Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / O ciclo Monumenta centra nos itinerarios culturais a súa sétima xeira

INCORPORA A GASTRONOMíA AOS OITO ROTEIROS PATRIMONIAIS QUE SE CELEBRARáN NO MES DE AGOSTO

O ciclo Monumenta centra nos itinerarios culturais a súa sétima xeira

MISCELáNEA | xuño 27, 2019

imaxe non dispoñible

A terraza do Centro Galego de Arte Contemporánea en Compostela acollía esta mañá a presentación de Monumenta. Andar con arte. A sétima edición do programa de divulgación patrimoninal da Consellaría de Cultura que coordinan Sinsalaudio e Tomos Conservación e Restauración centrarase na idea dos itinerarios culturais. Deste xeito, cinco dos oito roteiros previstos no mesmo abordarán desde diferentes perspectivas "aqueles camiños de ida e volta que facilitaron o transvasamento cultural e deixaron numerosas pegadas en todo o país".

A arquitectura indiana na vila de Redes, o Laboratorio de Formas de Cervo e a súa relación co exilio, o vencello da emigración coa botánica en Padrón, a música que cantaban os peregrinos en Sober e mais a viaxe no cinema e na literatura desde Ribas de Sil protagonizan as propostas neste campo. A maiores, outras tres andainas abordarán o cambio climático a percorrer a costa Oia, a lingua escrita desde Castro Caldelas e o patrimonio industrial a partir das canteiras desaparecidas de Moaña.

Ao igual que nos últimos anos, todas as actividades contarán con guías especializados que falarán dos distintos eixes temáticos e a maior parte das mesmas integran tamén propostas musicais. Tanxedoras, Faia, O Trícole, Vudú e Dous son as eleccións neste sentido. A maiores, e como novidade, o programa achegará propostas gastronómicas locais ao longo dos roteiros. O queixo de Moaña, a castaña da Ribeira Sacra, o pemento de Padrón ou o percebe de Oia son algúns dos produtos que estarán presentes no Monumenta deste ano.

Os roteiros desenvolveranse nos días 3, 4, 10, 11, 14, 24, 25 e 31 de agosto, e para participar cómpre se inscribir previamente no web da actividade.

 

 

 

Sponsored Links: No Frills Flyer, Freshco Flyer, Food Basics Flyer, Walmart Flyer, Giant Tiger Flyer