DISCO / Movementos subterráneos

O FENóMENO GALICIAN BIZARRE AMOSA A VITALIDADE DA ESCENA MUSICAL UNDERGROUND

Movementos subterráneos

ALTERNATIVA | outubro 3, 2012

imaxe non dispoñible

Quen dixo que na música galega todo era folk? Punk, cancións humorísticas, sons industriais, electrónica. En decembro de 2010 o disco Galicia Bizarre, unha escolma de grupos do máis estraño que existe no panorama musical galego. Non contentos co grande éxito da iniciativa, os seus promotores recuncan este outono cun segundo volumen que demostra a variedade e a vitalidade da escena alternativa galega.

Trinta e un grupos, moitos deles xa desaparecidos , reúnense baixo a etiqueta Galician Bizarre. Dous discos, un de 2010 e outro que acaba de ver a luz este mesmo verán, agrupan as máis curiosas manifestacións musicais que se dan no país. Punk e noise, pop surrealista ou experimentos bailables cheos de retranca. Trátase de grupos que cantan en galego, castelán ou inglés, unidos fundamentalmente pola vontade de facer algo afastado do mainstream musical. Os dous volumes amosan a existencia dun importante panorama underground que comeza a atopar espazos para a súa difusión. Internet, os escenarios e agora discos amosan a creatividade que se desenvolve nestas coordenadas. Fantasmage, Alarido Mongólico, Tetra & Freek, Pastillas Mamut, Sr. Anido, Terbutalina, Telephones Rouges, Novidades Carminha, Metralletas Lecheras ou Los Santos son só algúns dos nomes que fan parte da escena.

Contacto directo
Os dous volumes naceron do contacto persoal entre os rupos. “De hai uns catro anos para acó, fómonos coñecendo a xente que andábamos a tocar en Galicia. A certa altura pensamos que sería bonito recoller o que estabamos a facer nese momento e ter un disco de recordo”, lembra Anido. “A práctica totalidade dos que participaron daquela non tiñan disco feito”, apunta. Pola súa banda, Nico Campos, un dos membros de Tetra&Freek, que participan neste segundo volume, sinala que “varios dos grupos que participamos eramos amigos xa de antes, e si que existe unha certa visión parecida e referencias, aínda que cada un é do seu pai e da súa nai”.

Os volumes
No proxecto cada un dos grupos correu coa propia gravación e logo a enviou o tema para se incluír no disco, de xeito e a marca Galician Bizarre actuou unicamente como un paraugas promocional. O primeiro volume financiouse a base de concertos e venda de merchandising, mentres que para o segundo apostouse pola fórmula do crowdfunding ou micromecenado, que se revelou como todo un éxito, xa que se superou a recadación necesaria para a publicación do traballo. Encol da diferenzas entre os volumes, Anido apunta que “no primeiro volume primaban grupos máis de punk e de noise, mentres neste segundo, sen o pretender, coincidiron máis propostas de carácter electrónico ou con toques dos 80, aínda que continúan grupos con toque punk como Terbutalina ou Lobishome”.

Redes e concertos
A difusión a través da rede revelouse como a grande baza para esta iniciativa. “Internet, pero sobre todo as redes sociais dan unha visibilidade moi considerable, consegues xente que está pendente do que fas e que doutro xeito sería imposible manter en contacto”, lembra Nico Campos. Fronte a estas vantaxes, o cantante de Tetra & Freek apunta que “penso que co primeiro volume si que se conseguiu un certo movemento,porque houbo varios concertos conxuntos e iso multiplicaba o impacto do propio disco. Agora co do Crowdfunding a promoción céntrase máis en Internet”. Anido pola súa banda, coincide nas posibilidades de promoción que achega a Rede. “Recibimos contribucións mesmo de fóra de Galicia, e de lugares que en ningún momento pensamos que podían estar interesados por un proxecto como este”, lembra Anido. “É certo que cun volume colectivo conséguese unha presentación moito máis forte que sacando traballos individuais, un recompilatorio ten moitas máis presenza e estou certo de que algún grupo poderá fichar por algún selo”.

O impacto
Antecedentes nese sentido existen. Desde o primeiro volume verificáronse casos de grupos que gravaron disco ou atoparon compañía nestes dous anos. “Telephones Rouges ficharon polo seu actual selo porque os escoitaron no disco, e neste segundo tamén estamos a ver que hai grupos que tamén atoparon selo, non sei se por estar no disco”. Outros, coma Fantasmage, viron o seu primeiro disco editado case á par da edición deste segundo volumen ou contaban xa cun certo renome como Novidades Carmiña no momento de se implicar no proxecto. Fronte á posible proxección que o proxecto lles deu a moitos destes grupos, nos últimos dous houbo bandas que xa desapareceron, como é habitual na escena alternativa. “Hai quen di mesmo que existe unha maldición do Galician Bizarre porque máis da metade dos grupos que participaron no primeiro volumen xa non existe”, lembra Anido. “Non sei que pasará cos do segundo”.

Factores de emerxencia
Malia á posible pegada que o proxecto Galician Bizarre poida ter no panorama musical, Anido sinala que a relativa emerxencia desta escena underground está máis relacionada con outros factores “a nivel persoal eu cando comecei a tocar hai 15 anos, notaba unha certa soidade, tiña a sensación de estar illado e de que ninguén facía algo como o que eu tentaba, e quería marchar. Hoxe, penso que condicionados por diferentes cousas, un grupo de ente decidiu ficar e facer aquí as cousas. Penso que algo está a pasar, existe unha escena de grupos, que é algo que en todo o Estado semella que só se dá aquí e en Valencia”. Como un dos condicionante que, con reticencias, admite Anido, está o incremento das posibilidades de tocar en directo. “É unha coincidencia no tempo, no sei se detonante de algo”, e apunta “por exemplo, o Liceo Mutante de Pontevedra, unha asociación sen ánimo de lucro monta concertos a grupos totalmente independentes que doutro xeito non poderían contar cunhas mínimas condicións. Logo hai tamén algunhas promotoras ou programas de radio como Fluctuaciones que montan concertos”. Encol da situación da escena, Campos sinala que “lémbrame algo o tempo de Heredeiros da Crus e do disco de Unión Bravú, salvando as distancias. Trátase de xente rara que volta tomar os escenarios a buscar que a xente o pase ben”, explica.

A porta está aberta a que a saga Bizarre continúe nunha terceira entrega. “A verdade é que moitos nin sequera contabamos con que saíse o segundo”, recoñece Anido. “En todo caso, se o hai, será porque a xente e o corpo o pide. Non queremos que o proxecto se faga algo pasado de voltas ou caduco, será algo que teña que xurdir como xurdiron estes dous”.

MULTIMEDIA
Escoita íntegro Galician Bizarre en Bandcamp
MULTIMEDIA
Escoita íntegro Galician Bizarre II en Bandcamp
datos do disco

 

 

 

Sponsored Links: No Frills Flyer, Freshco Flyer, Food Basics Flyer, Walmart Flyer, Giant Tiger Flyer