Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / DISCO / Chega o álbum máis 'Ultralixeiro' de Novedades Carminha

NO SEU QUINTO DISCO A BANDA CONSOLíDASE NA LIñA DO POP FESTEIRO E BAILABLE

Chega o álbum máis 'Ultralixeiro' de Novedades Carminha

POP | febreiro 18, 2019

novedades_ultraligero.jpg

Se do anterior traballo de Novedades Carminha (Campeones del mundo, 2016) xa se podía falar dunha aposta pola lixeireza e a música bailable, a banda compostelá afonda agora nesta liña festeira e xa vai de fronte co nome do seu quinto disco: Ultraligero (Ernie Records, 2019). Atrás quedaron aquelas posturas punk dos seus dous primeiros discos editados co selo Lixo Urbano e agora Novedades abraza o pop de xeito desprexuizado e aberto. Melodías bailables que certamente lles abriron a porta dos festivais e lles proporcionan cheos en moitos dos seus concertos, mesmo en recintos de aforo considerable así como recoñecemento por parte da crítica independente, grazas tamén ás súas letras sempre ácidas ("blandito por dentro y chulito por fuera", cantan), iso segue a ser marca da casa. Ultraligero preséntase cos seus once temas como "un devocionario pop" e unha recompilación de “hits” na que podemos escoitar cancións que o grupo xa foi incorporando aos seus concertos e ten presentado en xeito de videoclip nos pasados dous anos, como Te quiero igual coa colaboración nas voces de Alba Galocha, Verbena, Ya no te veo con Dellafuente, ou a versión de A Santiago voy, para a que contaron con Esteban & Manuel.

Ultraligero, gravouse case integramente no Estudio La Mina de Sevilla con produción de Raúl Pérez e a propia banda (excepto Ya no te veo, que foi gravada nos Estudios Mans) e dita gravación tivo lugar en diferentes fases ao longo dun ano e medio. Novedades Carminha achegan o seu son a rexistros como o dub, a rumba, o funk-soul, a cumbia, a música disco, o chiptune, o hip-hop ou o dancehall. Consolídase así unha "marca Novedades Carminha" cuxa receita a marca un repertorio apto tanto para o coro colectivo en festivais de masas como para os bailes agarrados nas festas parroquiais. O disco xa está nas plataformas dixitais e proximamente en formato físico. Inspiracións que van do máis eclécticas converten a Ultraligero no álbum que asentará indiscutiblemente a Novedades na primeira líña do pop máis descarado da escena independente estatal ante a que defenden que "el vivo al baile, el muerto al hoyo".



datos do disco

 

 

 

Sponsored Links: No Frills Flyer, Freshco Flyer, Food Basics Flyer, Walmart Flyer, Giant Tiger Flyer