Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / A final dos Premios da Música

CINCUENTA E CATRO PROXECTOS COMPITEN POLOS GALARDóNS DE MúSICAS AO VIVO EN DEZAOITO CATEGORíAS

A final dos Premios da Música

MISCELáNEA | abril 25, 2019

imaxe non dispoñible

Con moitos nomes familiares os Premios Martín Códax da Música daban a coñecer este mércores 24 de abril a listaxe de finalistas na súa sexta edición. A presentación de candidatos que se celebrou na sede das Adegas Martín Códax en Cambados achegou moitas caras novas canda a proxectos que recuncan entre os favoritos.

A Asociación Músicas ao Vivo daba a coñecer onte os 54 proxectos finalistas que optan a se facer con algún dos galardóns dos VI Premios Martín Códax da Música nas 18 categorías da convocatoria. As instalacións das Adegas Martín Códax en Cambados acolleron como é habitual a presentación destes candidatos nunha festa que contou, ademais de con representantes dos proxectos seleccionados, coa presenza da presidenta de Músicas ao Vivo, Sonia Lebedynski, co director da Axencia das Industrias Culturais Jacobo Sutil, co deputado de Cultura da Deputación de Pontevedra, Xosé Leal, ca alcaldesa de Cambados, Fátima Abal ou co presidente das Bodegas Martín Códax, Xoan Allegue entre outras persoas convidadas.

As cifras
Os votos dos socios e socias desta entidade seleccionaron os nomes con opcións a se facer cun destes recoñecementos entre o total de 441 proxectos inscritos no certame. Dos que chegaron a esta fase, 26 dos proxectos xa estiveran presentes nesta selección en anteriores xeiras, e destes hai cinco que xa resultaran premiados. Cómpre lembrar que a organización impide repetir candidaturas a aqueles proxectos galardoados na última xeira do certame. Segundo sinala Sonia Lebedynski, "son uns finalistas moi variados, e esta é precisamente a nosa intención. Pensamos que, agás nas categorías que teñen menos participación, como son Orquestras e Grupos Vocais, hai bastante diversidade a nivel de propostas e de formacións".

As renovacións
E é que, tal e como sinala, son aquelas categorías cun maior nivel de participación as que rexistran máis novidades nos nomes finalistas. É o caso do Rock, onde dos tres seleccionados unicamente Mad Martin Trío ocupara con anterioridade esta posición (máis concretamente o pasado ano) mentres Bala e Familia Caamagno son debutantes. Do mesmo xeito, en Pop e Indie, Oh! Ayatollah e Igloo chegan por vez primeira á final mentres Espiño repite logo do pasado ano. Pola contra, nas seguintes categorías hai máis nomes coñecidos. No caso do Folque só se incorpora Habelas hainas a un trío no que repiten, como nas dúas últimas xeiras, Tanxugueiras e Os d'Abaixo. Do mesmo xeito, MJ Pérez, que compite cunha Su Garrido de longa traxectoria e con A Banda da Loba, xa presente na final do pasado ano co seu primeiro traballo, é a principal novidade na categoría de Canción de Autor/a. Nas Músicas do Mundo son Marcos Teira-Nós e Oíma as novidades nunha categoría na que só se repite Turma Caipira de 2018.

Outras novidades
Alén dos cinco xéneros maioritarios, é de destacar a importante renovación que se dá nos nomes de Jazz e Músicas Improvisadas que chegan á final. Unicamente Xacobe Martínez Antelo Trío repite a respecto do pasado ano, mentres Ontology-Xosé Miguélez e Pablo Castaño Quartet con Ugia Pedreira incorpóranse á listaxe de finalistas. A remuda resulta aínda máis destacable se temos en conta que só había 24 proxectos a concurso. De xeito similar, na Música Infantil os novos proxectos de Xoán Curiel, A casa do terror e o Concerto Punk Infantil conseguen opcións ao premio canda a Olga Brañas, xa candidata na anterior xeira. Déixase sentir menos a remuda no campo da música electrónica, onde a revelación de Baiuca comparte espazo con formacións como Cintaadhesiva ou Músculo!, xa habituais en anteriores convocatorias. Pola contra, no campo da Música Clásica e Contemporánea a incorporación de Tangata coa Orquestra Clásica de Vigo e mais de Adrián Saavedra deixan únicamente a Son Trío como repetidor. É en Metal no primeiro xénero onde atopamos nomes verdadeiramente clásicos dos galardóns. Nao, que malia a non estar o pasado ano nos galardóns suman dúas finais e un premio na historia dos mesmos, e Raiba, xa presente nos últimos dous anos, deixan Cabodano como única innovación.

