Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / Tolos polos concertos

ESTE OUTUBRO LáNZASE NA REDE TOLEMIAS, O NETFLIX DOS VíDEOS DE CONCERTOS. FALAMOS CON SEGUNDO GRANDíO O RESPONSABLE DO PROXECTO

Tolos polos concertos

MISCELáNEA | setembro 29, 2017

imaxe non dispoñible

Este primeiro de outubro poden pasar moitas cousas, poden nacer países ou non, por exemplo, pero hai unha que xa sabemos seguro que si que vai pasar: abrirase a primeira plataforma de vídeo por demanda baixo subscrición (SVOD, nas súas siglas en inglés) especializada na música en directo. Concertos e só concertos, de diferentes estilos e en contextos diversos pero tendo dúas únicas cousas en común: é música executada e gravada en directo; contarán coa máis alta calidade técnica de imaxe e son usando varias cámaras para realización e equipos multipista. A plataforma de distribución chámase Tolemias e é un proxecto creado e posto en marcha desde Gondomar con ambición internacional e que busca o seu oco entre as ofertas de entretemento que xa hai como Netflix ou HBO para chegar ao público a través dos smartphones, os ordenadores e as pantallas de televisión.

Desde o comezo do século ata agora a industria musical está apegar cambios tan profundos e diferentes que está a coller co pé cambiado a todos os axentes implicados no sector. Calcúlase que no período entre 1999 e 2014 o sector a nivel global perdeu o 40% dos seus ingresos. Músicos, selos pequenos ou internacionais, produtores, representantes e mesmo o público vivimos con absoluta incerteza os cambios enormes, provocados en gran medida polos avances derivados da tecnoloxía dixital e as redes e a súa irrupción nos espazos máis cotiáns e íntimos. Para a inmensa maioría das bandas e artistas as actuacións en directo pasaron a ser o eixo económico no que poder fundamentar o seu modo de vida e as súas carreiras, pero mesmo o xeito de contratación de concertos sufriu numerosos cambios nos últimos anos deixando en moitos casos todo o risco sobre as costas dos propios músicos e pouco retorno do investimento. Outras vías de retorno económico están agora nas plataformas dixitais de venda de música como Amazon e AppleMusic e nas de escoita directa ou "streaming", do tipo de Spotify, Deezer ou YouTube.

No ano 2016 os ingresos globais de música dixital supuxeron o 50 % dos ingresos totais do sector, mentres que as vendas de formatos físicos representaron o 34 % segundo se recolle no informe anual da Federación Internacional da industria Discográfica (IFPI). No 2016 era o segundo ano consecutivo no que os ingresos da música dixital superaban aos da física. Unha tendencia que ademais coincide cunha suba de ingresos globais tamén por segundo ano consecutivo tras as grandes baixadas continuas sufridas desde mediados dos noventa. O crecemento foi do 5,9 %, o meirande rexistrado desde o ano 1997. Para o IFPI o motor da suba na industria musical baséase no "streaming" ou nos servizos de música en directo, que alcanzaron no 2016 máis de 100 millóns de subscritores e cuxos ingresos aumentaron un 60,4 % segundo o seu informe. Nun informe da consultora global PwC sobre o mercado global do entretemento e medios para o período 2014-2018 xa se contemplaba que o consumo de video baixo demanda Over the top (OTT) ao estilo Netflix e os servicios de música en streaming serían os dous sub-segmentos de crecemento máis acelerado neste período.

