Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / Reler o Cancioneiro (II): Fuliada na Vila

RICHI CASáS REFLEXIONA SOBRE A TRADICIóN MUSICAL E REINTERPRéTAA NO SEU NOVO LIBRO-CD

Reler o Cancioneiro (II): Fuliada na Vila

FOLK | decembro 11, 2020

Fuliada_Na_Vila_capa2.jpg

A historia do seu reencontro co patrimonio musical da familia foi o xermolo do que medrou o documental Dorothé na Vila. No entanto, Richi Casás apostou pola escrita e a composición para facer esa crónica no seu Fuliada na Vila. No libro-CD danse cita a creatividade a partir da tradición, os problemas da xeración actual para se encontrar cos sons doutros tempos e toda unha serie de cuestións arredor destes ámbitos. Na obra, atopamos un novo xeito de reler o Cancioneiro Popular Galego que compilou Dorothé Schubarth.




Na súa casa familiar cantaban. Escoitar a Rosa, a súa avoa, e mais a Adolfina, a tía desta, non era algo estraño nas fins de semana na aldea durante a infancia de Richi Casás. "Eu vivín esta música desde pequeno, cando nas festas a avoa sacaba a pandeireta. Convivín con elas, trateinas e fixemos foliadas xuntos", lembra este músico. No entanto, aquel acto doméstico foise convertendo para este músico nun testemuño de todo o patrimonio que garda a tradición sonora do país. Nesa toma de consciencia tivo un papel fundamental o Cancioneiro Popular Galego de Dorothé Schubarth. Casás agora conta a súa historia nun libro-CD no que reflexiona sobre este legado e reinterpreta aquelas cantigas. O músico xa compartira nunha entrevista do proxecto Punto e Volta a súa perspectiva sobre a transmisión da tradición sonora e necesidade de a axeitar aos nosos días. Ademais, a súa historia serviu como punto de partida para o documental Dorothé na Vila de Alejandro Gándara e Olaia Tubío,

A redescuberta do familiar
Se ben xa estaba familiarizado coa música tradicional como parte da paisaxe sonora habitual, foi o achado casual dun dos volumes do Cancioneiro Popular Galego o que lle fixo pensar na importancia deste patrimonio. Na obra que acaba de presentar, Casás vai explicando esa progresiva descuberta. "Nós tiñamos un volume do Cancioneiro por casa pero non sabiamos quen era Dorothé Schubarth nin cal era o seu traballo. Cando fun coñecendo a música académica entendín as implicacións do que facía. Ela veu aquí a procurar as orixes da música europea, nin máis nin menos. Veu a unha zona socioeconomicamente, digamos, atrasada porque era onde se conservaba mellor". Nos tempos previos a Internet, foron boas doses de azar as que permitiron que Casás fose atopando máis volumes deste monumental traballo, e que descubrise que estes estaban acompañados de gravacións nas que se atopaban as voces de Rosa e Adolfina, na súa propia casa familiar, nunha tarde de 1980. "O descubrimento das gravacións impactoume. Ver a miña avoa reflectida nese documento e, en 2015 descubrir e escoitar por vez primeira, esa gravación que lle fixera Dorothé en Cerceda, cando xa ela morrera tempo atrás, foi moi emocionante. Estaba no Arquivo Sonoro de Galicia do Consello da Cultura, e no medio daquela biblioteca inmensa escoitábaa cantar cos meus cascos, como nos cantaba tantas veces". O que podía ter sido unicamente unha anécdota familiar non quedou unicamente niso.

