Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / A instantánea da música de 2019

O ROCK CONTINúA O SEU DEVALO NAS CANDIDATURAS DOS PREMIOS MARTíN CóDAX DA MúSICA

A instantánea da música de 2019

MISCELáNEA | abril 22, 2019

imaxe non dispoñible

Cun nivel de participación estabilizado, as inscricións dos Premios da Música amosan unha progresiva perda da preponderancia do Rock. Fronte a esta tendencia, destaca a emerxencia da Canción de Autor e a estabilidade de diferentes categorías, cun bloque de raíz que iguala en peso os sons máis roqueiros.

Os Premios Martín Códax da música fan seis anos cunha participación consolidada. Os 388 proxectos musicais que se inscribiron nas diferentes categorías manteñen aproximadamente as cifras das últimas edicións, (397 en 2018, 386 en 2017 ou 396 en 2016, por repasar as últimas). Esta cifras, aínda que lonxe de comprender o universo de todos os proxectos musicais activos no país en cada ano, consolidan o potencial destes inscricións como termómetro das tendencias sonoras galegas. Segundo sinala Sonia Lebedynski, presidenta de Músicas ao Vivo, asociación que organiza o certame, "estamos satisfeitos coas cifras de participación. As inscricións corroboran que a música galega goza de moi boa saúde e non escasea o talento". No caso dos Premios Organistrum semella detectarse un certo declive en canto á participación de salas, que nas últimas dúas xeiras pasaron de 17 a só 11 candidatas, ao igual que nos medios de comunicación, que tamén minguaron de 21 a 15 no mesmo período. No entanto, os festivais recuperan lixeiramente presenza e acadan as 25 propostas, tres máis que na nesa xeira e 1 máis do que en 2017.

Consagrados e música en galego
Ao igual que nos últimos anos, nunha primeira ollada nas candidaturas destaca a relativa ausencia de nomes consagrados fronte a un peso destacado de proxectos novos. Segundo recoñece Lebedynski "hai moitas propostas que son novas e poden ter pouca transcendencia mediática. Quizais notamos a falta de propostas que están en primeira liña e que teñen participado en moitos casos nalgunha das edicións anteriores. Faltan proxectos que están na primeira liña da atención dos medios, pero a participación é libre. Para nós sería moi gratificante reunir o maior abano posible da música que hai en Galicia, con independencia dos anos de traxectoria". Dentro dos proxectos musicais do país semella que aqueles que empregan o galego como lingua vehicular teñen en maior medida estes galardóns como referencia. "Desde a directiva queremos deixar claro que os premios queren integrar todos os estilos feitos en Galicia con independencia da lingua. Sen ter as porcentaxes exactas dese dato, é certo que hai unha grande presenza do galego nas candidaturas. Pensamos que isto responde a factores como que estes proxectos teñen claro que o territorio no que se desenvolven é o do país", polo que apostarían máis polos premios galegos.

As maiores subas e descensos
A remontada da categoría de Canción de Autor, que se sitúa nas cifras históricas de 2016 cun 12,1% dos proxectos, e mais do Pop e Indie, que recupera o peso perdido na última edición e supón tamén o 12,1% con 47 inscricións, aparecen como as mudanzas máis destacadas da nova xeira. O epígrafe de Hip-Hop e Músicas Urbanas rexistra pola súa banda a maior mingua porcentual a respecto da última edición, e pasa do 6 ao 3,6% do total de propostas con só 14. Mentres, a Música Clásica e Contemporánea tamén sofre unha certa baixada do 6 ao 4,9%, con 19 inscricións. Mantense como xénero maioritario, aínda que cada vez menos, o rock, que suma o 13,7% do total e fica con 53 iniciativas a concurso.




Gráfico da evolución de xéneros por porcentaxes

Posicións
A recuperación da Canción de Autor ata o segundo posto (empatada con Pop e Indie) relega de novo o Folque á cuarta posición entre os xéneros con máis adeptos, a sumar 39 propostas. Séguena a Músicas do Mundo cun 8,5% de inscricións, correspondentes a 33 iniciativas. Jazz, con 24 proxectos e un 6.2% do total, e música infantil con 23 e un 5,9% continúan a listaxe. A leve recuperación do Metal deixa o xénero, empatado con Clásica e Contemporánea, no sétimo lugar cun 4.9% dos proxectos inscritos cada un e practicamente en igualdade con Reggae, Ska e Mestizaxe e o seu 4,6 por cento. Polo final continúan, como é habitual no certame, os Coros e Grupos Vocais, con só 8 inscritos nesta xeira (1 menos que en 2018) e Orquestras e Músicas de Verbena, que só con 7 propostas fechan a clasificación mesmo logo de sumar dúas propostas sobre 2018.




