Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / A Rede Galega de Música ao Vivo crece

AUMENTA EN SALAS, ORZAMENTO E NúMERO DE CONCERTOS PARA ESTE ANO 2020

A Rede Galega de Música ao Vivo crece

MISCELáNEA | marzo 9, 2020

imaxe non dispoñible

A sala Garufa Club da Coruña, unha das 20 asociadas este ano á Rede Galega de Música ao Vivo da Xunta de Galicia, acolleu hoxe a presentación da programación que se desenvolverá ata finais de ano no seo deste circuíto profesional, unha iniciativa nada da asociación de salas Clubtura hai 13 anos, xestionado pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic). A través del, o público poderá gozar dos 245 concertos de 81 solistas e grupos, 79 deles galegos, que terán lugar en 14 localidades das catro provincias con 20 salas en total, 18 delas socias de Clubtura. A súa programación completa deuse a coñecer nun acto no que interveu o director da Agadic, Jacobo Sutil, e mais os representantes das asociacións que colaboran coa Xunta na promoción da Rede Galega de Música Ao Vivo: Alberto Grandío, presidente de Clubtura, e César Morán, de Músicas ao Vivo.

A cifra de actuacións supón un aumento do 23% respecto das contratacións realizadas en 2019, do mesmo xeito que se incrementou tamén nun 15,5 % o seu orzamento, que este ano se sitúa preto dos 200.000 euros. A Consellería de Cultura e Turismo asume o 90% deste investimento, mentres que o 10% restante correspóndelles aos locais que lle dan forma ao circuíto. Cinco novas salas incorporáronse este ano respecto a 2019: Aturuxo de Bueu, Sala Ruído de Ferrol, Sete Flores do Carballiño, Auriense de Ourense e El Contrabajo de Vigo. Ademais, repiten como parte do circuíto Bâbâ Bar e Garufa da Coruña, A Pousada da Galiza Imaxinaria de Boiro, SalaSON de Cangas, A Ventana de Laxe, Clavicémbalo de Lugo, A Fundación e Pub Gatos de Melide, Náutico do Grove, Borriquita de Belém, Casa das Crechas e Sala Moon de Santiago de Compostela, A Arca da Noe de Vilar de Santos, e La Fábrica de Chocolate e La Pecera de Vigo.

Variedade de estilos
A variedade desta carteleira reflicte os múltiples estilos nos que se manifesta a creatividade musical galega, que aquí van desde o pop e o rock, ao blues e o jazz, pasando polo folk, o punk ou a electrónica. Ataque Escampe e David Regueiro, Mad Martin Trío, Cachas&Cousins, Eladio y los Seres Queridos, Familia Caamagno, The Lákazans, Astrogirl, Bakin Blues Band, Ghavera, Pepe Vaamonde Grupo, Tiruleque ou Aló Django atópanse na listaxe de bandas programadas este ano, situándose na cabeceira en canto ao numero de contratacións.
O ciclo, que conta cunhas bases que esixen ás salas contar cunhas capacidades técnicas e unha bagaxe de programación de polo menos 25 concertos ao ano, garante que os músicos conten cunhas condicións de traballo dignas. Estas bases foron acordadas entre AGADIC, Clubtura e Músicas ao Vivo. Alberto Grandío, presidente de Clubtura, e José Méndez, vicepresidente da asociación, aproveitaron a ocasión para agradecer ao AGADIC a súa implicación co proxecto, e pedir á administración unha maior vinculación co ecosistema das salas de concertos galegas, que permiten que a música en directo chegue a todos os públicos, a pesar dos moitos impedimentos loxísticos e económicos que os profesionais do sector atopan no camiño.

 

 

 

Sponsored Links: No Frills Flyer, Freshco Flyer, Food Basics Flyer, Walmart Flyer, Giant Tiger Flyer