Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / As discográficas ultiman os lanzamentos para a campaña de Nadal

ESTE AGASALLO TEN MúSICA

As discográficas ultiman os lanzamentos para a campaña de Nadal

MISCELáNEA | decembro 13, 2005

imaxe non dispoñible

Estamos en plena campaña de Nadal e se non sabes que regalar, aquí che presentamos unha escolma das novidades que as discográficas galegas preparan para esta temporada. Desde as zarzuelas da Coral Casablanca ata o metal de Talesien, pasando por pop e folck. Música para todos os gustos.

Dá igual o que busques, o mercado discográfico galego presenta ofertas de todos os gustos. Se buscas metal, que saibas que desde o pasado 15 de novembro da man de Falcatruada e co apoio da distribuidora AVISPA, a mesma que distribúe Medina Azahara ou Saratoga, está no mercado “The Blind Carpenter”. Trátase do primeiro disco dos galegos Talseien, un grupo que leva compartindo escenario nos últimos anos con bandas como Barón Rojo, Lujuria, Killer Barbies, Barricada ou Anthrax. Un traballo no que contaron coa colaboración de Pedro Valero, guitarrista de Luar na Lubre, e que presenta un bonus-track “No me hables de amor” que está incluído nun recompilatorio que se lle fixo ao grupo Kraken e un videoclíp.

Literatura en rock
“Longa noite de Pedra” é o título do último traballo de Astarot. Un álbum no que “rockanrolizan” aos poetas clásicos da literatura galega. Negra Sombra, A Rianxeira, Quen Poidera namorala.... son algunhas das cancións entre as que vai un pequeno agasallo. Trátase dunha especie de videoclip e curtametraxe musical dirixida por Xoán Antepazo sobre a figura de María Soliña, a meiga máis coñecida de Cangas.

Ao mesmo tempo, un novo grupo estréase no noso panorama: A caricia da serpe. O seu primeiro disco, chamado coma o grupo e editado polo selo discográfico coruñés Wonderland, amosa 11 temas cantados e contados por Lino Braxe (voz principal), Miguel Ladrón de Guevara (guitarra), Xosé Luis Saqués (percusión) e Rómulo Sanjurjo (acordeón). Rock and roll, tango, rumba, blues e canción protesta combínanse en letras de compromiso crítico e humor.

Xénero chico
Pero se o que precisas é algo moito máis suave o último traballo da Coral Casablanca pode ser o que buscas. Fundada en 1957 no convento dos Capuchinos, no barrio vigués do mesmo nome, intégrase no Círculo Mercantil e Industrial de Vigo. O CD que xa está a venda, conta con dezaseis coros das zarzuelas máis coñecidas e que foron compostas entre finais do século XIX e principios do século XX.

Sobre todo, moita gaita
O bailable, o comprometido, o irreverente, o sabor portugués....todo o estilo dos Carunchos se recolle no seu último traballo. Titúlase “Montealegre” e inclúe 15 temas no que seguen fieis aos seus principios: diversión, denuncia social e a reivindicación das causas nobres. É o seu primeiro traballo autoeditado porque, segundo teñen manifestado nalgunha ocasión, é a única forma que lles garante estar presentes en todos os puntos de venda. Ademais, o grupo que integran Pilar González Barreras, Isaac Teniente Molinos, Pablo Rial Salgueiro, Luís Enrique Correa Piñeiro e Isabel Mouzo Ameijeiras contará ter dispoñible o seu sitio web no Nadal.

Pepe Vaamonde Grupo presenta estes días “Onde nace o vento”, o seu segundo traballo que opta por unha maior variedade musical. Este álbum, que inclúe tamén temas cantados, contou coa colaboración dos vocalistas María Vidal e Xurxo Fernández, co gaiteiro irlandés John McSherry, que foi compoñente de Tamalín, Lúnasa e a banda do mítico Dónal Lunny.


Fusións musicais
¿Que resultaría de mesturar a voz de Guadi Galego (vocalista de Berrogüetto) e o guistarrista Guillermo Fernández? A resposta chámase “Espido” que sae á venda este xoves día 15. Trátase dun traballo intimista e minimalista, só voz e guitarra, que recupera a canción de autor no noso país. Despois poderás velos en pequenos auditorios de toda Galicia porque iniciarán unha xira de presentación deste traballo.

Recompilatorio
Este ano, un dos grupos máis míticos da discografía galega, Milladoiro, presentou unha escolma de todo o que deu de sí a formación para conmemorar as súas vodas de prata. “25” é unha recompilación dos seus traballos con novos arranxos e algunhas pezas novas que serve de resumo da discografía da súa dilatada traxectoria. Con dez anos menos ás súas costas, Ardentía tomou o testemuño deixado por Milladoiro e presentou os seus “Quince anos de viaxe”.

E non tan novos
Xa levan unha temporada no mercado pero ben serven como agasallo. O último disco de Luar na Lubre (primeiro sen Rosa Cedrón que sacará o seu para o verán) “Saudade” que conta coa colaboración de Pablo Milanés e Cida Airam. Por se aínda non o regalaches.

Ademais, Nordesía Producións, o Concello de Pontevedra e a Fundación Caixa Galicia veñen de presentar para este nadal o CD de "Cantos na Maré" que é a edición discográfica do concerto que tivo lugar en Pontevedra no agosto do 2003.

 

 

 

Sponsored Links: No Frills Flyer, Freshco Flyer, Food Basics Flyer, Walmart Flyer, Giant Tiger Flyer