Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / A pesar de ser un dos espectáculos con maior éxito de público, a ópera continúa a ter asociada unha imaxe elitista

UNHA OLLADA AO PATIO DE BUTACAS

A pesar de ser un dos espectáculos con maior éxito de público, a ópera continúa a ter asociada unha imaxe elitista

CLáSICA/LíRICA | setembro 26, 2005

imaxe non dispoñible

Ao longo do século XX a ópera e os concertos de música clásica constituíronse coma un fenómeno social de elites. A nobreza e a burguesía das grandes cidades acudían aos teatros ver o espectáculo tanto como para alternar, e facía destes lugares artísticos centros sociais de primeira orde onde se resolvían alianzas económicas, políticas e cuestións sentimentais. Na actualidade estes eventos musicais continúan a concentrar a atención de moita xente, tamén en Galicia. ¿Conservan tamén esa destacada función social?

A idea da ópera e dos concertos de música clásica está asociada, no imaxinario popular, á imaxe de homes de mulleres da alta sociedade vestidos de gala e encontrándose en luxosos salóns onde se debate sobre as máis variadas cuestións mundanas e artísticas. E, realmente, durante moito tempo o patio de butacas foi un terreo reservado ao máis selecto da sociedade, tanto polo elevado do prezo das entradas como pola etiqueta esixida para asistir. Aínda que co tempo o espectáculo democratizouse en grande medida, e xa non cómpre vestirse especialmente para asistir, a ópera continúa a posuír un halo de exclusividade.

A cidade con máis ópera
A Coruña é, sen dúbida a cidade galega con máis tradición operística. Desde hai máis de cincuenta anos a Asociación de Amigos da Ópera está a traballar para difundir o xénero lírico e organiza un festival dedicado a este xénero. Ademais, o feito de acoller o Festival Mozart e de servir de sede á Orquestra Sinfónica, fai que os espectáculos deste tipo e os concertos de música clásica sexan parte habitual da oferta de ocio na cidade. Segundo nos asegura César Wonenburguer, director artístico do Festival da Ópera da Coruña, o costume de se vestir dunha maneira especial para asistir a estes espectáculos practicamente desapareceu. “Eses son uns presupostos do século XIX, estamos no século XXI e iso quedou desterrado hai tempo. A xente asiste á ópera como quere e vai xente de todas as condicións sociais”. Os prezos das localidades, que foron no seu momento a primeira barreira á hora de acceder ao teatro oscilan a día de hoxe entre os dez e os cincuenta euros (segundo a localización do asento) para temporadas coma a da Cidade Herculina, “mesmo a entrada máis cara é a terceira parte do que supón ver un espectáculo deste tipo en Barcelona, Milán ou Nova York”, lembra Wonenburger.

Público plural e entendido
Deste xeito, desde a Asociación de Amigos da Ópera consideran que o xénero lírico é na actualidade un espectáculo popular,“así naceu e así continúa a selo”, especifica Wonenburger. Os máis de seiscentos membros con que conta a asociación e a facilidade con que os espectáculos deste tipo colgan o cartel de “Non hai billetes” semellan confirmar as súas afirmacións. Aínda que a alta sociedade local adoita estar presente nas funcións, non é en principio maioritaria. “Eu vexo estudantes, persoas maiores e xente de todo tipo. De todo ese público haberá tres ou catro persoas que serán donos de bancos ou personalidades locais, pero hai unha grande maioría que son persoas anónimas e de clase media aos que lles gusta a ópera”, destaca o responsable do festival coruñés. En xeral, asegura este especialista, as persoas que asisten a estes eventos coñecen os espectáculos que van ver. “As referencias que nós temos é a dos cantantes, que aprecian as reaccións dos asistentes, é que o público da Coruña é dos máis entendidos. Isto non é algo anecdótico, son anos de acudir á ópera, de ver cantantes e ter acceso a temporadas sinfónicas. O público é moi cálido pero tamén moi xusto, e sabe distinguir o que é bo do que non o é”.

Un panorama recente
No outro extremo en canto a tradición operística e de música clásica encóntranse Pontevedra. A apertura do Pazo da Cultura en 1997 achegou un lugar axeitado para grandes concertos de música clásica, un xénero que ata entón estaba confinado no reducido espazo do Teatro Principal. Ademais, desde 2001, a programación cultural de Caixanova achega a este recinto unha media de dúas óperas ao ano, un tipo de espectáculos inédito na cidade ao longo de décadas. Cun prezo mínimo semellante ao da Coruña, o xénero lírico confirma tamén na Cidade do Lérez a súa capacidade de mobilizar o público. “Ten moita demanda de público”, asegura Pilar Portela, directora deste espazo. “adoitan completar o aforo, que son setecentas cincuenta prazas”. A cifra é moi respectable se temos en conta esa escasa tradición previa. “Os concertos de música clásica non conseguen tanta xente, é moi posible que a apertura do pazo crease unha certa demanda”. Neste sentido, Portela recoñece que nesta cidade si se dá unha certa tendencia a ir á ópera por aparentar. “Hai moito snobismo ou como se lle queira chamar. Existe xente que quere ver unha ópera e non coñece o texto nin o libreto”, asegura. Pola contra, “nos concertos o público é xente que escoita habitualmente música clásica, pero na ópera hai de todo”. Na cidade tamén é habitual que a xente coide a súa vestimenta para asistir á ópera, “o público arránxase pero do mesmo xeito que o fan para vir a un concerto ou a unha obra de teatro, isto non é Madrid”, apunta a directora.

En resumo
En xeral, non cabe dúbida de que a ópera está na actualidade, e cando menos en Galicia, moito máis democratizada en canto a público. O relativo baixo custo das entradas no noso país, canda a popularización da música clásica e o vistoso das funcións están a conseguir un alto aforo para este espectáculo. “Ademais de ser o espectáculo máis completo é o máis demandado polo público dentro das artes escénicas”, explica Wonenburger. A pesar de que en ocasión se poida dar unha certa tendencia a asistir a este tipo de espectáculos por quedar ven, parece evidente que non é en absoluto o máis habitual, e que a lírica comeza a se integrar como unha posibilidade máis na oferta cultural do país.

 

 

 

Sponsored Links: No Frills Flyer, Freshco Flyer, Food Basics Flyer, Walmart Flyer, Giant Tiger Flyer