Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / / Soa Bonaval convida a reinterpretar o son tradicional

O MUSEO DO POBO CELEBRA ESTE FESTIVAL EN COMPOSTELA ENTRE O 22 E O 24 DE OUTUBRO

Soa Bonaval convida a reinterpretar o son tradicional

FOLK | outubro 4, 2021

imaxe non dispoñible

Concertos, conversas e itinerarios sonoros compoñen o programa da primeira xeira do festival Soa Bonaval. O Museo do Pobo Galego organiza este evento que entre os vindeiros 22 e 24 de outubro achegará a Compostela os concertos da asturiana Lorena Álvarez, os pontevedreses Peña, ou o compostelán Libredón, que desfragmenta e recompón pezas clásicas cunha linguaxe analóxico-dixital. Ademais, o programa achega a estrea do proxecto Exvba, que nace da unión de Elba Fernández e Xavi Font e que foi creado de xeito específico para a igrexa de San Domingos de Bonaval.

Segundo explica a organización, a proposta pretende "desmitificar os xéneros e as etiquetas, e contar con artistas que traballan sobre os sons clásicos e de raíz, o local e a cultura e a lingua propias, compoñendo músicas plenamente actuais que van desde o electrónico ao folk pasando polo pop, o rock ou o ambient".

Canda ás actuacións, o programa achega tamén unha conversa co produtor catalán Raül Refree, que se complementará coa actuación de Tralo-Valo. Este dúo reinterpreta un repertorio baseado no arquivo que compilou o antropólogo danés Gustav Henningsen no noso país durante os anos 60.
Como feche do programa celebrarase o itinerario sonoro Son[em]peza, desenvolvido pola educadora Carme Campo canda ao equipo do Arquivo do Patrimonio Oral Inmaterial (APOI). Nas datas do festival haberá percorridos guiados e con posterioridade poderá desenvolverse esta ruta de xeito autónomo.

As entradas poñeranse á venda a partir do luns 11 de outubro ás 11 horas a través da plataforma Vivetix do Museo do Pobo Galego. O festival conta co patrocinio do Concello de Santiago, a Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia e mais coa colaboración do Arcebispado de Santiago.

 

 

 

Sponsored Links: No Frills Flyer, Freshco Flyer, Food Basics Flyer, Walmart Flyer, Giant Tiger Flyer