Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / O reino da gaita

PABLO CARPINTERO ANALIZA O CONCEPTO DE MúSICA E MAIS OS INSTRUMENTOS DA SOCIEDADE TRADICIONAL

O reino da gaita

FOLK | febreiro 10, 2010

imaxe non dispoñible

O mundo dos instrumentos tradicionais non é monolítico. Nel conviven desde clásicos instroducidos en pleno século XIX ata restos do paleolítico. Pablo Carpintero presentaba recentemente Os instrumentos musicais na tradición galega, unha obra que cataloga e analiza tanto os aparellos cos que se facía música e ruído como mesmo a propia idea de música da sociedade tradicional.

Os instrumentos musicais na tradición galega, publicado por Difusora, nace coa intención de marcar un antes e un despois no coñecemento deste campo. Segundo explica o autor, “había algunha cousa feita, pero normalmente eran publicacións pequenas centradas nalgúns dos instrumentos máis coñecidos. De aí aos 144 instrumentos diferentes que catalogamos hai unha grande diferenza, era un traballo que estaba por facer”. Ademais do propio catálogo dos instrumentos, a publicación aborda por vez primeira inclusión dos instrumentos na clasificación técnica occidental, que atende ao xeito en que producen son. “Amósase tamén por onde estaban distribuídos, a súa historia, como se tocaban, quen os tocaba ou como se fabricaban”, completa Carpintero. “O proxecto naceu coa vontade de deixar o campo estudado e permitir que agora se desenvolvan estudos máis especializados”. O autor advirte no entando, que os contidos, ilustrados por Xosé Ramón Marín, son accesibles a calquera lector.

O proceso
Nada menos que dezaseis anos de traballo de campo, recollendo información dos nosos maiores, ademais de longas xornadas de estudo en arquivos e bibliotecas foron necearios para chegar a esta obra, que viu a luz grazas ao Proxecto Ronsel de recuperación do Patrimonio Inmaterial. “O proceso é o de sempre. Falar con xente de todo tipo, non só músicos. Despois tamén se buscan referencias históricas, iconográficas ou textuais sobre os instrumentos”, explica Carpintero. De xeito curioso, unha fonte importante neste estudo foron as propias coplas populares. “Repasamos case 30.000 coplas buscando cales mentaban algún instrumento e qué se podía aprender das mesmas” lembra o autor.

A definición de música
Canda a isto, a obra de Carpintero abordou tamén cuestións coma a análise antropolóxica do que en Galicia se entende por música e mais por instrumento. Nese sentido, Carpintero advirte que “na sociedade tradicional, hai unha identificación total entre música e melodía. Non se considera música o que é só ritmo, pero iso noutras culturas non acontece”. De xeito semellante, instrumentos como os de percusión considéranse como aparellos para facer ruído ou xoguetes. “Despois, a depender de como o instrumento se achega á melodía ou se a acompaña, considéranse instrumentos ou non ou teñen unha maior ou menor consideración”.

Galicia, reino da gaita
A analizar isto, o estudo buscou o prototipo de instrumento musical que define todos os demais na nosa cultura. “Descubrimos que é a gaita o prototipo. Canto máis se achega á gaita un instrumento, mellor considerado está”, explica o autor. Entre os riscos que se lle apoñen á gaita está por exemplo o feito de que se fai especificamente para facer melodía, que o tocan homes adultos, por contrato, e para bailar, entre outros. “Non son marcadores que a xente diga explícitamente, pero analizando como falan pódense deducir. E a gaita cúmpreos todos”. Achegándose á gaita atopamos, por exemplo, o clarinete. “Aproxímase moito, pero os seus propios intérpretes din que ``non fai tanta música como a gaita´´, non acada a mesma consideración”. No outro estremo estaría por exemplo unha palla de centeo “das que facían os nenos para facer melodías. Normalmente estaría considerada coma un xoguete. Pero se alguén a toca moi ben, ou para facer un baile con ela, nese momento pasa a se considerar un instrumento”.

Clásicos modernos e xoguetes antigos
Nesta investigación, Carpintero descubriu, por exemplo, que algúns dos instrumentos que se consideran máis arraigados na nosa tradición teñen unha orixe relativamente recente. “A xente adoita pensar que a pandeireta é moi antiga, pero ao analizar as coplas, vimos que antes do XIX non existía. De feito o nome na maior parte dos textos non estaba nin galeguizado, o que tamén indica a súa introdución recente. Do mesmo xeito descubrimos que antes empregánbase as ferreñas, que eran semellantes á pandeireta pero sen pel”, lembra. No outro extremo da escala cronolóxica, este investigador localizou unha variante dos fungos. “Son un xoguete composto por un obxecto que fai ruído ao xirar cando se turra duns cordeis que se sosteñen entre as mans. Na Costa da Morte, en concreto, fanos cun óso de porco furado. E resulta que se descubriu a existencia dese mesmo instrumento en escavacións do paleolítico, e ten entre 15 e 20.000 anos de antigüidade”. Outro vestixio da antigüidade apareceu en Ourense. “Nas montañas de Vilariño de Conso os nenos tocaban algo chamado gaitas de castiñeiros, feitas coas codias destas árbores, e cunha palleta do mesmo material. Este foi o rei da música ata hai 2.000 anos. Antes empregouse en culturas coma a celta, a exipcia ou a romana, feito en diferentes materiais, pero o único lugar no que se conserva en todo o mundo é en Ourense”, explica. Algo máis recente, é unha gaita que localizou no Baixo Miño. “Facíase en madeira de sabugueiro, en vez de palleta ten un pallón e leva un corno na punta. E resulta que ese modelo aparece representado nas Cantigas de Santa María”.

A perda
Perguntado encol da conservación deste legado musical, Carpintero é pesimista. “Na memoria da xente de máis se sesenta anos, aparecen eses 144 instrumentos. Se lle preguntas a alguén de agora non pasa de dez ou doce. A música está moi viva pero diminuíu moito a diversidade”. Ao tempo, a mudanza no papel social desta arte vai dificultar a transmisión destes coñecementos. “Antes a música tiña un papel de aglomerar a sociedade e establecía espazos de relación, un pouco como as discotecas agora. Pero antes eran os propios actores os que facían música, iso mudou. E do mesmo xeito, o lugar e o contexto no que existían estes instrumentos está a desaparecer”, conclúe.

 

 

 

Sponsored Links: No Frills Flyer, Freshco Flyer, Food Basics Flyer, Walmart Flyer, Giant Tiger Flyer