Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / DISCO / A gaiteira máis internacional de Galicia presenta o seu terceiro disco "Mares de Tempo"

SUSANA SEIVANE:

A gaiteira máis internacional de Galicia presenta o seu terceiro disco "Mares de Tempo"

FOLK | maio 26, 2004

imaxe non dispoñible

A pesar da súa evidente mocidade, Susana Seivane é xa unha experimentada gaiteira. Desde a súa primeira actuación pública aos catro anos até a presentación do seu último disco "Mares de tempo", este último mes de abril, foron moitas notas as que saíron do seu punteiro, unhas notas que a levaron a ser unha pioneira en desenvolver unha carreira musical a partir da gaita ao tempo que é unha das intérpretes máis valoradas do país.

Como se iniciou a túa relación coa gaita?
Eu empecei de moi pequeniña, xa o levaba nas veas, como se adoita dicir. Aos tres anos xa comecei co punteiro porque cunha gaita normal non podía. Despois tiven a sorte de que a miña familia no meu cuarto aniversario agasalloume unha gaita a medida, e pódese dicir que xa aos catro anos puiden tocar unha gaita fisicamente. Despois xa de moza comecei a colaborar no obradoiro da familia, que tamén é algo que me gusta, pero desde que empecei dun xeito profesional no mundo da gaita, no 98, xa non puiden compaxinar as dúas cousas.

Sabes facer unha gaita entón?
Non, iso é cousa de moitos anos..

"EU TIÑA MOI BO OUVIDO MUSICAL, ENTÓN ERA ESCOITAR UNHA CANCIÓN NA RADIO E XA A INTERPRETABA CO PUNTEIRO"

Como aprendiches a tocar?
Ao empezar tan pequena foi da man do meu pai, que me collía no seu colo e me aprendeu a tocar a escala musical nun punteiro e nun teclado que tiñamos na casa. Ensinoume as pezas máis sinxelas, as que se acostuman aprender cando empezas. Algo que tiven sempre moito ao meu favor era que eu tiña moi bo ouvido musical, entón era escoitar unha canción na radio, ou nun casete ou nun disco, e collía rapidamente o punteiro e xa a interpretaba, cada día aprendía un lote de pezas. Despois aos seis ou sete anos xa entrei no conservatorio de música e fixen solfexo e fixen piano, e iso axuda moitísimo á hora de seguir aprendendo. Isto foi en Barcelona. O meu foi pai foi estudar alí os dous últimos anos da carreira, e coñeceu a miña nai, unha andaluza que tamén fora parar aló. E os dous anos convertéronse en quince. Como o meu pai viu que a estadía ía para longo, montou o seu primeiro obradoiro de gaitas en Barcelona, coma o que tiña o meu avó en Ribeira de Piquín. E agora, desde hai xa dezaoito anos, estamos en Cambre todos.

En que momento deches o paso de tocar de cara ao público?
Cando viñemos vivir para aquí no ano oitenta e seis, eu xa era algo coñecida no mundo da música por ser a neta dun Seivane. Naquel verán fixen unha xira de vinte concertos de solista. Ía eu co meu traxe tradicional acompañada dun tamboril e dun bombo, e participei no festival de Zas, toquei nas Pontes... todo con dez anos. E cada vez era un pouquiño máis coñecida. Despois diso montei algún grupo folk cos colegas, e aínda entrei na banda de gaitas "Os Rexumeiros". Alí primeiro fun gaiteira solista e despois codirixina onda Brais Maceiras, que é o acordeonista que segue estando comigo. Tamén estiven en cuartetos de gaitas... Mais o salto foi no noventa e sete, cando Milladoiro me convidou a participar en varios concertos. Algúns retransmitíronse pola TVG e deron a volta ao mundo por moitísimas televisións, e foi un empurrón que me fixo algo coñecida internacionalmente. Nese ano Rodrigo Romaní e os outros membros de Milladoiro animáronme para que gravara un primeiro disco. A min dábame algo de vertixe presentarme coma Susana Seivane, de feito xa neses concertos do oitenta e seis eu pasábao fatal. A min gustábame tocar, mais o feito de subirme a un escenario e presentarme soa a verdade é que me impuña un pouco. Ao final seguín o consello de Rodrigo, que foi o produtor do primeiro disco, e empezamos a traballar nel entre o noventa e sete e o noventa e oito, e en 1999 viu a luz.

E conseguiches perderlle o medo aos escenarios desde aquela?
Pouco a pouco, agora a verdade é que gozo moitísimo máis.