Neste contexto e tras estes últimos anos nos que o sector musical vía súa enorme baixada de ingresos e ía pegando paos de cego buscando onde agarrarse, nace en Galicia Tolemias, primeiro como unha canle integrada entre a oferta do servidor de cable R desde o ano 2012, ofrecendo concertos da escena galega pero agora pega un salto e convértese nun elemento separado que busca o seu propio lugar. Segundo Grandio (1965), músico, técnico de son e produtor audiovisual e musical é o home que está detrás desta idea. Como músico é moi recordado por ser baixista de Siniestro Total entre os anos 1988 e 2002. En 1999 creou os estudios Casa de Tolos situados en Mañufe, Gondomar e polos que pasaron dende entón case todos os músicos coñecidos do país a fixar alí a súa música con el aos mandos da produción. No ano 2003 fundou o selo PAI Música co que entrou tamén a probar sorte nun mercado discográfico que vivía complicados momentos. Xa con PAI buscou a creación dunha canle na rede na que se puidese acceder a contidos de vídeo relacionados coa música do selo, videoclips e gravacións que ía subindo a PAI-TV, a súa aposta pola conxugación do son e o vídeo e a rede xa era clara neses momentos e comezaba tamén a introducirse cada vez máis na produción audiovisual propia. En 2011 dirixiu e produciu o programa musical ENREDE para a TVG baseado nas bandas e salas que conforman a Rede Galega de Música ao Vivo, un ano despois comezaba o proxecto Tolemias en R a cargo da empresa Casa de Tolos SL. Este primeiro de outubro de 2017 sae ao espazo público Tolemias xa como distribuidora con empresa propia detrás: Tolemias on demand SL. O servizo ábrese con varios centos de concertos xa dispoñibles no catálogo, sen videoclips porque como eles mesmo especifican "non ten cabida a ficción" en Tolemias, a partires do verán de 2018 espera poder ofrecer concertos que teñan lugar en outros países e que os seus subscritores terán dispoñibles en cuestión de días e para finais de 2018 agardan que o seu catálogo de actuacións en directo dispoñibles xa sexa de catro cifras e de todos os xéneros musicais posibles e ademais poder retransmitir concertos ou festivais en vivo a tempo real. A plataforma promete unha retribución xusta aos músicos polos visionados que se fagan dos seus concertos, o que sería moi de agradecer entre os artistas xa que as protestas pola baixa e opaca maneira de retribuír de outras plataformas como YouTube ou Spotify son unha queixa constante no sector.

Cultura Galega- ¿Como xurde Tolemias e canto levaba este proxecto sobre a túa mesa?

Segundo Grandío- Nós no ano 2012 abrimos unha sección de vídeo baixo demanda en R, chamábase Tolemias pero que pertencía á empresa Casa de Tolos SL. Nestes anos fixemos 400 e pico gravacións de concertos e entón chegamos a tal cantidade que como o mundo está tirando cara este modelo de negocio se nos ocorreu tratar de facer esta plataforma con recursos propios pero como necesitábamos financiamento e un pouco de asesoramento para o tema de xestión, para temas de economía, financiamento e márketíng pois nos apuntamos a unha aceleradora de Start Ups, que é Vía Galicia. Fomos escollidos e iso axudounos a facer realidade ese proxecto que tiñamos xa en R pero agora a nivel propio. Digamos que melloramos un montón de cousas como incluír produción allea. Incluiremos en breve traballos, gravacións, de outros provedores.

CG- Este é un servizo de streaming baixo demanda ao estilo Netflix, pero que desde o punto de vista dos usuarios pode ter máis competencia en plataformas de vídeo de balde como YouTube. ¿Que pode ofrecer Tolemias que os usuarios non vaian atopar nun servizo de vídeo sen custe como pode ser YouTube?

SG- Por un lado nós lle damos moita importancia á produción propia. Imos ter contidos que YouTube non pode ter. Por outro lado imos ter un recinto moi controlado, onde pode haber visibilidade e onde pode haber monetización para os artistas. Co cal os propios artistas van dicir : “¿para que vou subir un vídeo gratis a YouTube se o podo ter cobrando en Tolemias?”. E en terceiro lugar , e este é un factor importante, a calidade. Nós sempre ofrecemos mínimo calidade HD, cun audio gravado en multipista e moi ben posproducido e en breve trataremos de producir xa en 4K.

<< Podes ver gravacións de teléfono en YouTube que chegan a ter corenta mil visitas e iso é unha desgracia para o propio artista>>


CG- Hoxe en día nos concertos hai moita xente facendo gravacións cos dispositivos móbiles que logo sube á rede. Nese sentido se pronunciou publicamente Robe Iniesta, que foi cantante de Extremo Duro e que nas súas actuacións en solitario prohibiu terminantemente o uso de teléfonos para fotografías ou todo tipo de gravacións. ¿Cres que ese uso dos smartphones pode prexudicar á plataforma ou as gravacións e que sería necesario ser máis esixente nese sentido co público?

SG- Entendo o de Robe. Entendo que quere gardar a súa propiedade intelectual. É que é unha desgracia para un artista que te graven cun teléfono e o colguen en YouTube, porque vai soar fatal e vaise ver fatal, e sen embargo podes ver gravacións de teléfono en YouTube que chegan a ter corenta mil visitas e iso é unha desgracia para o propio artista. Creo que no noso caso é todo o contrario- Que nós fagamos un contido que se escoita e se ve de marabilla é o que lle vai dar valor á nosa proposta.

