Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / Unha epopea rock desde o Barbanza

25 ANOS DE ROCK, LIBERDADE, EXCESOS E CARAMBOLAS DA SORTE NA BIOGRAFíA DE HEREDEIROS DA CRUS

Unha epopea rock desde o Barbanza

ROCK | setembro 25, 2018

imaxe non dispoñible

"Hai 25 anos, dende O Barbanza, os Heredeiros trouxeron a revolución". Quen así se pronuncia é Xurxo Souto, cantante dos Diplomáticos de Montealto. Souto é unha das moitas voces do mundo da música que opinan sobre a banda no libro Heredeiros da Crus. Cuadrilla de Pepa a Loba (Eds. Xerais), que asina o xornalista Antonio Díaz Ageitos. Foron a primeira banda de rock en galego en gravar un disco en directo (All right Chicago [Rockandrol], 2000) e as súas actuacións, sempre multitudinarias nunca deixaban a ninguén indiferente, contaron con club de fans e levaron o máis salvaxe rock en galego por todo o país e tamén a través da televisión, a súa participación no Xabarín Club xa forma parte da historia que marcou a unha xeración deste país. E todo iso sen Internet, redes sociais nin YouTube. "¡Menos mal que non había Internet! ¡Se chega a haber Internet vamos presos todos!" di Tonhito de Poi.

"Mola plasmar a historia do grupo" di Tonhito de Poi, alma máter na creación da banda. Para el ademais este documento pode ter valor para a xente que está a dar os primeiros pasos cunha banda. "Pódelle servir para ver como se peneiran algunhas cousas ou como poden enfrontar algunhas situacións que se dan nos grupos, porque a música é moi pasional e xorden cousas e eu creo que para iso vale", asegura. No libro inténtase contar quen son, de onde veñen e como se explican os 25 anos de vida desta inimitable e inclasificable formación nacida en 1992, desfeita durante oito anos e logo renacida en 2012 como nunha explosión para seguir a ser hoxe unha referencia viva do rock feito en galego. Explicar tal cousa non é doado e a Toño Díaz Ageitos levoulle sete meses de entrevistas e busca de documentación para abordar un traballo que ten moito de especial para el xa que os HDC forman parte da súa memoria sentimental como ribeirán da mesma xeración. "Eu lémbroos no instituto, cando estábamos en COU para as excursións, como empezaban a soar os Herederos de la Cruz, eses primeiros concertos que deron eles alá polo 92-93 cando naceron" di Toño.

Cantar como se fala
O libro inclúe moito material gráfico da historia da banda, recortes de prensa, letras das cancións en 17 capítulos que explican o percorrido desde o pesadelo dun mariñeiro que non quería seguir no mar ata un episodio de volta aos escenarios como poucos se teñen visto, en Galicia ningún. Ademais diso conta dous capítulos asinados por Juancho Rivas nos que se van comentando cada un dos temas dos sete discos de estudio (incluído o EP Criatura,1997) que os HDC teñen ata o momento. As letras das cancións teñen unha gran presenza ao logo de todo libro. Aos Heredeiros hai que coñecelos polas letras das súas cancións, unha das claves do éxito do grupo segundo Toño Díaz que pon a importancia na proximidade do que contan. "Cóntano na linguaxe da xente que os escoita e contan cousas da vida diaria, sen dobres significados, sen metáforas, son así moi sinxelos, moi simples nese aspecto, entón esa é unha das claves do éxito, que contan cousas que afectan á vida da xente que os escoita". Na mesma visión inciden a banda boirense Agoraphobia que asina un dos dous prólogos do libro: "Sabían como ninguén ser dun tempo e dunha terra, e iso chegaba á xente, ese era o segredo". Fixeron himnos de cancións como Jastas pista, Operasión champú, A chaqueta de lana, O fillo de José, Que jallo é, de Jalisia ó estranxeiro...Todas elas coreadas por milleiros de persoas nos seus concertos e levando o galego que falaban na casa como bandeira por todo o territorio nunha normalización de variantes lingüísticas sen precedentes ata ese momento, moi anterior a poder escoitalas nalgunhas series da TVG, "Unha década antes gurús había que afirmaban que o galego no valía para o rock'n'roll", di Xurxo Souto na súa achega ao libro.

