Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / / Tanxugueiras queren amosar por vez primeira a diversidade lingüística en Eurovisión

CO TEMA 'TERRA' AS DE TEO SITúANSE ENTRE AS FAVORITAS PARA CHEGAR AO CERTAME INTERNACIONAL

Tanxugueiras queren amosar por vez primeira a diversidade lingüística en Eurovisión

FOLK | decembro 21, 2021

imaxe non dispoñible

Tanxugueiras son hoxe "Trending topic" en España. Na súa participación na carreira cara ao festival de Eurovisión, as de Teo presentaban na medianoite o tema co que aspiran a representar ao país nese certame internacional de televisións estatais. 'Terra' ten arestora máis de 100.000 reproducións, tras doce horas de presentación oficial na canle de YouTube (houbo unha filtración previa por mor da hora neocelandesa) e a proposta non deixou indiferente a ninguén, sobre todo no que ten que ver coa presenza das linguas oficiais do territorio estatal. "Non hai fronteiras. Ez dago mugarik. No hi ha fronteres. Nun hai fronteres. No hay fronteras ", así repite en galego, euskera, bable, catalán e castelán un dos retrousos deste alalá de Novo Trad das Tanxugueiras. O resto do tema cántase enteiro en galego e fai unha reivindicación da tradición e das raíces coa rotunda afirmación dunhas gorxas que cantan en voces que "veñen para quedar". De saír adiante sería a primeira vez que un tema nunha lingua oficial do Estado diferente ao castelán representaría a España nos 60 anos de certame. Polo festival europeo pasou en 2011 outra artista galega, Lucía Pérez, que contou en castelán a canción "Que me quiten lo bailao".

As redes sociais non tardaron en reaccionar ao vídeo coas letras suscitando, maioritariamente, unha resposta moi positiva, non só entre galego-falantes. A conversa social que coloca ao grupo de Teo como tópico máis comentado hoxe avala a súa proposta como boa representación do Estado plurilingüe ademais de como unha creación musical con forza e valor de seu para acadar un resultado positivo no certame. Antes diso o tema terá que ir en xaneiro ao certame Benidorm Fest, xunto coas outras 13 cancións candidatas e pasar un proceso de votacións que serán en parte populares e en parte dun xurado. Desde as opinións populares o tema de Tanxugueiras tería como máxima competidora a canción presentada por Rayden, un artista co que persoalmente teñen moi boa relación as de Teo e co que intercambiaron gabanzas. Tanxugueiras decidiron presentarse oficialmente ao certame televisivo polas reacciones nese sentido recibidas tras a publicación do seu tema 'Figa', co que se establecen agora moitas comparacións respecto a 'Terra'. A canción podería soar este ano en maio en Italia, o que sería un fito independentemente do resultado das votacións.

 

 

 

Sponsored Links: No Frills Flyer, Freshco Flyer, Food Basics Flyer, Walmart Flyer, Giant Tiger Flyer