Semella que neste disco a gaita cede espazo a outros instrumentos.
A gaita segue sendo a protagonista, pero si me apetecía que tivese máis presenza a voz, porque tamén noto que é un elemento que fai os concertos moitísimo máis dinámicos. E sempre me gustou moitísimo cantar, o que pasa é que cada un ten as súas limitacións e eu ante todo considérome gaiteira. Mais é algo que teño a ocasión de ofrecer e, baixo as miñas limitacións fágoo o mellor posíbel. De feito dúas das pezas cantadas compúxenas eu.

"TENTO COLLER, DENTRO DAS PEZAS DE COMPOSICIÓN CONTEMPORÁNEA, AQUELAS QUE PODEN PASAR POR TRADICIONAIS"

Precisamente no teu repertorio altérnanse temas tradicionais con composicións modernas.
No repertorio hai de todo, pero mesmo dentro das pezas que son de composición contemporánea tento coller as que soan a Galicia, as que se me dis que son tradicionais pasan por tradicionais. Eu nunca me considerei compositora, as pezas que me saen sáenme de xeito natural, cando era nena e estudaba piano, facía moitísimas composicións, mais na gaita nunca me dera por compoñer nada decente, digamos, até o primeiro disco, que foi aquela famosa "Sabeliña", que deu moito xogo.

Como ves a evolución do fenómeno folk nos últimos anos?
Estase asentando.Houbo unha explosión que foi importantísimo e axudounos a todos moito para que se diversificase a nosa música. Fóra das nosas fronteiras serviu moito para que se demandase e se comezase a coñecer Galicia. Mais tamén significou que moitos grupos se apuntasen ao carro e tirasen disco sen pensar moito na súa calidade musical. Penso que agora estamos nun momento de calma e de reflexión no que se sustentan eses grupos que teñen unha carreira e que seguen achegando cousas novas e novas cores. Alén diso, este momento de asentamento coincidiu nun mal momento discográfico. Nese aspecto en Galicia estase espabilando un pouco, pero vas fóra e ves que a xente ten unha consciencia cultural e musical incríbel e paga moitos cartos por asistir a concertos. Tamén penso que as institucións se terían que involucrar moitísimo máis, coma fixeron co flamenco.

Ti es unha das artistas galegas que máis traballan no exterior
É o pensamento de sempre, que o de fóra é mellor que o de aquí, entón, se tocas fóra e triúnfas fóra, lémbranse de ti. O de tocar fóra no meu caso veu dun xeito moi natural. No ano 99 tivemos a sorte e a oportunidade de participar no Celtic Connections de Glasgow, que é un dos festivais máis prestixiosos a nivel mundial. Nese festival, que dura quince ou vinte días hai moitísimos promotores doutros concertos e festivais do mundo, e a verdade é que aquel ano tivemos moitísimo éxito alí e iso o que significou é que no 2000 fomos a moitos festivais internacionais, nos que á súa vez hai moitos promotores... Algo que foi moi importante tamén foi a miña aparición na portada de "Folk Roots", que é coñecida coma a "biblia do folk", fun a primeira artista do estado español que aparecía así.

"EU PREFIRO IR MÁIS A MODO PERO SEGUIR AÍ AO TEMPO QUE FAGO O QUE ME GUSTA E NON O QUE ME IMPOÑA CALQUERA VOITRE"

Montaches a túa propia empresa para xestionar a contratación de concertos, por que?
Montei a miña propia empresa de contratación porque como en todas as profesións hai moitos voitres que queren conseguir pan para hoxe e fame para mañá. E a verdade é que a miña filosofía non vai por aí. Eu prefiro ir máis a modo pero seguir aguantando e sustentándome aí ao tempo que fago o que me gusta e non o que me impoña calquera voitre que só queira o beneficio para el. Entón farteime de encontrar xente así e montei a miña propia empresa de contratación e desde alí xestiónanse os meus concertos, levo eu mesma o meu rollo e se me trabuco son eu. Deste xeito pode ser que toque un pouco menos e gañe máis cartos. E nese aspecto síntome unha privilexiada porque tampouco tivemos un ano de seca absoluta, uns tocas máis, outros menos, mais non acostumo baixar dos trinta concertos, que para o folk está moi ben.

Neste último disco inclúes un DVD, o que é unha experiencia inédita neste país.
O DVD pode ser o primeiro que sae de artistas galegos. Queríamos ofrecer algo máis que música. Hai un videoclip, extras nos que hai unha retrospectiva, fotos, unha intervención de Xurxo Souto presentando o disco. Tamén incluímos dous momentos moi importantes que foron o concerto coa Sinfónica de Galicia que fíxemos o ano pasado na Coruña e logo un concerto que fixeramos en Buenos Aires. Tamén temos un 'making of' da Gravación.