"Unha década antes gurús había que afirmaban que o galego no valía para o rock'n'roll", di Xurxo Souto


Para as Agoraphobia o exemplo dos HDC foi determinante "A súa forma de facer e entender a música condicionounos para sempre: se eles podían, nós tamén; á fin e ao cabo vivían ao noso lado, bebían da mesma auga", din elas no prólogo, e aseguran que como banda de rock HDC eran absolutamente homologábeis con outros grupos de rock de calquera latitude: "non tiñan nada que envexar aos grupos que comezaban a ser os nosos referentes, só se diferenciaban en que Heredeiros eran do Barbansa". As Agoraphobia, unha das realidades actuais con maís proxección do rock galego, din sentirse "heredeiras dos Heredeiros". Pero Tonhito de Poi non quere aceptar posicións de decanato nos escenarios malia o lonxevo e precursor da historia de HDC. "Aquí non hai catedráticos. Aquí todos somos alumnos", di Tonhito, "somos un grupo máis, como todos -di- Temos os mesmos problemas e as mesmas ambicións que todos.-asegura- Temos que facer as cousas ben pero estamos no mesmo barco (que os grupos que empezan)".



Aquí hai moito rock and roll
Irreverentes, carnavalescos, divertidos, sen límites, abonados ao escándalo xa sexa polas formas como pola música, Herdeiros son incomparables porque acumulan demasiadas características propias nun só cataclismo e éxtase. Deles di no libro Charly Domínguez (Los Suaves): "Tiñan toda a esencia do rock and roll máis un punto circense". Tamén no libro Susana Seivane os define de "satánicamente espectaculares", colocándoos así nun paralelismo cunha das bandas fetiche dos HDC, as súas satánicas maxestades The Rolling Stones, grupo preferido do guitarrista Tuchiño. Eladio Santos di deles: "iso é unha banda de rock". O músico vigués recoñece que tiña certos prexuízos sobre eles que se disiparon na primeira vez que compartiron escenario: "levei unha gran sorpresa e tamén unha gran lección de arte e autenticidade". Heredeiros dan o seu primeiro concerto en 1992 tras enganar a unha comisión de festas da Dorna dicíndolles que eles son un grupo folk. O soño dun mariñeiro rockeiro, a excelencia dun guitarrista namorado das seis cordas, a explosión dun tímido como frontman indiscutible e a partir daí todo para adiante con breves cambios na formación, sobre todo no posto da percusión e algunha incorporación momentánea feminina ao espectáculo.

Heredeiros dan o seu primeiro concerto en 1992 tras enganar a unha comisión de festas da Dorna dicíndolles que eles son un grupo folk


A historia dos seus inicios é a crónica dun tempo no que non había Internet e vivir o rock and roll na punta do Barbanza, era máis complicado que manter unha relación cunha parella en América hoxe en día. Herederos de la Cruz pasaron a Heredeiros da Crus por obra e gracia da correcta visión do primeiro profesional da música co que tomaron contacto en 1993, Anxo Maciel do estudio Area Master de Vigo, que tamén lles deixou claro que o seu rock en galego da ría e sobre a realidade das súas vidas era o que tiña verdadeiramente futuro no panorama musical do momento, mentres que cantar en castelán letras semellantes ás dos grupos do momento xa o estaban a facer naqueles días milleiros de grupos. Antes diso a gravación dunhas pistas para un playback no programa Galicia Enteira que se ía facer en Boiro levou aos Herederos de la Cruz ao estudio de Vigo, de onde saíron como Heredeiros da Crus, cun contrato discográfico e preparando xa o seu primeiro álbum A cuadrilla de Pepa a Loba e cun estilo que xa os definiría de rock en galego do pobo. A banda que sacou o seu nome dun episodio onírico de Tonhito de Poi tivo a sorte de ir dando con diferentes persoas cuxas achegas foron cruciais. Tonhito recoñece esa débeda que ten moitos nomes "Nós tivemos moitísima xente que nos tratou moi ben e nos deu moi bos consellos, sen eles non nos iamos a comer nada -di o músico- Agora, na música iamos a seguir porque iso non se elixe. Sinceramente eu creo que todos nos iamos dedicar a música. Eso fijo", asegura contundente.

Un xabaril crúzase no camiño
Unha destas carambolas do destino foi o encontro que tiveron con Suso Iglesias, en 1994 o director do incipiente programa Xabarín Club da Televisión de Galicia. O realizador acude a un concerto en Moaña para ver en directo á banda da que xa escoitara falar e proponlles participar no novo programa con algunha canción. Suso Iglesias quere o seu rock en galego do pobo para o seu novo programa, cunha letra iso si, axeitada para a audiencia infantil. Daí sae o Que jallo é que consegue un enorme éxito e catapulta ao grupo e colle a moita xente ao contrapé. Suso Iglesias (máximo responsable do Xabarín Club): "había frikis do R&R que controlaban o que pasaba en Nova York, pero non lles falases de Ribeira que non sabían ni o que era".

