Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / A música ten Dereito(s)

A LEI DE ESPECTáCULOS ENTRA EN VIXENCIA HOXE CON DúBIDAS SOBRE CAL SERá O SEU IMPACTO NA ACTIVIDADE MUSICAL

A música ten Dereito(s)

MISCELáNEA | xullo 2, 2018

imaxe non dispoñible

Hoxe faise vixente a Lei 10/2017 de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia, publicada no DOG o 2 de xaneiro pasado. Desde hoxe é responsabilidade exclusiva dos Concellos autorizar os espectáculos que ocorren nas súas demarcacións e comprobar que cumpran con todos os requisitos precisos, sobre todo a nivel de seguridade, salubridade e responsabilidade civil. Esta nova lexislación, tan solicitada desde o sector musical , estivo ao mesmo tempo suxeita a moita controversia por determinadas partes do mesmo. A lei, que non entra en ningún momento na regulación do dereito de acceso á cultura, céntrase no tratamento dos espectáculos como actividade de risco e molestas e coloca sobre as costas dos Concellos todo o peso do control cun amplo marxe de arbitrariedade na solicitude de documentación previa, o que resulta moi relevante sobre todo para o que é o seu trato de cara ás comisión de festas das verbenas populares e, polo tanto, cos seus veciños e votantes. A entrada en vigor está a acusar moitas incertezas e inseguridades no sector xa que non está acompañada do necesario desenvolvemento regulamentario nin do nomeamento da Comisión que resolverá as interpretacións da lei e dirimirá calquera controversia ao respecto, tamén falta unha actualización do Catálogo de espectáculos públicos e actividades recreativas da Xunta que poida complementar a nova situación para a música ao vivo en varios formatos.

Era unha lei reclamada e desexada polos profesionais do sector desde facía tempo, pero para algúns deles a oportunidade non se aproveitou para tratar axeitadamente a importancia da música como ben cultural obxecto de dereito de acceso da cidadanía e protexela ademais de como un ben, como industria de importancia e estratéxica para identidade cultural galega. O regulamento final céntrase sobre todo no tratamento concreto das actividades dentro do eido dos riscos civís asociados, coa traxedia do Madrid Arena na memoria, e da afectación en canto ruídos e molestias que poidan xerar na cidadanía e veciñanzas, resultando máis protexido o dereito ao descanso que o dereito de acceso á cultura. A lei, que durante o seu trámite parlamentario tivo desde o seu proxecto inicial dúas emendas presentadas polo propio Partido Popular,13 emendas do PSdeG, 5 emendas do grupo de En Marea e 4 do BNG, Outras 5 emendas ao texto tiveron carácter conxunto por similitudes entre varios grupos. Foi finalmente aprobada cos únicos votos a favor do Partido Popular e a abstención de toda a oposición, sen votos en contra.

A lei das verbenas
Desde os primeiros pasos de preparación da regulación a lei foi popularmente coñecida como a Lei das verbenas, polo que afectaba a estes espectáculos en concreto que se contan por milleiros no nosos territorio e que afectan a milleiros de persoas cunha grande base popular interesada. As comisións de festas axitábanse temerosas do que lles podía ver enriba cun posible endurecemento dos requisitos necesarios para organizar estes eventos desde as súas limitacións profesionais, económicas e de manexos burocráticos. O sector das orquestras, principais afectados economicamente no mesmo sentido, rapidamente se mobilizaron a través das dúas asociación que as representan opara poder ter voz e influenza no redactado final. A Asociación Galega de Orquestras (AGO) chegou a preparar mobilizacións ante o que entendía que ía provocar unha carga de burocracia e responsabilidades imposible de asumir pola maioría de pequenas comisións de festas, o que levaría a un retraemento na organización de eventos. Finalmente estas mobilizacións non se levaron a cabo e a AGO conseguiu introducir na lei elementos que consideraban importantes.