Entrevista a Richi Casás no proxecto Punto e Volta



Do jazz á fusión
A partir da descuberta destes arquivos de audio o autor mudou o que ía ser o seu traballo de Fin de Carreira no Grao Superior de Jazz do Conservatorio da Coruña. "Ía ser un estudo sobre as implicacións da socioeconomía na historia do jazz, pero esas gravacións mudaron as miñas prioridades académicas e decidín dedicar ese esforzo a explorar as posibilidades da música tradicional dentro dunha linguaxe e dun método como é o do jazz. Así formei o grupo Fuliada na Vila e fixemos un concerto de fin de carreira e un traballo sobre a música tradicional e a súa influencia no jazz e na propia historia da música". E é que Fuliada na vila, e ao tempo o nome da formación que interpreta os temas, o título do disco e mais o do libro, de cen páxinas de texto, que sae acompañando o CD da man de Acentral Folque. Na escolla deste formato para o proxecto, Casás explica que "eu penso que a música tradicional precisa de contexto. Outras músicas xa veñen con el dado, pero a música tradicional nace nun contexto e exprésase dentro del, e iso é o que pretende achegar o libro". Ao seu ver "moitas veces a xente que chega á música tradicional ou, como é o caso, a aquela que parte desta tradición, non sabe de onde veñen eses sons. Ignoran quen eran as súas intérpretes, en que lugares e momentos se tocaba, que xente se xuntaba para tocar e cantar esa música, que era comunitaria. Entón penso que o libro e o disco se complementan moi ben. O libro achega esa información e a historia da música que se escoita no disco, que leva esa historia á práctica musical. Tamén amoso como outras músicas que pasaron por min, do conservatorio, dos Papaqueixos ou da Orquestra os Satélites, onde toquei, converxeron na aparición deste traballo. Fago este libro e este disco coas músicas que me conforman, desde a música clásica á verbena e ao jazz, coas melodías e as letras que cantaban Rosa e Adolfina, aderezadas á miña maneira".

Novos xeitos de chegar ao legado
Do mesmo xeito que aconteceu con el, para a nova xeración que se achega á tradición, obras como o Cancioneiro Popular Galego teñen unha importancia crecente. A dificultade de chegar directamente a persoas que conservan a tradición sonora fai que as gravacións e as obras coma esta aparezan como fontes cada vez máis destacadas. "O Cancioneiro ten un papel fundamental. É unha fonte moi rica, tomada nun momento dramático da tradición, a finais dos ano 70 e comezos dos 80, cando unha xeración que recibiu a música e moitos outros saberes de xeito tradicional e oral comezaba a deixar de cantar. Obras coma esta, que acompaña as análises e as partituras dunha gravación orixinal son unha fonte importantísima e valiosísima", recoñece, aínda que advirte do peso que aínda ten unha tradición viva, con novos transmisores. "Para min a fonte primordial na transmisión desta tradición está na música viva, a que hoxe seguimos cantando cando nos xuntamos para unha foliada ou a que alguén interpreta cando saca unha pandeireta nunha festa".

O túnel
O autor expresa esa creba na transmisión desta tradición sonora cunha metáfora. "No libro falo da Xeración Túnel, a dos nados despois da Guerra Civil, xente que pode ter a idade dos meus pais, que recibiu todo ese patrimonio, aprenderon de pequenos a cantar e bailar, recetas tradicionais, vestíronse como se vestían os seus pais, pero mudaron a súa vida cara ás cidades ou á emigración, e foi a primeira xeración nun longo período de tempo que decidiu non transmitir iso. Decidiron non falarlle galego aos seus fillos, mudar os bailes que facían para mocear e mudar todos eses coñecementos que adquiriran da súa cultura e transmitir outros. E a miña xeración, nada despois do túnel, recibimos esa transmisión, pero sentimos certa morriña, necesidade de reconectar coa raíz, e para isto temos que ir á xeración dos avós. E esa xeración no meu caso, cando non están, só está a través dos arquivos. Podemos acceder á xeración da miña avoa só a través dos arquivos que hoxe están presentes na forma de vídeos ou de audios". Precisamente a mudanza xeracional semella estar relacionada coa nova perspectiva encol deste patrimonio que comenta Casás. Tanto á hora de pensar no papel dos arquivos como no xeito de traballar a tradición, semella que están a se desenvolver mudanzas na nosa sociedade. "Esta xeración, a miña ou a de Olalla Tubío e Álex Gándara aprezamos os arquivos doutro xeito e esiximos que se tomen como bens públicos para a súa consulta, ninguén do eido no que eu me movo, artístico, pedagóxico ou cultural quere tirar un lucro máis do que o propio pracer de consultalos, escoitar unha melodía cantada no ano 70 ou un conto contado por unha muller nos 50. Toda esa cultura agora está máis accesible a través dun arquivo do que a través de persoas vivas que aínda sexan portadoras. Quedan aínda moi poucas capaces transmitir este patrimonio".