"O que marcou unha xeración foi o Xabarín realmente, -di o escritor Antonio Diáz Ageitos- pero dentro do Xabarín a canción dos HDC destacou por riba das demais". O impacto desta proxección desborda as previsións de todos. "Na súa carreira é fundamental o Xabarín." Asegura Díaz Ageitos, "os HDC pasaron de nacer no 92 e tocar nun galiñeiro a estar no 94 nas revistas especializadas como Bambám de Vigo e proclamándoos como mellor grupo de Galicia do ano". Coincide Tonhito de Poi ao falar do programa infantil da TVG como imprescindible para entender o momento: "Marcou un punto de inflexión. Criou un grupo de rapaces amantes do rock and roll e puxo a uns grupos con cachés decentes... O Xabarín fixo moito moito moito", asinte o de Poi. Xustamente será no vindeiro ano 2019 cando o Xabarín tamén fará o seu 25 aniversario.



Por fóra do Bravú
O bulir da música en galego reivindicativa, encabezada por grupos como Os Diplomáticos de Montealto colleu a estela creada polo Xabarín Club para acuñar unha etiqueta propia do país no que unirse: o Bravú. Ese 1994, un festival de bandas en galego en Chantada considérase a cita fundacional do Bravú. Renegados de calquera outra etiqueta que non sexa o rock, ata alí foron os Heredeiros da Crus, pero non estaban dispostos a formar parte de club ningún que os pretendese acoller. "Ao do Bravú nós iamos encantados -lembra Tonhito- porque non tiñamos nin puta idea do que era. Nós eramos fans dos Diplomáticos. ¡Os Diplomáticos cando empezaron eran brutais! ¡Eran para bater coa cabeza no chan! Eu sempre os respectei e os admirei de verdade. -di o Heredeiro- Fomos alá a Chantada. ¿Pero que pasou? ¡Unha parafernalia..!! Pufff!", bufa o músico. "Non era para nós porque non tiñamos nada que ver con ese rollo. Para nós o importante era a música cen por cen pura de oliva." Xavier Valiño, xornalista especializado en música e autor do libro Rock Bravú (1999), lembra que os HDC non aceptaron a súa inclusión nese libro pero cre que fixeron ben porque tampouco se lles podía encaixar naquilo "o grupo, co seu son tan característico, coas personalidades dos compoñentes tan acusadas, co seu verbo libre, converteuse ben cedo nunha das máis gratas anomalías da historia da música en Galicia, da música feita en galego". Xurxo Souto tamén comenta algo sobre este asunto na recente biografía de HDC depexando lendas urbanas de enfrontamento co grupo de Ribeira: "despois de Chantada non volveron a acudir a ningunha outra cita do Bravú. E fixeron moi ben, porque os Heredeiros xa entón eran unha proclama. Un estilo de seu, con poder dabondo para facer historia. (...) O que en nós (Diplomáticos) foi teoría e argumento, estourou dun xeito absolutamente natural- poder do Barbanza concentrado- en forma de Heredeiros". Tonhito aínda ten algunhas lembranzas curiosas daquel día en Chantada :"Puxemos os amplis a tope e montamos un pollo que non fixo falta que non quixeramos seguir no Bravú, ¡xa fomos descartados! Jajajaja. Eu acabei por Chantada en calsonsillos, que aí foi onde saleu o de "se os calsonsillos tiveran bolsillos tería o carnet de identidad, señor agente" Foi brutal".

Remando contra correntes de opinión
Os HDC representaron nese momento a liberdade de facer o que lles daba a gana en cada momento, unha actitude que sempre acada moitas inimizades. O libro de Antonio Díaz Ageitos non elude estes ataques que viñeron fundamentalmente por dúas frontes: o feminismo e unha corrente de opinión difundida entre outras nas páxinas do semanario A Nosa Terra que chegaron a referirse a eles dun xeito despectivo reclamando "grupos dignos na Galiza". Antonio Díaz Ageitos, tras falar con cada un deles ten claro que esas críticas causaban dor dentro do grupo: "A eles doíalles. Doíalles por exemplo o da A Nosa Terra que era un xornal en galego, cando eles eran un grupo que estaban facendo unha labor normalizadora tremenda, porque estaban levando o galego a sitios onde non chegara antes, a un apartado musical onde si había grupos pero eles eran os únicos en facelo masivo." Pola súa banda Tonhito de Poi, di non saber "nin sequera a que se referían" cando lembra ese comentario sobre dignidade en A Nosa Terra e asegura que viron que ían a por eles "dunha forma desapiadada. Xa non se conformaban con poñer todo tipo de burradas sobre nós na prensa. Tanto os de A Nosa Terra como os outros os de "católico, apostólico e romano". Todos nos deron zapatilla dura!- exclama lembrando o momento- Pero nós mantivémonos fortes e unidos e iso foi o que nos deu a vida".

