Ti estás aquí > Inicio / Xéneros / Antiga
Música Antiga
Espazos Sonoros presenta a súa XI edición
Xénero:
| 12 / 7 / 2018O campamento romano de Ciadella, a igrexa de San Xiao de Moraime, a fortaleza da Frouseira, a illa de Sálvora, a Casa Grande de Trasalba, Santa María de Baiona, San Martiño de Mondoñedo ou San Pedro Fiz do Hospital son os espazos que acollerán a XI xeira do ciclo Espazos Sonoros. Os xa habituais concertos de música antiga en espazos de interese patrimonial desenvolveranse este ano as fins de semana de setembro e fecharán o día 7 de outubro. Para alén dos recitais, haberá tamén visitas guiadas e rutas para coñecer os contornos dos lugares.
Carlos Núñez abrirá o XIº Festival de Música Pórtico do Paraíso
Xénero:
| 28 / 2 / 2018O gaiteiro Carlos Núñez inaugurará este venres día 2 o Festival Internacional de Música de Ourense Pórtico do Paraíso. Nesta undécima edición, o evento conmemorará o oitavo centenario do conxunto escultórico da catedral ourensá do que toma o seu nome. O templo será o escenario do concerto de apertura a cargo de Carlos Núñez que xunto ao seu grupo e a outros músicos convidados, interpretará un repertorio medieval coas réplicas dos instrumentos do Pórtico do Paraíso que foron realizadas no Obradoiro-Escola de Instrumentos da Deputación Provincial de Ourense, dirixido por Manuel Brañas. O programa deste ano ofrecerá outros seis concertos de formacións orixinarias doutros tantos países.
A décima edición de Espazos Sonoros ofrecera nove concertos
Xénero:
| 13 / 7 / 2017O festival Espazos Sonoros celebrará do 2 de setembro ao 15 de outubro a súa décima edición cun programa de nove concertos en lugares de especial interese cultural de Vilasantar, Sobrado dos Monxes, Arbo, Montederramo, Palas de Rei, A Pontenova, Caldas de Reis, Lourenzá, Ourense e Baiona. Igrexas, muíños, castelos, mosteiros e mesmo fornos destes municipios serán os escenarios da nova programación deste ciclo promovido pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. O ciclo comprende concertos, visitas guiadas e obradoiros sobre a música, a danza e os instrumentos tradicionais antigos. A música antiga da Austrian Baroque Company, de Marco e Angela Ambrosini, e Eva-Maria Rusche; do ensemble Favola d’Argo, do catalán Xavier Díaz-Latorre e de Manseliña; xunto coa música para guitarra do século XX de Samuel Diz, o repertorio tradicional galego de Xesús Vaamonde e de Xosé Lois Romero, e mais un programa de música de salón do XVIII que recuperarán o pianista Alejo Amoedo e a soprano Susana de Lorenzo centran as propostas musicais de Espazos Sonoros 2017. Nas roldas pola paisaxe organística do Camiño do Norte, Pablo Seoane estreará a peza “Parábase”, creada para os órganos da igrexa de San Salvador de Lourenzá
O Xº Festival Pórtico do Paraíso reencóntrase con artistas de edicións pasadas
Xénero:
| 24 / 1 / 2017O Festival Internacional de Música de Ourense Pórtico do Paraíso ven de presentar o programa da súa décima edición que se celebrará entre o 3 e o 12 de marzo. Segundo Juan Enrique Miguens, o director artístico do evento, esta edición propón un festival de reencontros xa que dos sete concertos programados, cinco inclúen músicos que xa pasaron polo Festival anteriormente. O festival de música clásica e antiga o abrirá nesta ocasión un concerto na catedral ourensá o 3 de marzo a cargo da formación británica His Majestys Sagbutts & Cornetts cun repertorio dos séculos XVI e XVII. Ao día seguinte será o santuario de Santa María a Real, en Xunqueira de Ambía, o que acollerá o recital do ensemble vocal checo Gentlemen Singers , único octeto vocal masculino profesional da República Checa. San Pedro de Rocas, Esgos, será outro dos recintos no que o festival terá parada o día 11 con tres recitais a cargo da harpista Brigitte Lesne, lenda da música antiga. No Teatro Principal o dúo Haroni interpretará extractos de obras de Saint-Saëns, Prokófiev, Khachaturian, Elgar, Chopin e improvisacións que servirán de banda sonora á película de Charles Chaplin The Kid (El niño). O Museo Arqueolóxico e Santa María Nai, na capital das Burgas acollerán concertos do festival que rematará a edición o día 12 en Santiago das Caldas co concerto do conxunto vocal The Orlando Consort que estará acompañados do intérprete de táboa Kuljit Bhamra, o cantante paquistaní Sahid Khan e o sitar de Jonathan Mayer.
