Ti estás aquí > Inicio / Xéneros / Cantautor
Música Cantautor
Raúl Diz homenaxea a Florencio Delgado cun álbum monográfico
Xénero:
| 10 / 5 / 2022Cinco poemas de Florencio Delgado Gurriarán, autor homenaxeado no Día das Letras Galegas deste 2022, compoñen De Córgomo a Fair Oaks. Raúl Diz, membro de Os Amigos dos Músicos, asina este proxecto en solitario que vé a luz baixo o selo Todomedre e A Regueifa 2.0, e foi masterizado por Tomás Ageitos nos estudos A Ponte. Diz acompaña a súa voz con guitarras acústicas en melodías sinxelas que desenvolveu con fins didácticos.
O ciclo 'Pioneirxs da música galega' revivirá en directo discos históricos
Xénero:
| 28 / 1 / 2022A Deputación Provincial da Coruña crea o ciclo 'Pioneirxs da música galega' que revivirá, a través de concertos en directo, álbums que marcaron a historia recente da música galega e en galego. Serán concertos únicos que recuperarán repertorios dos anos 1977 e 1978 de discos tan singulares como 'Pilocha', da cantora que actúa baixo este mesmo nome artístico, e que se considera o primeiro álbum de jazz-fusión galego, e 'Ti, Galiza' de Miro Casabella e que supón un dos primeiros álbums de música de autor en lingua galega. Estes dous primeiros concertos terán lugar no Teatro Colón o sábado 12 de febreiro, con Pilocha, e o sábado 5 de marzo, con Miro Casabella. As entradas serán de balde previa retirada a través da web do Teatro Colón.
Homenaxe a 'Narf' en Boiro
Xénero:
| 23 / 9 / 2021A Pousada da Galiza Imaxinaria en Boiro acollerá este venres un acto en lembranza ao músico e compositor Fran Pérez 'Narf' (1968-2016), organizado pola área de Cultura da Deputación da Coruña e polo Concello de Boiro. Esta cita inclúe a presentación dunha páxina web que recolle a vida e traxectoria do artista e un concerto da banda Caldo, gañadora da pasada edición do concurso 'Narf' para grupos e artistas musicais que promove a Deputación da Coruña.
Unha 'Mareira' de sons e palabras
Xénero:
| 6 / 7 / 2021A cantautora Bea A de Estrella lanza o seu proxecto Mareira, que toma o seu nome dun mar axitado e no que se mesturan diferentes formas de expresión artística ao redor da música. A coruñesa ven de abrir unha campaña para levar a cabo a edición dun libro disco e produción dun vídeo no que xa conta coas colaboracións, ben na parte musical ou na literaria, de nomes como Pablo Milanés, Rosa Aneiros e Yolanda Castaño entre outros. O novo proxecto da cantautora de Culleredo volve ofrecer na parte musical melodías de son cubano, tango, notas de blues, jazz, pop e a fusión do son máis tradicional con outros estilos e letras líricas moi persoais, como xa fixera no seu primeiro traballo discográfico, Már de fóra (2016). Neste caso ademais engade a poesía e a narrativa grazas a esoutras dúas mulleres, Aneiros e Castaño para publicación desta 'Mareira' en busca de financiamento popular que será libro-disco e un vídeo, e que tamén conta coas voces de coñecidos artistas da escena coruñesa coma Paris Joel, Tato López, César de Centi, Emilia Arija ,Inés Suárez, Taté Morales ou Montse Candal e os arranxos de Tato López na parte musical. Outras colaboracións incidirán na parte gráfica do proxecto a través do deseño, a ilustración e a fotografía.
ARiMagritte preséntase en disco longo con 'Oráculo'
Xénero:
| 24 / 6 / 2021A viguesa Arancha Vilas asina música co nome artístico ARiMagritte desde 2013, unha traxectoria asentada tanto en directos como artista residente nas salas El Contrabajo e La Fábrica de Cocolate coma noutros espazos, ademais de en múltiples e valiosas colaboracións con outras formacións, como Eladio y Los Seres Queridos, Denova Pop ou Molsom. Oráculo (autoeditado) é o seu primeiro disco e xa está dispoñible en todas as plataformas dixitais ademais de á venda a través da web da artista. Máis que un LP unha colección de sinxelos, Oráculo reúne os trece temas máis importantes da traxectoria de ARiMagritte desde que iniciara o seu proxecto musical, polo tanto aqueles que veñan seguindo os seus directos neste tempo atoparán no disco unha gravación detallista e impecable daqueles temas que xa lles soarán. Para este disco ARiMagritte conta coa produción elegante de Eladio Santos para os seus trece temas. Son cancións de formato acústico nas que a autora nos propón entrar nas feridas propias e universais, de amor e desamor e coñecernos máis a nós mesmos a través deses pasos. Ari, facendo un xogo de confusión entre a obra e realidade coma os que facía o pintor surrealista Rene Magritte, co que comparte nome, ofrece un traballo en Oráculo que asenta sobre un xogo de equilibrios entre eclecticismo e personalidade, entre a suavidade da voz e a enerxía da música, entre as letras íntimas e a mensaxe universal.