"Forón por nós dunha forma desapiadada. Xa non se conformaban con poñer todo tipo de burradas sobre nós na prensa. Tanto os de A Nosa Terra como os outros os de "católico, apostólico e romano". Todos nos deron zapatilla dura!


Para o ribeirán había un sector de opinión que ía a por eles "nos denigraron completamente". El só ve en todo iso unha postura contra o rock e a actitude rebelde, inconformista e de excesos que o xénero comporta: "Iso todo é porque é xente que non lle gusta o rock and roll, home!.-di categórico- É así de sencillo. E que se che gusta o rock and roll non se che ocorre dicir esas gilipolleces". Segundo Tonhito nesas críticas "daba a impresión de que había un sector, non sei como chamarlle, Gente de opinión que opinaba que o noso non molaba, pero en cambio o público non, o público respondía e nós sempre tivemos moitísima xente, iso si que foi verdade". No libro tamén apuntan ao grupo Milladoiro como os responsables de impedirlles actuar nun concerto en Balaídos de homenaxe ao Celta de Vigo, malia que iso foi negado polo grupo folk. De aí sacaron unha frase coa que chegaron a facer algunhas camisolas: "Nós coas vacas sagradas fasemos churrasco".

As críticas que viñan desde o feminismo eran aínda máis cruentas e ademais víanse apoiadas con accións de sabotaxe a algúns dos seus concertos. Unha corrente do feminismo vía nas súas letras un ataque ás mulleres desde un "machismo fascista e denigrante", sobre todo polo uso da súa linguaxe de "reducido vocabulario que xira o redor dos máis elementales e sinxelos esquemas sexistas" segundo un dos panfletos na súa contra. Unha facción feminista pretendía impedir que os HDC espallaran "unha imaxe dos galegos de bestas e paletos".Nun concerto en 1995 en Santiago, en Salgueiriños chegaron a sucederse altercados. Tonhito lémbrao así: "Viñeron con megáfonos chamándonos machistas e fascistas. Armaron un lío que te cajas". A irreverencia e o politicamente incorrecto das súas letras non impiden que hoxe en día grupos femininos como as citadas Agoraphobia os teñan como exemplos. Do mesmo xeito ocorre coas coñecidas DeVacas, que no libro aproveitan para colocarse tamén como influídas por esa liberdade non-correcta no espectáculo: "Sentímonos dalgunha maneira herdeiras do seu espírito gamberro, que é o que nos permite subir ao escenario e dicir o que nos apetece dicir", din elas.

Morte e resurrección dos "máis jrandes"
O 27 de novembro de 2004, na sala Moby Dick de Madrid os Heredeiros da Crus dan o que sería o seu último concerto antes de separarse case por sorpresa para algún dos membros do grupo. Non todos tomaron ben esa decisión pero había moitas tensións no interior da formación, causadas polo desgaste da convivencia e diferencias unidas a un panorama pouco propicio na industria musical do momento. Tardarían oito anos en volver a tocar xuntos pero a decisión parece que foi a correcta. "Se non chegamos a ter un parón eu creo que nos matábamos todos. Porque a música vívese moi intensamente", di Tonhito de Poi. Antonio Díaz explícanos así esa parte: "Foi un período de reflexión, no que cada un colleu o seu camiño. Eu tampouco entrei demasiado no tema nese capítulo porque ao mellor sería afondar en algo que tampouco era o que quería contar. Pero é certo que hai tocalo porque é un capítulo fundamental que veulles ben para abrir os ollos". O libro explícanos as traxectorias tan diversas que cada membro da banda toma procurando seguir vencellados ao mundo da música case todos menos o baixista Fran velo que colga o baixo e non volve facelo soar durante catro anos ata que empeza outros proxectos.


O Florido Pensil - Volven os máis jrandes from volvenosmaisjrandes on Vimeo.