Gráfico da evolución de xéneros por total de inscricións

Transvasamentos e representación
Para a organización dos galardóns, as mudanzas no peso dos diferentes estilos en xeral "son fases cíclicas. Hai anos nos que se transvasan proxectos dunha categoría a outra", sinala Lebedynski. "Nesta edición a de Autor é unha das que máis proxectos ten, canda a Pop e a Rock. Entendemos que en xeral son músicas que teñen unha maior presenza na escena musical, e que é esa proliferación a que se fai palpable nos premios". Pola contra, a falar sobre algún dos estilos con menos inscricións apunta que "hai casos nos que aínda que semellan minoritarios polo número de proxectos, na realidade non o son tanto. A música clásica por exemplo, non conta con poucas propostas no panorama galego, pero temos que conseguir que a xente se sinta identificada cos premios e que se inscriban. Cómpre continuar o traballo de difusión" recoñece.

Xéneros con peso específico
A repasar o peso de cada xénero por anos, é sinxelo comprobar a simple vista como son moitos os que con lixeiras variacións manteñen a súa importancia porcentual ano a ano no país. É o caso do Jazz e as Músicas Improvisadas, do Reggae, Ská e Mestizaxe (onde se pode albiscar unha lixeira tendencia crecente), do Metal (cun lixeiro movemento á baixa) ou da Electrónica. Tamén se pode pensar en certa estabilidade do Folque. Se ben a incorporación a esta categoría da de música tradicional en 2018 supuxo un destacado incremento da súa presenza, desde entón o seu peso (arredor do 10% do total) tende a se manter ano a ano. Fronte a estas, existen outros tipos de músicas que amosan un comportamento máis incerto. Deste xeito, resulta moi difícil avaliar a tendencia de grupos Pop e Indie, que sofren destacadas variacións en canto á súa presenza nas candidaturas ano a ano. O mesmo acontece coa Canción de Autor ou as Músicas do Mundo. Semella claro o devalo que está a sufrir o Rock nos últimos anos, unha tendencia que comparten, a menor escala, as categorías de Música Clásica, a Vocal, o Blues, Funk e Soul, ou as Orquestras e Música de Verbenas. Os xéneros emerxentes na historia deste certame fican reducidos ao Hip-Hop, que se ben este ano cae logo da explosión do pasado ano mantén unha evolución crecente, e mais á Música Infantil (aínda que tamén cunha mingua nesta última xeira).

Tanta raíz como rock
Por bloques, dáse por vez primeira un empate entre os xéneros máis roqueiros e os de raíz. Deste xeito, a suma de Rock e Metal fica nesta ocasión co 18,6% do total de propostas, medio punto máis do que na anterior xeira, mercé á leve suba da variante máis dura. Pola súa banda, Folque e Músicas do Mundo suman exactamente o mesmo resultado, logo de no pasado ano tomar a dianteira por primeira vez. A atender á suma das cinco categorías cunha maior representación, un 56,5% dos proxectos fai parte dunha das mesmas, fronte ao 52.9 do pasado ano e ao 55,9% do anterior (no que aínda existía a categoría de tradicional). En xeral, semella que non hai grandes mudanzas en canto á hexemonía dos principais xéneros nas últimas edicións, e que os movementos se centran maiormente no seo deste grupo.



Porcentaxe de xéneros das candidaturas de 2019

As tres cidades da música
A nivel xeográfico, a propia organización dos premios atendeu á distribución dos proxectos musicais presentados. Segundo recolle a nota de presentación de candidaturas "a provincia con máis proxectos inscritos é Coruña con 214, seguida de Pontevedra con 162 e Ourense e Lugo con 29 e 28 respectivamente". Por cidades, Vigo está á cabeza con 72 inscritos, seguida moi de preto por Santiago con 69 e A Coruña con 56. Estas tres urbes concentran o groso dos proxectos, a sumar 197 dos presentados. "A moita distancia quedan Pontevedra con 19, Ourense con 16, Lugo con 13 e Ferrol con 12", explica a organización. Alén destas destaca tamén a pegada de "poboacións próximas ás grandes cidades ou que forman parte dunha área metropolitana como Mos, Moaña, Porriño, Sada, Redondela, Sigüeiro, ou Nigrán" canda a casos destacados como "O Barco e a zona do Barbanza con proxectos concentrados sobre todo en Ribeira e Boiro". Para alén destes, a organización destaca a presenza de proxectos con participación galega que se inscribiron desde lugares como Asturias, Barcelona, Londres, Alemaña ou mesmo Taiwan.