O festival multidisciplinar Música no Claustro volve dar brillo ao patrimonio tudense
Xénero:
| 28 / 7 / 2016Concertos, obradoiros de artesanía e visitas guiadas centran o programa da décimo segunda edición de ‘Música no Claustro’, que se desenvolverá do 3 ao 7 de agosto na catedral de Tui. Baixo o leimotiv “Fortalezas” e a dirección artística de Samuel Diz, ‘Música no Claustro’ ofrecerá diversos concertos de música clásica, antiga e jazz. No marco dun diálogo entre ambas as dúas beiras do Miño terá lugar a presentación en escena do pergamiño Vindel de Martín Códax. Xunto con outras formacións e músicos experimentados como o acordeonista serbio Nikola Tanaskovic e o Ernesto Aurignac Trío, tamén participarán no festival novas e novos intérpretes, que terán ocasión de dar a coñecer o seu talento grazas á colaboración da Escola e o Conservatorio Profesional de Música de Tui, a A.C. Galicia Fiddle, e o apoio das empresas Connecta Aloia e a editorial Dos Acordes.
Fernando Reyes ponlle música ao Camiño
Xénero: AUDIO
| 13 / 6 / 2014 +As músicas do Camiño de Santiago nos relatos dos peregrinos Leo Von Rozmital, William Wey, G. Manier, Bartolomeo Fonana e Nicola Albani compoñen o eixe o novo traballo de Fernando Reyes acompañado de boa parte do grupo de música antiga Resonet no que el tamén milita. Carlos Castro, X.R.Martínez e Trinidad de Miguel acompañan o músico en Viaxe a Compostela, onde interpretan composicións antigas e propias para ambientar as viaxes que desenvolveron estes personaxes entre 1456 e 1742. Resonet xa publicara anterioremente diferentes traballos nos que vencella música e peregrinación.
O Festival Músicas Contemplativas xunta o barroco co contemporáneo en espazos singulares
Xénero:
| 26 / 3 / 2014Comezou sendo un pretexto para dar a coñecer ao público o patrimonio rehabilitado polo Consorcio de Santiago, e acabou por converterse nunha das actividades estrela da Semana Santa de Compostela. Falamos do Festival Músicas Contemplativas que este ano suma no seu programa á Real Filharmonía de Galicia. Onte presentouse a relación de asistentes deste encontro que ofrecerá 16 concertos en espazos singulares da cidade compostelá. Nesta ocasión, inclúense propostas como un recital de shakuhachi, unha frauta de bambú xaponesa, con obras da tradición dos monxes budistas Zen; unha mostra da poesía sagrada na música de Kabul e un concerto de piano con obras de autores xaponeses contemporáneos. Ademais, o barroco volve estar presente na programación a través de varias apostas, entre as que destaca a primeira colaboración entre a Escolanía da Catedral "Ángeles de Compostela" e o conxunto de música antiga Resonet.
O barroco e a música antiga repiten en Santiago da man do Vía Stellae
Xénero:
| 26 / 6 / 2013A traxectoria do Vía Stellae está chea de cambios e de mudanzas que pasaron por diferentes orzamentos e distintos organizadores. Este encontro, que chegou a supor unha programación de 1.5 millóns de euros, foi organizado polo Xacobeo en colaboración con outras entidades, é asumido agora na súa totalidade polo concello de Santiago. Con todo, o encontro mantense fiel no que atende ás liñas de programación, co barroco e Santiago de Compostela como eixe central. Nesta ocasión, serán dúas semanas de concertos (de balde e de pagamento) que arrincan o vindeiro 5 de xullo.
Unha estrea protagoniza a sexta edición do Pórtico do Paraíso
Xénero:
| 11 / 2 / 2013Son xa seis anos nos que a música antiga, barroca e medieval son habituais na programación ourensá. O Festival Pórtico do Paraíso repite unha vez máis na programación cun programa dobre: dunha banda concertos e da outra actividades paralelas relacionados cos concertos. A edición deste ano ábrese cunha exposición sobre os instrumentos do Pórtico do Paraíso. Un día máis tarde, o grupo vocal e instrumental The Harp Consort ofrece un dos pratos fortes:a estrea dunha obra inédita do barroco español. Despois virán o arpista Andrew Lawrence-King (17 de febreiro), as frautas e percusión de Eloqventia, que ofrecerá un dobre concerto (18 e 19 de febreiro), as voces e percusión do Trío Medieval e o concerto de Laura Alonso. Os músicos de Eloqventia e a soprano galega Laura Alonso desenvolverán varios encontros. A programación contará tamén cunha conferencia, que se achega a vida e obra dedo Mestre Vide.
Regresa á oferta compostelá o Festival Músicas Contemplativas
Xénero:
| 24 / 1 / 2013Tratábase dun programa que organizaba concertos musicais de formacións chegadas de diferentes países en espazos singulares para destacar o valor patrimonial da cidade. O Festival Músicas Contemplativas cancelouse en 2012 por motivos económicos pero este ano volve á oferta cultural compostelá de Semana Santa. Grazas a unha achega de 100.000 euros procedente do Ministerio de Educación e Cultura recuperarase esta edición, que fará a número 7, e que se celebrará entre o 21 e o 31 de marzo.
REPORTAXE

Cantar en Nadal
Data.O contorno e a lingua galega recóllense nos vilancicos e panxoliñas desde o século XVIII