Pero esta é unha morte con resurrección e segundo coinciden o autor do libro e Tonhito de Poi este tempo deu un resultado moi positivo no proxecto Heredeiros da Crus. "¡Os Heredeiros que saen despois dese parón teñen unha diferencia brutal! -exclama Tonhito- ¡Non o podes nin maxinar!. ¡Demos un paso de xigantes! Foi como cando deixas a terra descansar tempo. E iso foi o que nos pasou a nós. Descansamos e cando nos xuntamos ¡BUM!" O "bum" chegou en 2012. Internet mediante. "Antes non había redes sociais e nós non sabiamos realmente o feedback que tiña a banda.-comenta o de Poi- Nós tocabamos, eran festas enormes, si, pero pasou o día pasou a romería. Cando empezamos a ver á xente no facebook e en páxinas con "que volva Heredeiros" pois dixemos haberá que facer polo menos un concerto". Escolleron unha data significativa, o 20 aniversario, e apoiados desde a promotora AiraPro do cómico Touriñán comezou a moverse nas redes unha campaña que anunciaba enigmática o regreso "dos máis jrandes". Puideron ter escollido o Coliseum da Coruña, pero inseguros do resultado escolleron a discoteca Lp45 de Ordes con capacidade para 3.500 persoas. As entradas esgótanse en dous días. Esa noite a xente se achega ata alí a moreas, algúns disfrazados. Agoraphobia actúan de abre concertos convidadas. Os Heredeiros, cun novo batería, teñen o ánimo nas nubes e dan un dos concertos da súa vida. ¡BUM! "A min mo contan e non o crería na vida. Foi espectacular", di Tonhito de Poi.

"Se non chegamos a ter un parón eu creo que nos matábamos todos. Porque a música vívese moi intensamente", di Tonhito de Poi


O asunto estaba para seguir e seguiron, e seguen. Un público novo se achega visiblemente aos seus concertos. "Nós vemos que a maioría por idade non estaban cando isto empezou todo e aí están nas primeiras filas facendo o mesmo que, por idade igual facían os seus país. O rock and roll ten ese poder. O rock and roll fai ao vello meniño e ao meniño faino home", comenta Tonhito. Tras diso veu un disco novo Jard rock con fe(2013) e despois o 25 aniversario en 2017, esta vez en plena actividade e cunha xira por salas pequenas "por jaliñeiros", como lle deron en chamar. Ademais a reedición dos seus albumes descatalogados e un disco por saír con temas novos e agora este libro que deixa en negro sobre branco unha parte da historia dunha banda de rock como moitas outras, que saíu dos baixos dunha casiña modesta e da paixón polo rock duns rapaces para acabar enchendo festivais, campos e auditorios cantando rock no idioma tal e como o escoitaban e falaban na casa.

"Agora sinceramente nos levamos moi moi ben e nos queremos moito", asegura Tonhito moi sentido. "Nós estamos contentos de deixar escrita a nosa historia...ata agora, que espero seguir. -asegura o músico- Eu llo digo a eles: nin que foramos a morrer, que isto vai para largo e hai que facer moito rocanrol todavía!" Semellante é a visión do autor do libro que ven de recompilar a súa traxectoria ata o punto actual, Antonio Díaz: "Véxoos máis serios, máis profesionais, máis centrados, saben o que teñen que facer, saben o que a xente quere. Son moito mellores músicos. Vexo uns Heredeiros pero moi moi grandes , moito máis grandes. ¡Aínda máis jrandes!"




As cabezas contra as vigas no galiñeiro de Poi (1992) Foto: Cortesía Eds. Xerais
Primeiro concerto como Herederos de la Cruz (1992) Foto: Cortesía Eds. Xerais
HDC gravando videoclip de De Jalisia ao estranxeiro para o programa Desde Galicia para el Mundo de TVE-G. Cortesía Eds. Xerais
Concerto de gravación de All right Chicago (2000) Foto: Pichero. Cortesía Eds. Xerais
Concerto de gravación de All right Chicago (2000) Foto: Pichero. Cortesía Eds. Xerais
Concerto LP45 2014 Foto: Marcos Martínez. Cortesía Eds. Xerais
Concerto LP45 2012 Foto: Marcos Martínez. Cortesía Eds. Xerais
Coa xira dos jaliñeiros procuraron as sensacións dos primeiros concertos (2014) Cortesía Eds. Xerais

 

 

 

Sponsored Links: No Frills Flyer, Freshco Flyer, Food Basics Flyer, Walmart Flyer, Giant Tiger Flyer