O acceso ao patrimonio sonoro
Deste xeito, os arquivos de recolleitas e material gravado da tradición revélanse cada vez máis como un foco imprescindible para traballar con este legado. "O papel dos arquivos á hora de compilar estas obras é fundamental. Teño que reclamar neste aspecto o concepto actual dos arquivos, que continúa a ser o do século XIX. Mesmo os de institucións públicas como o Arquivo Sonoro de Galicia seguen a ser institucións fechadas. No libro conto como para conseguir sacar os rexistros da miña familia tiven que conseguir a autorización da autora. Isto paréceme totalmente anacrónico no século XXI, os arquivos deberían estar dixitalizados e publicados na rede, postos a disposición de calquera persoa que os queira consultar e traballar sobre eles". Casás evidencia a complexa relación entre a necesidade de encaixar aspectos tan complexos como a preservación das varias capas de dereitos de propiedade intelectual dos arquivos e rexistros etnográficos por parte das entidades de memoria coa súa difusión pública.

En relación á difusión do material sobre a tradición musical o autor reflicte nunha crónica ao estilo do xénero negro a situación dos anos noventa, un momento no que as gravacións e as partituras de música tradicional eran cobizado obxecto dun tráfico case ilícito na Coruña. Un tempo no que había que saber ben con que falar e a que locais achegarse para conseguir bo material, contactos e información. "Ese capítulo do libro está feito en forma de novela negra, con moita retranca, pero describe unha situación que continúa a suceder. O maior corpus dos arquivos de música tradicional está hoxe nas asociacións folclóricas. Na mesma época en que Dorothé Schubarh estivo a traballar e ata mediados dos noventa, estas entidades recolleron, gravaron e documentaron, ao seu xeito e con moi boa intención, un corpus extensísimo de melodías, toques de pandeireta, bailes, traxes tradicionais, contos… un lote de patrimonio inmaterial que segue a ser considerado por estas asociacións como unha especie de exclusiva sobre ese minifundio cultural, e non o abren, nin o deixan consultar. Nin sequera ao seu alumnado ou ás persoas asociadas, só teñen acceso a eses arquivos determinados profesores ou directivos", advirte. "Penso que é un erro no concepto, que o que está neses arquivos e patrimonio de todos os galegos e de todas as galegas, e debería ser posto en valor do xeito no que se fai noutros países, publicado na rede co apoio das administracións". A salientar iniciativas nesta liña como a do Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade, apunta que "isto facilita moitísimo a calquera persoa acceder a este material e logo facer labor de creación como a que fixen eu sobre calquera tipo de patrimonio, desde receitas de cociña a contos ou música".

Recoñecementos
A recoñecer o destacado traballo que moitas destas entidades xogaron na transmisión deste patrimonio, Casás apunta que "hai que dicir que os organismos públicos ou privados, en particular as asociacións, tiveron un papel moi importante na difusión. Eu podo criticar moito certas postas en escena de asociacións por pouco naturais. Pero para a miña avoa ver iso no Luar, con eses traxes que, aínda que non reflictan a verdade da tradición, son moi vistosos, supuxo unha dignificación. Cando Mercedes Peón, que foi unha figura fundamental, comezou a levar as mulleres coas pandeiretas vestidas como se vestían, a cantar e tocar como facían, cun micrófono e sen mediar nada, levou a verdade ao escenario do Luar. Estas mulleres fixeron que outras moitas que as vían desde a casa se sentisen reflectidas e valoradas. Aínda que fose unha valoración esóxena, por saír na televisión, para a miña avoa ver esas mulleres a cantar na televisión fixo que se sentise máis cómoda a cantar para nós, que tivese menos reparo en sacar unha pandeireta".



