Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / A Deputación de Pontevedra presenta un programa de apoio á música profesional en galego

MUSIGAL PROMOVERá CONCERTOS DE ARTISTAS PONTEVEDRESES NOS CONCELLOS

A Deputación de Pontevedra presenta un programa de apoio á música profesional en galego

MISCELáNEA | marzo 16, 2018

imaxe non dispoñible

A área de Cultura e Lingua da Deputación Provincial de Pontevedra pon en marcha o programa Musigal, destinado especificamente a grupos musicais profesionais da provincia, e que conta cunha dotación orzamentaria de medio millón de euros. Segundo as bases da convocatoria, poderán inscribirse no Musigal unicamente artistas e grupos musicais profesionais con domicilio social en Pontevedra, que aborden de xeito específico contidos sociolingüísticos e de dinamización da lingua galega e que nos seus concertos fagan música en galego ou, no caso de ser instrumentais, que as súas pezas sexan de autoría galega. O Musigal inscríbese no marco das accións do Ano da Lingua e segundo explicou o deputado nacionalista responsable da área, Xosé Leal, no espírito do programa Musigal tamén está presente "o apoio que as administracións deben ofrecerlle ao sector profesional da música".

Esta convocatoria, que será aprobada na Xunta de Goberno provincial de hoxe, contempla un prazo de inscrición para os grupos desde a súa publicación no BOPPO ata o 6 de abril, e permitirá que os concellos de menos de 50.000 habitantes opten a un máximo de 3 actuacións ao longo deste ano. "Por unha banda, o que pretendemos con este programa é que os concellos se involucren e aposten pola promoción da música galega e en galego, e por outra, que teñan apoios para contratar música profesional nos diferentes estilos que triunfan hoxe en día, desde os máis clásicos aos máis contemporáneos", asegura Xosé Leal.

A convocatoria contempla a inscrición das propostas en seis categorías diferentes que contemplan circunstancias de xénero ou idade con outras de contido musical propiamente. No eido da promoción da igualdade de xénero, contémplase unha categoría denominada Son muller, na que poden inscribirse grupos nos que polo menos o 60 % das persoas integrantes e a vocalista sexan mulleres. Baixo o nome Son crianza poden inscribirse grupos con espectáculos dirixidos ao público infantil e familiar. Na categoría Son mocidade daráselles cabida a grupos nos que polo menos o 60 % das persoas integrantes sexan menores de 35 anos. A cuarta categoría leva por nome Son tradición e permite que se inscriban grupos de música tradicional galega. As dúas últimas categorías denomínanse Son clásico, para grupos de música clásica que teñan no seu repertorio composicións de autores galegos, e Son actual, para grupos de pop, rock, hip hop e música electrónica. Na documentación que os grupos deben achegar inclúense aspectos como a descrición do espectáculo, acreditando o emprego do galego como mínimo no 70 % das obras musicais que se interpretan. Os concellos poderán solicitar as actuacións inscritas no Musigal antes do 30 de abril.

 

 

 

Sponsored Links: No Frills Flyer, Freshco Flyer, Food Basics Flyer, Walmart Flyer, Giant Tiger Flyer