Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / Créase a Asociación Cultural República Musical Mardi Gras arredor da sala coruñesa

PRESENTOUSE CUNHA CAMPAñA DE URXENCIA PARA SALVAR DO PECHE AS SALAS DA CIDADE

Créase a Asociación Cultural República Musical Mardi Gras arredor da sala coruñesa

ROCK | novembro 18, 2020

imaxe non dispoñible

Este pasado luns, 16 de novembro, a sala de concertos Mardi Gras da Coruña facía o seu 21 aniversario, nun contexto no que a súa actividade está totalmente impedida polas restricións decretadas pola Xunta de Galicia desde o pasado mes de agosto. Tras ver pechar outras salas importantes da súa área coma o Bâbâ Bar e o Fórum Celticum os responsables da Mardi Gras quixeron comezar a poñer as ferramentas necesarias para a súa permanencia ata a fin da pandemia e argallaron o plan "Salvar a Mardi Gras". Coincidindo co seu aniversario presentaron a Asociación Cultural República Musical Mardi Gras, un proxecto colaborativo que inclúe a protección das salas coruñesas en risco nestes momentos, agrupadas na campaña #ApoyaTuSala (Mardi Gras, Jazz Filloa, Garufa Club, e o propio Bâbâ Bar en concepto de axuda á liquidación) pero que pretende ir moito máis alá converténdose nun axente cultural máis con alcance fóra dos límites da Coruña, ata en toda Galicia, xa que ése é o rango no que foi rexistrada a súa constitución. Nos dous días que levan coa proposta enriba da mesa xa recibiron máis de 300 correos electrónicos interesándose sobre o xeito de asociarse. Entre os remitentes hai concelleiros e músicos da cidade herculina pero tamén todo tipo de xentes que conciben a Sala Mardi Gras coma parte da súa vida presente ou pasada nestes 21 anos de actividade deste templo musical. Segundo os organizadores hai quen incluso pregunta se pode inscribir como socio xa a un bebé con vistas ao futuro.

A resposta posibilitará inicialmente un apoio económico para o mantemento destas salas durante este período de inactividade e incluso servirá para axudar nos gastos de peche da sala Bâbâ nun exercicio de solidariedade cara a propietaria deste xa desaparecido local. Ademais de contribuír a evitar máis peches na cidade a AC República Musical Mardí Gras participará, cando a actividade musical volva ser posible, coma un socio promotor ou patrocinador en determinados concertos, aminorando así os riscos económicos derivados da volta á programación ou de poder poñer en cartel actuacións musicais talvez minoritarias pero que aseguren unha aposta pola calidade na oferta da cidade. Entre outras das moitas actividades que contemplan promover están as residencias artísticas, a colaboración con artistas para posibilitar a gravación e edición de material discográfico ou audiovisual; a realización de actividades de prevención e concienciación sobre os problemas auditivos que poden derivarse da escoita de música en determinadas condicións; a organización de viaxes a concertos, festivais ou outros eventos relacionados coa música ou accións e actividades culturais cuxo obxectivo sexa facilitar as relacións sociais e evitar a sensación de soidade dos individuos, coma consta nos seus estatutos.

A idea da asociación era previa á situación pandémica e xa desde o 18 aniversario da sala rondou a cabeza de Tomás Legido, programador da Mardi Gras, socio da empresa 10d10 e xestor cultural. Foi xustamente ante a incerto do momento para a supervivencia da sala e polas preocupacións e ánimos recibidos do seu entorno nese sentido que despois do confinamento decidiron concretala. A acta de constitución está fechada o pasado 4 de xullo pero quixeron agardar ata este aniversario para dala a coñecer publicamente e abrirse a novos asociados. Tras dun proceso de estudo doutras asociacións similares crearon uns estatutos con fins amplos nos que puidesen encaixar ideas de actividades culturais de calquera disciplina artística, máis alá do puramente musical chegando ao audiovisual, deseño gráfico, fotografía, ilustración, etc. Ademais a asociación inscribiuse cun alcance para toda a comunidade, o que supón unha expansión posible da marca Mardi Gras por todo o territorio e fai posibles as súas actividades en calquera outra poboación galega xa que, a pesares do seu nome e a evidente relación coa sala coruñesa a actividade da asociación non pretende estar necesariamente limitada ao espazo físico da Mardi Gras. O que si pretende, en calquera caso é que, de chegar tempos peores para este local o seu nome perdure, en calquera caso Legido quere asegurar que arestora non está sobre a mesa un peche de portas permanente da sala, grazas á renovación do contrato de patrocinio por parte da empresa Estrella Galicia, xa que na empresa aínda non entraron axudas por parte de ningunha administración tras todos estes meses de inactividade, tan só os traballadores puideron beneficiarse dos ERTE correspondentes.

 

 

 

Sponsored Links: No Frills Flyer, Freshco Flyer, Food Basics Flyer, Walmart Flyer, Giant Tiger Flyer