Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / DISCO / Guadi Galego presenta 'Costuras', quinto disco en solitario

A CEDEIRENSE CONTA COAS COLABORACIóNS DAS POETAS ANTíA OTERO E MARINA OUROL E DA CANTANTE CATALá PAULA GRANDE

Guadi Galego presenta 'Costuras', quinto disco en solitario

POP | novembro 23, 2020

imaxe non dispoñible

Desde hoxe xa está en plataformas e á venda o que é o quinto traballo de Guadi Galego, Costuras, un disco autoeditado e distribuído a través de Altafonte. A cedeirense presenta neste novo disco 10 temas dos que ao longo das pasadas semanas xa foi deixando coñecer algúns deles coma o que dá título ao álbum. Todas as cancións son composicións de Guadi, nalgunhas conxuntamente co Carlos Abal, parella de vida persoal e musical, e tamén resultas de importancia par ao resultado final as achegas dos músicos Pau Brigada e Vic Moliner ao cargo da produción no Estudi Olivera de Banyoles, onde se gravou este Costuras igual que xa se fixera con anterior traballo Immersión(2019). Ademais a nivel de outras colaboracións o disco conta coas da cantante catalá Paula Grande, na vitalista O que ha chegar e as poetas Antía Otero intervindo cunha das súas poesías xa editadas en Zocos, e Marina Oural que fai o propio en Só con amor, a canción que pecha este disco. Ademais de no apartado musical Costuras conta súa versión física cunha obra do artista plástico Ricardo de Barreiro, que aparece tras da gris capa do disco a través da acción de rascar na portada coma nun xogo de "rasca e gaña".



Guadi Galego ten gañado nos Premios Martín Códax da Música galega xa o da categoría de Canción de Autora (2016) e mesmo este ano 2020 o de Música Pop e Indie. Son dúas referencias non incompatibles e que en conxunto serven para encadrar o que achamos nos seus discos en solitario tras da súa etapa folk. Este Costuras é talvez o seu traballo máis acabado e emocionante e outro paso seguro e firme na súa traxectoria individual< que a coloca coma figura de primeira orde do pop galego en galego e unha figura que nunha situación normalizada coas linguas autonómicas debera ser reivindicada na escena pop de todo o Estado español e máis alá. Xa nese sentido foi galardoada en 2019 co Premio a la Promoción de la Realidad Plurilingüe por Immersión e esa era unha liña que debera ter percorrido máis alá dun galardón.

Poida que Costuras non nos diga nada sobre ela que non soubésemos desde aquel O mundo está parado (BOA, 2016) e xa intuírmaos en Benzón (Músicas de salitre, 2009), pero deixa claro o correcto desa aposta determinada polo seu estilo propio e libre de etiquetas. Os dez temas que atopamos neste tecido de vida que é Costuras, cosidos neste álbum coma nun tapiz son cancións de acabado perfeccionista, no que se ben a instrumentación acústica mantén un alto grao de protagonismo os arranxos permiten a entrada na produción de elementos e bases electrónicas ben encaixados así como de detalles de percusión moi elegantes e efectivos. As letras son intimistas e con narracións e lirismo de profundidade, sen escapar dun gusto pop polos retrousos que xa estivo nos anteriores traballos da cedeirense e que é de celebrar coma recurso da emoción nestes 32 minutos de disco xa sexa en pezas de corte máis nostálxico coma naquelas máis festivas. O pop de Guadi é xa un éxito incontestable no musical que ademais se reflicte na súa capacidade de atracción do público, visible nos seus concertos e que veremos cando estes poidan volver celebrarse para presentar este disco saído en tempos complicados.

datos do disco
Ligazóns

 

 

 

Sponsored Links: No Frills Flyer, Freshco Flyer, Food Basics Flyer, Walmart Flyer, Giant Tiger Flyer