Festivais: máis e dispersos
O número de festivais que se candidatan aos premios medra ata as 25 propostas. Sete da Coruña, 4 de Lugo, 3 de Ourense e 11 de Pontevedra confirman a hexemonía desta última provincia neste aspecto. Como era de agardar, é nesta categoría onde a presenza de proxectos fóra das cidades se fai máis patente, xa que só oito das propostas teñen a súa base en ámbitos urbanos. O Jazz De Ría de Ferrol, o Melona Fest e o Son do Camiño de Compostela, o Caudal e o Fa Ce La en Lugo, o Galegote Rock e o Surfin the Lérez de Pontevedra e mais o Elas son Artistas da Coruña son as únicas propostas con sede en cidades. Como é habitual no certame, destaca a ausencia da práctica totalidade dos grandes festivais do país nas candidaturas. Unicamente o Son do Camiño está nunha listaxe na que non aparecen o Resurrection, o PortAmérica, o SonRías Baixas ou o de Ortigueira.



Distribución de festivais por provincia

Menos salas en liza
A presenza de once salas a se candidatar a esta categoría dos Premios Organistrum marca o mínimo histórico de participación nos premios. A cifra verifica a tendencia á baixa que rexistra este campo desde 2017. Como en anteriores xeiras continúan a destacar as inscricións de espazos pequenos e situados fóra dos grandes núcleos urbanos canda á continua ausencia dos nomes máis recoñecidos do país neste campo. Deste xeito, dúas salas de Vigo, outras tantas de Ferrol e de Compostela e unha da Coruña son a única representación das urbes do país na categoría. Fronte a elas, Vilar de Santos, Boiro, Melide e Mos erguen o pano da cultura musical fóra das cidades. Por provincias, no entanto, os datos amosan a continuidade da hexemonía Atlántica, con só A Arca da Noe como mostra dos locais que traballan fóra da Coruña e Pontevedra.

O peso da radio
A nivel de medios, a cifra case se repite con só unha baixa a respecto do pasado ano. No entanto, o retorno a esta categoría de múltiples candidaturas de programas da Radio Galega detén o que sería doutro xeito un grande descenso na participación. O medio público, case ausente na última convocatoria dos galardóns, presenta 5 proxectos nesta categoría. Isto fai da radio o soporte que conta cun maior peso na mesma, cun total de sete propostas. A rede fica relegada ao segundo posto con seis proxectos, dos cales tres son tamén de carácter audiovisual. A presenza de dous suplementos clásicos da prensa, como son o Fugas de La Voz de Galicia e o ViSaDo do Faro de Vigo completan a listaxe cunha pouco habitual presenza de medios impresos.

As novidades e as vindeiras propostas
Como está a ser habitual desde a primeira xeira dos premios, a Asociación Músicas ao Vivo mantén a súa revisión permanente da organización dos galardóns e das súas categorías. "Hai novas propostas para ir pulindo e mellorando", explica a presidenta do colectivo. "A nivel de categorías, máis que reunificar ou excluír, temos que conseguir que os proxectos se sintan identificados con estes premios". En particular, en casos recorrentes como as de Músicas de Verbena e a de Vocal, "teremos que falar coa xente que entraría nestas categorías e ver se teñen propostas de mellora que fagan que se sintan máis representados". A actual directiva, con seis meses no cargo, xa promoveu modificacións como é o novo web do certame. "Para alén dun deseño máis limpo, queriamos que fose un repositorio real e actualizados dos proxectos musicais en Galicia. Que non fose só un punto de encontro para inscrición, senón que unha vez rematado servise de ferramenta para os promotores e entidades que queiran promover a música feita en Galicia, ademais de para o propio gremio coñecer proxectos aos que ao mellor non tiña acceso con facilidade", explica Lebedynski. Canda a isto, os formularios de inscrición permitiron aos proxectos da Coruña e de Compostela se integrar nos censos musicais destas cidades. De cara á vindeira gala, a organización continuará a apostar pola inclusión, en particular a procurar unha clara presenza feminina no acto de entrega. "Cómpre apoiar a creación de referentes neste sentido non só durante o transcurso da gala", sinala a presidenta. A maiores anuncia "unha mellor produción na retransmisión do acto". Antes diso, este mércores 24 de abril coñeceranse os finalistas desta xeira. As opcións están abertas.

 

 

 

Sponsored Links: No Frills Flyer, Freshco Flyer, Food Basics Flyer, Walmart Flyer, Giant Tiger Flyer