Sénteste máis coma unha gaiteira que vai pola romarías ou coma unha estrela do rock?
As dúas cousas. A min encántame ir polas feiras. Son feliz cando estamos na casa facemos unha reunión cos amigos e acabamos bebendo, comendo e a tocar e bailar. Iso é o mellor. Despois subirse a un escenario e poder ofrecerlle a tanta xente o que ti fas é o máximo. Entón hai veces en que si me sinto coma unha estrela do rock, con xente que me sigue e até un club de fans. Cando o souben quedei alucinada, un rapaz de Barcelona fixo unha páxina web que é moitísimo mellor que a oficial e montou un club aló, e cando vou á cidade aparécenme con pancartas e con camisetas que fan eles, e en Madrid igual, e iso está moi ben, sénteste moi querida.

"NA MÚSICA FOLK A NON SER QUE TEÑAS UNHA MULTINACIONAL DETRÁS QUE FAGA TODO POR TI É MOI DIFÍCIL VENDER"

Iso reflíctese nas vendas?
Na música folk a non ser que teñas unha multinacional detrás que faga todo por ti é moi difícil vender. Do primeiro debo de levar entre vinte e vintecinco mil copias, que non está nada mal para este mundo. Véndese moitísimo mellor o primeiro que o segundo porque coincidiu nese momento importante. Do segundo sei que nas dúas primeiras semanas de saír vendéronse sete mil, que é tamén moitísimo, agora debe andar sobre as dez ou doce mil. E do terceiro a ver, porque leva dous días na rúa. Penso que este disco vai dar bastante que falar. É un disco que está moitísimo máis traballado que os anteriores, centrámonos moito en cada instrumento, e eu estou moi orgullosa de como quedou. Dos anteriores tamén, porque o primeiro é súper entrañábel para min, e o segundo tamén.

¿Como ves o problema da pirataría discográfica?
Para alguén que ten que vivir do directo evidentemente non lle afecta. Eu penso que os discos son moi caros, que se pagan uns impostos grandísimos. Eu non lle boto a culpa aos que venden no top manta, que teñen que buscar a vida como poidan, pero as mafias que hai por detrás fan moito dano ás discográficas e á música en xeral. Tamén vexo que están caros mais que un rapaz ao mellor non merca un disco mais merca unha entrada de trinta euros para o fútbol. O folk pode estar un pouco afectado pola pirataría caseira, pero despois é un público bastante legal e comprometido coa causa, que mercan o disco.

"PENSO QUE CON ESTE TERCEIRO DISCO ESTÁ BASTANTE ENCONTRADO O MEU CAMIÑO MUSICAL"

Tes idea de por onde podes evoluír a partir deste momento?
Moitas veces mo di Xurxo Souto que os aborixes australianos pensan que as músicas son camiños e eu estou buscando o meu camiño. Penso que con este terceiro disco está bastante encontrado ese camiño, e gustaríame seguir por aí. Desde pequena bebín moito das fontes tradicionais e é algo que eu sinto e que me leva a vida. Eu escoito algún gaiteiro galego que hai por acó e... fai moita metralleta coa gaita mais ao final non me está contando nada, non me pon os pelos crespos. E pola contra escoito un Pablo Carpintero, un Juanjo Fernández, moitos gaiteiros que non son tan coñecidos que si o conseguen. Entón gustaríame seguir por aí mais a esa conxunción tradicional e dunha raíz bastante pura súmolle o feito de que son unha persoa nova que me fixo noutros estilos, e neste disco hai algunha chiscádela ao hip hop, ao pop ou ao funk. Quero facer música de antes para oíntes de agora.

Cales son os teus vindeiros proxectos?
Temos agora unha xira bastante extensa todo o ano. Estaremos presentando en Madrid, Bilbao, Barcelona, Asturias, en Galicia. Logo estaremos no festival de Cambridge, en Lorient, actualmente ando de xira coa banda de Quimper que fan un espectáculo impresionante. Despois en setembro estarei coa Sinfónica de Tenerife en La Laguna, e, en resumo vou estar bastante atarefada.

¿E o vindeiro disco para cando?
Pois teño xa a idea do vindeiro disco, penso que vai ser bastante bonita e ao mellor para o vindeiro ano xa me poño con el, para aquela penso descansar un pouquiño porque xa levo tres anos sen vacacións.

datos do disco

 

 

 

Sponsored Links: No Frills Flyer, Freshco Flyer, Food Basics Flyer, Walmart Flyer, Giant Tiger Flyer