Morre Xerardo Moscoso, antigo membro de Voces Ceibes
Xénero:
| 24 / 5 / 2021O médico e dramaturgo Xerardo Moscoso, un dos fundadores do movemento Voces Ceibe, falecía este domingo 22 de maio en Coahuila, México, aos 76 anos de idade. Moscoso, que sumou as secuelas da Covid-19 a unha longa enfermidade previa, acompañara a súa actividade profesional na medicina cun intenso labor cultural vencellado durante anos ao teatro e mais ao ámbito cinematográfico. Fillo de galegos emigrados, Moscoso estudou a carreira en Santiago de Compostela e, en 1968 participou da creación do colectivo Voces Ceibes, que marcaría o desenvolvemento da música galega.
Silvia Penide transforma o chumbo en música co seu oitavo disco
Xénero:
| 27 / 4 / 2021Los días de plomo é o título do oitavo disco de Silvia Penide, unha das cantautoras con máis presenza e percorrido da escena galega que gañou en 2020, por segunda vez, o Premio Martín Codax da Música na categoría de Mellor Canción de Autor. Neste disco, vencellado xa desde o título e a portada coa circunstancia pandémica, a autora ofrece seis temas, cinco deles novas composicións con letras que nos recordan o que estamos a vivir e que tamén miran cara o futuro, ás que engade unha nova versión do tema que dá nome ao seu anterior traballo, El efecto boomerang, e que nesta ocasión conta coa colaboración na voz de Víctor Manuel, un soño cumprido para a cantautora coruñesa.
Leticia Rey gaña o concurso de bandas emerxentes Sonidos Mans Salas
Xénero:
| 30 / 11 / 2020A cantautora de Vila de Cruces (Pontevedra)Leticia Rey alzouse co primeiro premio no concurso de bandas galegas emerxentes Sonidos Mans Salas, un certame organizado pola Fundación Paideia Galiza, a través de Estudios Mans, e coa colaboración da Deputación da Coruña. Segundo o comunicado da Fundación Paideia, Leticia Rey sorprendeu ao xurado coa súa calidade vocal e a honestidade das súas composicións e a súa posta en escena. O primeiro premio consistirá en gravar un EP e un videoclip en Estudios Mans e a presentar o seu traballo en directo o vindeiro sábado 12 de decembro no Salón Teatro de Santiago de Compostela. Neste ano 2020, Leticia Rey gravou e publicou o seu primeiro single, titulado Through the wind, que pode ser escoitado nas principais plataformas dixitais. Proximamente abrirase o proceso de inscrición para poder asistir de forma gratuíta á súa presentación en directo no Salón Teatro o vindeiro 12 de decembro. A banda coruñesa Lora, segunda clasificada, gravará tamén un tema e o seu videoclip en Estudios Mans. O xurado estivo formado por 3 programadoras dalgunhas das salas de concertos máis recoñecidas do panorama galego: Noe Vázquez (A Arca da Noe), Suso Santamaría (A Pousada da Galiza Imaxinaria) e Miguel de la Cierva (Náutico de San Vicente). Nesta edición, Sonidos Mans Salas contou coa inscrición de 55 participantes chegados de todo o territorio galego, sendo Demo Rumudo, Lucas Blanco, Leticia Rey, Ambigüo e Lora, as bandas e solistas escollidas para participar na audición final.
Unha cantautora para o teu xardín
Xénero:
| 9 / 6 / 2020Ante as expectativas inmobiliarias actuais de que cada vez máis xente está a buscar casa con xardín ou leira onde pasar o verán ou onde entrar a vivir, sumadas a realidade da baixa actividade da música en directo, a cantautora Silvia Penide ven de facer da necesidade virtude e ofrecer os seu servizos a particulares nunhas determinadas condicións. Concerto na túa leira é o enunciado desta campaña pola que a artista ofrece a particulares que dispoñan dun espazo aberto a posibilidade de contratala para actuar en privado e nun abano de formatos que varían en canto á complexidade da posta en escena e o número de músicos a tomar parte. Os particulares que queiran gozar sos ou nunha reunión privada destes concertos deberán dispor dun espazo aberto non que poder asegurar as condicións de seguridade dos artistas, seguindo as normas de reunión e distanciamento estipuladas polas autoridades, así como de respecto ao entorno en canto a contaminación acústica. Silvia Penide ofrece para isto varios formatos, o máis básico o dela sóa, con guitarra e amplificación independente, pero tamén pode ir nun formato máis complexo acompañada por un ou varios dos músicos da banda coa que adoita facer os seus concertos: Paul Álvarez, Carla López e Bruno Couceiro. A artista ofrece así un abano de posibilidades que tamén supoñen diferentes orzamentos.
MJ Pérez amplía rexistro con A luz prendida
Xénero:
| 3 / 3 / 2020Un proxecto autoeditado e autoproducido, no que a autora desenvolveu mesmo o deseño gráfico. Esta é a proposta de MJ Pérez para A luz prendida o seu cuarto álbum (segundo de estudio) que saíu á venda este 1 de marzo. A cantautora presenta quince temas nos que amplía o seu rexistro musical a explorar ritmos latinos, toques folk ou orientacións cara á música do mundo, indo para alén do seu pop-rock máis habitual.