Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / / O primeiro Congreso de Antropoloxía Musical Galega aborda a función da música na sociedade tradicional e na construcción dunha cultura diferenciada

TOCANDO NA MúSICA TRADICIONAL

O primeiro Congreso de Antropoloxía Musical Galega aborda a función da música na sociedade tradicional e na construcción dunha cultura diferenciada

FOLK | maio 18, 2001

imaxe non dispoñible

Se hai moitos xeitos de tocar música, en Lalín tócase dunha maneira moi peculiar esta fin de semana. O encontro de antropoloxía musical organizado polo Conservatorio de Música Tradicional e Folque de Lalín, comprende conferencias, coloquios, exposicións e, por suposto, concertos.

Baixo o tema central da invención da tradición, o Congreso de Antropoloxía Musical Galega que comeza o venres vintecinco en Lalín tratará a relación da música popular coa sociedade e a súa importancia na construcción cultural. Avanzando desde a antropoloxía xeral ata á análise do texto musical, pasando pola situación desta arte no século XIX, contemplaranse os máis diversos aspectos da tradición sonora galega.

Os relatorios: Contexto
O programa do congreso dedica a súa primeira xornada, a do venres vintecinco, a dar unha visión de contexto da música desde a Antropoloxía e a Historia. Con esta xornada búscase comprender o mecanismo de cambio social desde a cultura tradicional á de masas e o reflexo desa mudanza sobre a música. No mesmo sentido investígase como se conservou a tradición musical a través dos cancioneiros e ata que punto a recreación desa música pode considerarse unha invención da tradición ó ter chegado a nós por medios non tradicionais.

Para tratar estes temas interverán o destacado antropólogo Marcial Gondar Portasany, e os musicólogos Pilar Alén e José Antonio Gómez. Todos eles intercambiarán impresións nunha mesa redonda co título "A invención da tradición".


Os relatorios: O Texto
A segunda xornada do encontro centrarase no texto musical en si mesmo, abordándoo coma creación-recreación, coma análise e coma proceso de comunicación. Así verase o emprego do folclore nas novas composicións ou os métodos de análise e de ensino da música popular.

Os encargados de tratar estas cuestións serán o compositor Millán Picouto, o profesor de análise musical Ramón Sobrino e a educadora musical portuguesa Rosa María Torres.


Actividades
Ademais das conferencias e coloquios desta fin de semana, desde o pasado luns véñense desenvolvendo varios actos pararelos.
Así, no propio edificio do Conservatorio de Música da vila pódese ver unha mostra sobre o tecido tradicional e o emprego que se lle daba no século XIX. Ademais das pezas de tecido en si, poden verse algunhas das ferramentas empregadas para facer estas teas. Dedntro desta mesma mostra o luns pasado presentouse o libgro "O tecido" de Manuel Rodríguez Calviño e Belén Sáez-Chas Díaz, editado polo Museo do Pobo Galego.

Ata onte mesmo estiveron a proxectarse no mesmo edificio as películas "Nuestras fiestas de allá" e "Galicia y Buenos Aires", rodadas por José Gil en 1928 e 1931 respectivamente e que amosan as tarefas agrícolas e as festas na sociedade tradicional.

Dentro destes actos realizouse o xoves unha visita guiada ó Museo Etnográfico de Doade, e o día vinteseis, no acto de clausura, proxectarase un video e farase unha homenaxe ó grupo de gaiteiros da comarca "Os dezas". Ese mesmo día está previsto un concerto de alumnos do conservatorio no que interpreterán temas tradicionais arranxados para a ocasión.

Os actos pecharanse o sábado co concerto-presentación do disco de Henrique Otero "O gaiteiro do Fragoso", resumo de toda unha carreira coma intérprete e compositor de gaita.


Conservatorio de Música Tradicional

O Conservatorio de Música Tradicional e Folque de Lalín naceu hai dous anos coa intención de formar profesionais da música tradicional. Nel impártense cursos de diferentes instrumentos coma gaita, zanfona, acordeón ou percusión, ademais de abordar o canto e outros aspectos prácticos de música patrimonial. A nivel teórico tamén se trata o método de estudio da música patrimonial, as últimas tendencias de estudio e a ética e estética da nosa cultura musical.

Actualmente hai oitenta alumnos matriculados, que participan tamén en cursos temáticos, obradoiros e conferencias. O centro é o segundo de Galicia dedicado á música tradicional e o primeiro que busca un proxecto curricular de centro, acadando consolidarse coma o referente na formación no eido da música tradicional.

A dirección do centro está a cargo de Uxía Pedreira, que imparte a asignatura de canto ademais de ser vocalista do grupo Chouteira. Outros profesionais da música implicados no proxecto son José Dopico, encargado da fonoteca e da biblioteca, Edelmiro Fernández, profesor de gaita, Francisco Estévez, docente en percusión ou Óscar Sanjurjo, que dá as clases de sanfona.

 

 

 

Sponsored Links: No Frills Flyer, Freshco Flyer, Food Basics Flyer, Walmart Flyer, Giant Tiger Flyer