As categorías con menos peso
Carmen Rey é a única proposta que repite en Blues / Funk / Soul (e se mantén na final desde 2017), coas debutantes Vudú e Carla Green & The Demons como competidoras. En Reggae, Ská e Mestizaxe os xa clásicos Banda Crebinsky, ausentes da final de 2018 pero con dous premios e dúas finais ás costas, voltan a ocupar un posto. Canda a eles, repite do pasado ano The Turre´s Band e incorpórase García Mc & Nación Quilombo (que xa chegara dúas veces a esta posición). De xeito similar, a sempiterna Wöyza (catro veces finalista e cun galardón) volta á final logo de faltar o pasado ano, e compite con Ezetaerre e Rebeliom no Inframundo na única categoría na que non se repite ningún nome de 2018. Dos dous xéneros menos participados, no de Coros e Grupos Vocais repite por segundo ano consecutivo Sisters in the House na final, en competencia con Ejazz (que xa recolleu un galardón) e Zoelas. Finalmente, nas Orquestras e músicas de Verbena, atopamos un ano máis a Los Satélites (3 nominacións e un galardón), desta volta en liza con América de Vigo e mais Timparrantela.

Emerxencias e traxectorias
Fronte á persistencia dalgúns nomes na final do certame, é de destacar nesta xeira a cantidade de propostas que, cunha traxectoria relativamente curta, conseguen chegar á última fase da selección. Tal e como sinala a propia asociación organizadora, trátase de "moitísimos proxectos novos que entran a formar parte da gran familia de escollidos que cada ano optan aos galardóns da nosa música. Nesta edición destaca a relevancia dos proxectos de electrónica con propostas moi aclamadas fóra de Galicia como Baiuca e Músculo". Canda a eles, outros proxectos cunha traxectoria emerxente son Concerto Punk Infantil, Cabodano, Ezetarre, Oîma, Oh Ayatollah! ou o festival Jazz da Ría (con só dúas edicións ás costas). Encol destas incorporacións, Lebedysnki apunta que "a traxectoria é un indicador moi potente, pero non queremos que sexa determinante nos premios. Son os socios os que sitúan os proxectos nestes postos, e quen está facendo as cousas ben, consegue este recoñecemento. As novas propostas deben ser benvidas e consideradas pola súa calidade". É de salientar tamén a incorporación de múltiples iniciativas femininas na final, nunha grande parte dos casos entre as debutantes. Son os casos de Vudú, Habelas Hailas , MJ Pérez (quen completa triplete feminino da final en Canción de Autora con A Banda da Loba e Su Garrido Pombo), ou de Tanxugueiras.

Novos filtros
Malia a estes aires de renovación, a cuestión da reiteración de moitos dos nomes finalistas é xa un clásico no certame. A actual presidenta adianta que a directiva está a traballar para conseguir a máxima diversidade nos galardóns. "Era xa unha teima da anterior directiva que tamén recollemos. Pensamos que un proxecto que xa foi premiado hai catro anos e no que non se deron variacións tería que deixar a porta aberta a novas propostas. Aínda que a cantidade de nomes que participan en varios proxectos fai imposible que non se repitan caras entre os finalistas, de cara ao futuro queremos evitar que a xente que ten máis presenza mediática non sexa unha pexa para que cheguen á final propostas que non fosen premiados con anterioridade". Nese sentido adianta que "para alén de manter a norma de que non se poden presentar proxectos galardoados no último ano, temos novas propostas para tentar filtrar e que todo o mundo teña oco, que non sexan sempre os mesmos nos premios".

Premios Organistrum
A falarmos de salas, voltan do pasado ano A Arca de Noe (xa galardoada nunha ocasión e con varias finais ás costas) e mais El Contrabajo Club, a coincidir co seu anunciado feche. Como novidade chega á final a coruñesa Mardi Gras, ausente o ano pasado mais incluída na final anterior. En festivais repiten Pardiñas e Nigrán jazz, ao igual que nos últimos dous anos, e debuta o ferrolán Jazz de Ría. Mentres, nos espazos de comunicación a novidade vén da man do Diario Cultural e mais de Lume na Palleira, dous programas da Radio Galega, con Músicas Galegas Ilustradas a repetir a posición do pasado ano. Algo que resulta tamén rechamante entre ausencia de auténticos clásicos nas finais das diferentes edicións como son Caxade, Davide Salvado, Dakidarría ou Xosé Lois Romero (premiado o ano pasado con Aliboria).

Agora será un xurado especializado e de composición secreta o que seleccionará desta listaxe os galardoados, que se coñecerán na gala do vindeiro 8 de maio en Pontevedra. Será entón cando se descubran tamén os nomes dos responsables da selección final. O evento retransmitirase ao vivo pola rede e en diferido pola TVG e no mesmo farase entrega do Premio Honorífico Músicas Ao Vivo ao músico Carlos Barruso.

 

 

 

Sponsored Links: No Frills Flyer, Freshco Flyer, Food Basics Flyer, Walmart Flyer, Giant Tiger Flyer