Innovar desde o tradicional
Para alén de vías diferentes para entrar en contacto co patrimonio sonoro tradicional, tamén está a mudar o propio xeito de se relacionar con el, e nos últimos tempo multiplícanse as apostas por innovar a partir do mesmo. "Hai moita xente, e cada vez máis, que leva a música tradicional a outras paisaxes que non son as súas propias. Achégaa ao blues, ao pop, ao ská, a todos os estilos que temos no panorama musical", de xeito similar á súa propia aposta artística. O músico advirte que "agora mesmo non nos quedan prexuízos. A transmisión non se produciu en certo momento, e a explosión da música tradicional cara a outros estilos en Galicia non se deu daquela. Agora esta xeración está a ter o traballo de recorrer a esa xeración de antes do túnel, pero xa non nos chega con reproducir, queremos tamén adaptar. No caso da tradición galega houbo unha interrupción durante uns anos ata que nos 90 o Bravú foi a primeira corrente de xente da miña xeración que recolle a tradición, a música das orquestras e todo o que se estaba a facer noutros ámbitos e transfórmaa nunha música con carácter e personalidade propia. Nesta xeración comezamos a facer outras cousas ademais da simple copia, que está moi ben coller unha pandeireta e tocar para un baile, é algo marabilloso, pero tamén se poden facer outras cousas, e son camiños que están a se explorar agora. Hai videocreación, receitas da man de cociñeiros contemporáneos, hai moda feita a partir de elementos tradicionais.Todo que non estourou nos anos 70 cando podía ter acontecido, está a acontecer agora, todo xunto".

Ritmos para vellos cantos
O seu propio traballo é un exemplo das novas perspectivas sobre a tradición. Lonxe de se limitar a unha adaptación de temas tradicionais ao jazz, Casás apostou co seu grupo por variedade de ritmos e de texturas sonoras nunha fusión que chega aos ritmos latinos e inclúe elementos electrónicos. Segundo explica, esta variedade "penso que vén dada polos membros do grupo. Hai xente de Cuba, de Canarias, de Armenia… e fixemos un disco coas cousas que nos gusta tocar. Entón cada tema está feito nunha linguaxe e nunha sonoridade diferente, gústanos moito xogar con iso, compón un disco fácil de escoitar e no directo resulta moi agradable, moi variado". Dentro desta variedade, "o traballo céntrase en que os músicos respecten ao máximo a esencia das melodías tradicionais. Case todas as músicas que tocamos eran de baile. Muiñeiras, agarrados, valses ou xotas. E fagámolas no estilo que sexa, teñen que seguir sendo bailables. Se facemos un vals-jazz dunha xota, ten que se poder bailar como xota. Tirado o Canto de Nadal e o Alalá das Mariñas, o resto das músicas do disco son de baile. O maior esforzo nese aspecto é adaptar esa música moderna á función de baile que tiña a música tradicional". Desde o nacemento do combo, creado 2015 para presentar o traballo de Fin de Grao do Conservatorio ata o lanzamento do álbum, gravado xa en 2018, foron sucedéndose os ensaios e as actuacións. "Fixemos concertos no Museo do Pobo, en Lugo, este ano nas Festas do Apóstolo de Santiago e no Teatro Colón este mes de novembro", apunta o músico. "Realmente non agardaba que saísen concertos do proxecto, porque mover once persoas é complicado e máis nesta situación, foi unha sorpresa". Neste tempo, "fomos sumando temas, sobre todo de cara aos directos. No disco hai cortes que son máis obras de poesía sonora máis do que cancións, como o tema de Cuba ou a Muiñeira Floreada, que resultan difíciles de interpretar no directo. Entón estamos a recorrer a outros repertorios. As nosas vocalistas Carolina Vázquez, Branca Villares e Pepa Yáñez teñen un repertorio da montaña de Lugo que incluímos nos directos, e por aí imos adaptando novos temas a esta metodoloxía, que eu collín do Jazz".

Malia as dificultades da situación de pandemia para presentar este traballo, Casás considera que tanto libro como disco están a recibir unha boa acollida. "Estou gratamente sorprendido. Todo o mundo me di que o libro se le moi rápido, pero estou moi contento. Penso que a xente da miña xeración enténdeo moi ben, son experiencias que compartimos moitos, ese ambiente escuro dos 90 no que non había referencias nin partituras e todo se facía ás agachadas. Agardo ter máis feedback da xeración dos meus pais e da xente nova, dos millenials, porque non sei as vivencias que teñen sobre a música tradicional". Logo da publicación, haberá presentacións públicas do proxecto, pendentes das restricións por mor da situación sanitaria. "Tiña a idea de facer presentacións en sitios pequenos, bares e asociacións, indo eu só ou co guitarrista. Aí pódese establecer diálogo coa xente que asiste e ver como reciben a obra".

 

 

 

Sponsored Links: No Frills Flyer, Freshco Flyer, Food Basics Flyer, Walmart Flyer, Giant Tiger Flyer