P- ¿Que tal é a resposta a Tolemias por parte dos artistas?

SG- Moi boa. Os artistas están encantados e o necesitan. Os artistas necesitan disto urxentemente porque YouTube é un popurrí tremendo onde podes subir cousas alí que ao mellor te costaron moitísimo facer, que si non as pos ti as pon outro, e para atoparte a ti en medio é case imposible e sobretodo vas ter despois de ti a receita do bacallau ao pil pil. O que fai falta é ese recinto que Netflix soubo facer co cine, un sitio onde entras, tes todas as mesas aí arredor e dis “¿Agora que quero ver?, pois vou entrar na mesa de Ciencia Ficción e vou ver a Guerra das Galaxias”. Iso é o que fai falta un sitio onde se poidan visibilizar os contidos.

CG- ¿Que vías de monetización terá Tolemias? ¿Prevé algún outro tipo de comercialización por outras vías das gravacións, patrocinios, publicidade, etc.?

SG- Non. En principio non vai haber Pay per View de contidos soltos baixo demanda. No suposto de facer ese Pay per View será, por exemplo, dun festival completo para ser emitido en tempo real e que que os usuarios poidan ver ese festival en live streaming. Pois dis: quero ver un festival, galego ou non galego, empezo o venres e remato o domingo. Pago 5 euros e podo ver o festival completo e o podo ver na miña casa cos quince colegas.

CG- Nese sentido de compartir o visionado, en realidade un concerto en directo non é unha experiencia individual, é unha experiencia colectiva. ¿Pensades en Tolemias implementar algún tipo de ferramentas de contacto entre os diferentes usuarios que permitan facer disto unha experiencia compartida?

SG- Estou moi dacordo con iso. O bonito dun concerto e velo en manada. Ir uns cuantos e desfrutalo todos xuntos e iso. Pensamos en certas opcións, como abrir un chat permanente, que a xente poida falar desde o seu portátil e poida contactar con outra xente que tamén o esta vendo e compartíndoo. Poder invitar a outros colegas a ver o concerto xuntos aínda que cada un estea na súa casa e poder compartir comentarios, ter un chat permanente. Tamén hai máis opcións, o tema da Realidade Virtual, estaría moi ben. Pero eu creo que por exemplo para un bar tamén é un servizo bo: poder ir tomar unha cervexa nun bar e ter unha canle na que hai exclusivamente música en directo, pode ser o último concerto que se gravou antonte e poder velo xa hoxe no bar pois está ben.

CG- ¿Ofreceranse só gravacións de concertos públicos ou tamén de sesións propias ao estilo de Spotify e outras canles?

SG- Creo que precisamente neste caso o “petit comité” pode ter moito tirón. Un concerto como os que gravamos nós en Casa de Tolos, que hai vinte convidados, despois o pode ver moitísima xente na casa e pode ser tan atractivo como un concerto nun campo de fútbol con corenta mil persoas. Ou ao mellor un concerto na rúa... O único que unifica todo é a música en directo.

CG- ¿Como se decide e se xestiona a gravación e distribución dun concerto?

SG- Por exemplo agora mesmo nos parece moi interesante o Festival de Jazz de Lugo. Son sete días seguidos nos que queremos gravalos a ao día seguinte subir e ter dispoñible o concerto do día anterior. Este ano teñen unha proposta moi chula, que non podo desvelar porque eles aínda non a fixeron pública, pero para nós ten o suficiente atractivo como para que poidamos afondar no estilo do jazz que é un estilo que nos fai falta para a nosa plataforma, pero polo outro lado ten un certo atractivo que cremos que pode ter tirón. Neste caso Tolemias on Demand SL lle dí a Casa de Tolos SL. “Queremos todos os concertos do festival de jazz de Lugo”. E Casa de Tolos xestiona os dereitos e os permisos cos artistas, manda os contratos, explica o que é cada cousa, fai a gravación, posproduce e llo da a Tolemias.






Ligazóns

 

 

 

Sponsored Links: No Frills Flyer, Freshco Flyer, Food Basics Flyer, Walmart Flyer, Giant Tiger Flyer