Pola súa banda a Asociación de Empresarios de Música de Verbena Galega (ASEVEGA), que tamén fixo contribucións no trámite de preparación da lei, vían no texto máis cousas positivas que negativas e rexeitaban esas protestas. Desde ASEVEGA interpretaban que a lei reducía as cargas das comisións a presentar ante os concello unha “declaración responsable” de ter todo en regra ademais da contratación dos seguros de responsabilidade civil esixidos, mentres que entraba nos deberes das orquestras e profesionais de estruturas e carpas presentar o resto da documentación de seguridade precisa en cada caso. En realidade, como ben dicían desde a AGO, a falta da normativa que desenvolva a lei e da Comisión que dirima a súa interpretación, o texto é actualmente ambiguo permitindo a cada secretario local esixir unha longa serie de certificacións ou simplemente esa declaración responsable, segundo o funcionario decida e base ao seu criterio profesional. A ambigüidade e incerteza a día de entrada en vigor efectiva é aínda grande, cando a lei leva seis meses publicada. Pero a importancia que para a Xunta ten o sector das verbenas pola súa forte calada popular e capacidade de mobilización , está clara desde o momento quen que a Vicepresidencia publicou no seu web unha folla-modelo de declaración responsable para as comisións de festas e un documento gráfico deixando claro na súa interpretación cales son os deberes e documentación que estas entidades veciñais deben cumprir (engádese a este artigo).

Fórmulas para a música en locais
A pesares de que o prazo para a entrada en vigor hoxe xa corría coa lei publicada desde o 2 de xaneiro, non foi ata finais de abril cando o sector da música en directo que realiza os seus espectáculos habitualmente en locais de hostalería non comezou a inquietarse e levar a cabo accións. Foi nese momento cando en Compostela comezaron as anulacións de actos programados en salas e pubs que, segundo o actual Catálogo de espectáculos, non contarían coa licenza precisa para esta actividade, malia levar anos facéndoo e mesmo formar parte da Rede Galega de Música ao Vivo apoiada pola Axencia Galega de Industria Musical (AGADIC). Un mes estiveron estes locais en Santiago sen dar concertos xa que os convenios que tiñan asinado co Concello as asociacións que os representan caducaran e xa non era posible prorrogalos ao entrar en conflito coa Lei de Espectáculos que hoxe regula estas actividades. Os primeiros en saír a denunciar a situación foron os membros da sección compostelana da asociación Músicas ao Vivo, profesionais directamente afectados pola cancelación dos seus bolos ante o retraemento lóxico dos locais a non levar a cabo actividades que lles puidensen supor duras sancións sen a cobertura institucional necesaria.

Varias xornadas levadas a cabo en Coruña, Santiago e Pontevedra intentaron ir dando resposta ás numerosas dúbidas que creaba esta inminente nova regulación pero as conclusións eran sempre as mesmas: demasiada ambigüidade e unha deixazón de responsabilidades sobre os concellos, que non dispuñan de moitas ferramentas para posibilitar unha actividade cultural malia que a puidesen considerar boa e necesaria. Desde o grupo de goberno compostelano, buscouse a solución momentánea para os meses de verán do amparo aos concertos como ciclos nos que o propio Concello forma parte como entidade promotora, puidendo así utilizar das excepcións da lei para permitir certas actividades musicais en calquera tipo de local de xeito excepcional. Non é unha solución a longo prazo, e menos para o resto do ano, pero nese sentido desde o consistorio capitalino propoñen á Xunta a actualización dos locais que si poden facer actividades culturais dentro do Catálogo de Espectáculos públicos, dando así cobertura a bbares e pubs nos que se leva a cabo moita da actividade cultural de proximidade. Polo mesmo camiño semella que irá o Concello de Pontevedra, cun programa específico, “Cabos Soltos” ao que se poderán sumar os promotores locais de concertos e os músicos, para entrar dentro dun “ciclo” amparado pola propia participación consistorial nel como parte organizadora. Son solucións de compromiso, que é de supor que vexamos repetidas en varias localidades en función do seu interese en manter e protexer a música ao vivo e os pequenos eventos culturais en locais hostaleiros que, a priori, non teñen licenza para isto.

O verán comeza así para as verbenas e espectáculos culturais con aires de incerteza á espera de ver como reaccionan os diferentes Concellos con cada un dos seus supostos de intervención e responsabilidade e tamén na agarda dos pasos, xa algo tardíos, da Xunta á hora de nomear esa Comisión que a propia lei contempla, e de redactar ese regulamento que desenvolva e aclare os aspectos máis confusos que crea este novo texto legal. A actualización por parte da administración autonómica da clasificación das actividades nos locais hostaleiros no Catálogo de Espectáculos públicos, posible e necesaria xa que leva varios anos sen tocarse, é unha das maiores expectativas para conseguir que a presenza da cultura musical en todas partes do territorio e durante todo o ano, non só en verán, sexa unha posibilidade real que poida dar soporte aos profesionais da música e permitir o acceso cultural aos que á cidadanía ten dereito.


DOCUMENTO

 

 

 

Sponsored Links: No Frills Flyer, Freshco Flyer, Food Basics Flyer, Walmart Flyer, Giant Tiger Flyer