Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / O 'maré'21' é moito máis ca cantos

OFRECE ESTA SEMANA MáIS DE TRINTA CONCERTOS DE ARTISTAS DE DEZ PAíSES EN CATRO DíAS

O 'maré'21' é moito máis ca cantos

FUSIóN | setembro 20, 2021

imaxe non dispoñible

O festival que foi anteriormente Cantos na maré, inicia esta semana en Santiago de Compostela unha nova e ambiciosa etapa, co nome transmutado de 'maré 21' para a súa XVII edición, a meirande do seu percorrido, e incluíndo propostas máis alá da música. Diversidade, intercambio cultural e lusofonía seguen a ser as bandeiras artísticas e lingüísticas deste evento con multitude de propostas musicais e artísticas procedentes das dúas beiras do Atlántico que presenta catro días de festival, con máis de trinta concertos a cargo de artistas de máis de dez países diferentes. O lema desta diversa e plurilingüe edición, "WARETHWA!!!" está en idioma chopi timbilia e significa "avante!!!".

Do 23 ao 26 de setembro o Teatro Principal, o Auditorio de Galicia, a praza da Quintana e o parque de San Domingos de Bonaval acollerán as actividades deste evento que xustamente vai rematar no Día Europeo das Linguas. Nas características conceptuais e artísticas, este 'maré 21' aposta pola creación feminina e da mocidade, a experimentación, as novas linguaxes artísticas e a diversidade cultural poñendo o foco naqueles territorios cos que Galicia comparte lazos lingüísticos, históricos e outros sentimentais das dúas beiras do Atlántico. Así, ademais dunha ampla representación galega o cartel inclúe artistas procedentes de Catalunya, Portugal, Colombia, Brasil, Mozambique, Cabo Verde, Güiana, Arxentina, Malí, Inglaterra, Sáhara Occidental ou Paraguai. Crisol de xéneros musicais e culturas que comparten, no festival maré 21 sonarán melodías pop, soul, blues, música electrónica, experimental, rap, dub, reggae ou folk e outras músicas de raíz escritas e cantadas en diferentes linguas con preferencia polas minoritarias e minorizadas: do mambara ao guaraní, o chopi timbilia, pasando polo catalán, inglés crioulo ou galego, ademais do portugués e o español.

Conceptos irrenunciables
Un festival diverso e aberto coma este representa tamén unha variedade de ideas en consonancia. Así maré 21 presenta como bandeira e foco a defensa dos dereitos humanos, os dereitos civís antirracismo e LGTB+, a diversidade funcional, o feminismo, indixenismo, a igualdade entre pobos e linguas ou contra o despoboamento rural xunto ao gran desafío do cambio climático e a persecución da sostibilidade ambiental, en consonancia cos obxectivos de desenvolvemento sostible (ODS) formulados na estratexia de Festivais e Axenda 2030.



Artistas-activistas como as brasileiras Bia Ferreira, Jéssica Caitano e Luana Flores, a fusión electro andina do arxentino Nación Ekeko, o calypso do colombiano Elkin Robinson ou a paraguaia de orixe guaraní Norma Ávila achegarán parte da gran potencia reivindicativa presente na América Latina. A súa presenza en 'maré 21' pretende ser unha pequena mostra do que o continente sudamericano está a demandar coa música e outras creacións artísticas como vehículos de expresión e difusión de mensaxes. O dúo catalán Maria Arnal i Marcel Bagés veñen de estrear o seu novo álbum, "Clamor", que presentan aquí. Tamén de catalouña chega o recoñecido e polifacético Albert Pla e o músico barcelonés de pop Ferran Palau.

Presenza galega
Galicia contará cunha ampla representación na programación de 'maré 21', segundo o ambicioso programa despregados este ano. En Bonaval poderase escoitar en directo o dúo de pop con influencias do trap e o R&B máis actual, Verto, ou Familia Caamagno, co seu novo disco Había que intentalo. Estarán tamén Davide Salvado, a banda de folk Ailá que presenta o seu disco homónimo Ailá e o quinteto de pop Néboa, premio ao mellor álbum en galego nos premios MIN 2021, entre outros.

Nacho Muñoz, Chefa Alonso e Marina Oural, tres artistas de mundos moi diversos, presentarán Maleducadas. Voz, piano, saxo, percusión, poema, conversa, emocións, corpo, mazás, moa de afiar e unto son algúns ingredientes desta proposta que se estreará neste 'maré 21', xunto coa poesía performativa de Carlos Santiago, o "vídeo mapping" de Fabiana Loyola ou a Orquesta de Malabares de Pista Catro e a Banda de Música Municipal.

Lusofonía presente
O país veciño e a comunidade lusófona terán tamén unha presenza destacada en 'maré 21' como é tradición deste evento. Dende Portugal, o músico, intérprete e compositor de Elvas, Luiz Caracol, presentará só.tão, o seu EP máis recente. A tamén residente en Lisboa, a exactriz e parte do grupo Oquestrada, Marta Miranda, traerá unha nova proposta en solitario baixo o acrónico MIRA.

Do mundo da galeguía, desa orixe común da nosa lingua, e ademais do Brasil –de onde chegará tamén o percusionista Japa System–, en maré 21 volverán soar ritmos de Mozambique. En concreto, os de Timbila Muzimba, a orquestra de oito membros fundada en 1997 nos arredores de Maputo que leva o nome da timbila, un son realizado con xilófonos de madeira típicos da localidade de Zabala, ao sur do país. E do Cabo Verde, Jon Luz e Maria Alice, referentes da morna, virán á maré con Força Irmon, un disco cheo de melodías envoltas nunha clase absolutamente atemporal, tan fresca no seu rigor acústico como moderna na súa intención innovadora.

'maré 21' inclúe a colaboración entre o Trio da Kali e a Real Filarmonía de Galicia. O trío de destacados músicos da cultura mandé do sur de Malí, actuarán nunha coprodución da Real Filarmonía de Galicia e maré coa Orquesta da RadioTelevisión Noruega e o festival Oslo World. Para este proxecto, Paul Daniel director da RFG realizará arranxos instrumentais para corda sobre música orixinal de Jacob Garchik escrita para o disco Ladilikan de Trio da Kali- Kronos Quartet.

Con ese mesmo ánimo de intercambio creativo, divulgación da diversidade cultural, e difusión do legado de Fran Perez "Narf" cando se cumpren cinco anos do seu pasamento, en maré 21 conectaranse unha vez máis Zigala (Galiza) con Zemambiquo (Mozambique), segundo a expresión creada na linguaxe imaxinaria do artista. Contando coa súa familia escénica, na gala de clausura "Cantos na maré" artistas de Galiza e dos territorios africanos de fala galego-portuguesa darán vida de novo a "BUMBA, da Zigala a Zemambiquo... As viaxes de Narf".

Ligazóns

 

 

 

Sponsored Links: No Frills Flyer, Freshco Flyer, Food Basics Flyer, Walmart Flyer, Giant Tiger Flyer