Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / DISCO / NAO presentan o seu traballo de despedida 'Ata que o lume se apague'

A FORMACIóN DE ROCK DEDICARá O ANO 2019 A FACER A SúA XIRA DE DESPEDIDA TRAS TRECE ANOS

NAO presentan o seu traballo de despedida 'Ata que o lume se apague'

ROCK | novembro 21, 2018

NAO_ataqueolume_capa.jpg

A banda estradense de metal rock NAO anunciou a saída do seu derradeiro disco e o que será a súa xira de despedida, poñéndolle así data de finalización a trece anos de andaina. O grupo presentou este martes o álbum Ata que o lume se apague nun acto exclusivo para medios, festivais, salas e fans na Nave de Vidán (Santiago de Compostela). Ante eles os músicos responderon á pregunta que moita xente agardaba aclarando o motivo polo que un grupo que funciona, que continúa a ter público e concertos, decide dicir adeus, ao que Jasper, vocalista da banda, explicou: "Chegamos a un punto no que manter a esixencia con nós mesmos e a coherencia co noso público fíxonos tomar a decisión de buscar un final acaído para a banda. Ter un grupo do nivel de NAO supón sacrificar moitas outras cousas e sabiamos que ía ser imposible manter este nivel acadado no tempo. Por honestidade con nós mesmos e a xente que nos sigue, tomamos a decisión de deixalo no mellor momento, como unha conta atrás de tres discos nos que fixemos o esforzo de que remataran sendo o mellor da nosa carreira. Agardamos que a ilusión que depositamos nisto se vexa reflexada nos sentimentos da xente que nos sigue". NAO recibiron no ano 2015 o prestixioso Premio Martín Códax da Música Galega na categoría de Metal.

Ata que o lume se apague é un álbum composto por 13 temas gravado a camiño entre Galiza e Euskadi. Os NAO regresaron a Andoain, aos estudios Garate coma no seu disco debut, e xunto co primeiro productor da banda, Kaki Arkarazo, deron forma a dous dos cortes máis especiais deste disco: unha versión da canción Txoria Txori do cantautor eúscaro Mikel Laboa e tamén a derradeira canción que fechará o derradeiro disco. O resto do álbum decidiron gravalo co produtor dos seus anteriores tres traballos: Iago Pico, nos Estudos PouLand, en Ames. Once temas que innovan no seu característico son e recuperan a forza dos seus comezos baixo textos contundentes e tan actuais como Franco Resurreción, Mazo armado, Alba de Groria ou a canción que lle dá título ó disco Ata que o lume se apague. Non faltarán tampouco temas introspectivos e con moita profundidade aos que xa nos teñen afeitos: Ceder á decepción ou Náufrago a contravento serán algúns deles.

Presentacións en directo
Amós Varela, batería e mánager da banda anunciou as próximas citas importantes que terá o grupo: este mesmo 22 de novembro haberá unha festa preconcerto no Avante (Compostela) con sorteo de entradas, discos e merchandising; o día 1 de decembro estarán no Culturgal ás 20:30h cunha sinatura de discos previa ás 18h (Feira das Industrias Culturais en Pontevedra) e o 5 de decembro a presentación oficial do disco en directo na Sala Capitol (Compostela). A partir do 18 de xaneiro comezarán unha xira de salas que os levará por toda a xeografía galega e que rematará no mes de maio. De cara o verán están a concretar estes días a axenda, habendo xa varios festivais confirmados. Como o grupo viña adiantando en redes sociais, tamén se anunciou a data do concerto final, que será de novo en Compostela o 7 de decembro de 2019. Despois deixarán os escenarios pero continuarán xuntos, en palabras de Jasper: "NAO non se disolve, NAO non se desfai; porque a nosa amizade, a gran familia que construímos cos nosos siareiros e siareiras xamais desaparecerá. O noso amor seguirá sempre vivo."


datos do disco

 

 

 

Sponsored Links: No Frills Flyer, Freshco Flyer, Food Basics Flyer, Walmart Flyer, Giant Tiger Flyer