Ti estás aquí > Inicio / Xéneros / Indie
Música Indie
Triángulo de Amor Bizarro obtén o seu segundo Premio Ruído
Xénero:
| 19 / 1 / 2021O quinto álbum de Triángulo de Amor Bizarro, que o grupo galego lanzou durante o confinamento da pasada primavera, acaba de ser recoñecido como un dos mellores discos do ano. O traballo, que ten o mesmo nome que a banda, alzouse como vencedor do Premio Ruído, que outorga o colectivo Periodistas Asociados Musicales (PAM). É a segunda vez que os de Boiro obteñen este galardón, co que xa foran recoñecidos en 2016 por Salve Discordia. O fallo destaca que o traballo "é unha declaración de principios na que dan renda solta aos sons noise e ritmos post-punk" e no que destacan temas como Vigilantes del Espejo, ASMR para ti ou Fukushima. O álbum competía con outros quince proxectos finalistas de todo o Estado.
Esposa comparten dor e ilusión lanzando dous EP ao tempo
Xénero:
| 5 / 5 / 2020O grupo Esposa ven de deixar nas plataformas dixitais dous traballo ao tempo, os EP É o que hai e Belo Horizonte, cos que xuntan oito temas , algúns deles xa presentes en discos colectivos e outras que son versións adaptadas de outros autores do seu universo referencial. Estes son os primeiros lanzamentos da banda despois daquel LP de debut Xardín interior (2017). En Belo horizonte agrúpanse os catro temas de composición propia, o que dá nome ao disco é un tema composto e interpretado coa banda Pantis e os outros tres apareceron anteriormente en recopilatorios colectivos como Galician Bizarre 3 (Autoeditado, 2018), no libro disco conmemorativo editado pola sala ourensá Torgal en 2018 ou, coma no caso de Belo Horizonte en Nada(l). 13 panxoliñas orixinais de 13 bandas galegas actuais (Xonix Records, 2017). No caso de É o que hai o cuarteto ofrécenos a súa revisión de catro temas de artistas de referencia como Yo La Tengo ( Ohm), Modern Lovers, cun Pablo Picasso cuxa versión lírica inclúe autorreferencias dos porpio Esposa; os Feelies (É o que hai) e tamén de Billy Bragg coa coñecida New England trocada aquí en Pra que serve esta canción? nunha adaptación libre. Todas elas, dos dous Ep, en galego.
"O noso sempre foi non pastorear as cancións, non metelas en currais"
Xénero:
| 24 / 3 / 2020O pasado 5 de marzo presentábase en Madrid o novo disco dos vigueses Eladio y Los Seres Queridos, Academia. Este sexto traballo da banda chegaba apadriñado pola bodega Ponte da Boga que dá a un dos seus viños de autor o nome deste álbum, igual que xa fixeran anteriormente co Fulgor de Budiño. Academia (autoeditado) é un disco que segue a liña da etapa marcada tras Cantares (2016) polo grupo: gravación artesanal semi caseira, autoprodución, e un tratamento coidadoso, sofisticado e elegante de cada canción ata lograr que as catorce pezas que o conforman sexan un todo coherente. Cheo, iso si, de riqueza sonora e variedade e cos fraseos particulares da composición de Eladio Santos, a quen se debe a meirande parte do disco a excepción de dous temas alleos e outros dos compostos a medias con Ovidio Lopez e Jorge Ojea. Tanto nas melodías coma nas súas letras o disco navega nun mar de nostalxias felices, favorecido polo cantar murmúreo de Eladio. O disco xa está dispoñible para a venda e nas plataformas dixitais.
Oito concertos en Ourense presentan a primeira xeira do MUSGO
Xénero:
| 23 / 9 / 2019Os Xardíns Calpurnia Abana e a Praza Saco e Arce de Ourense acollerán o vindeiro 14 de outubro os oito concertos da primeira edición do MUSGO. O festival bota a andar baixo o paraugas do programa de axudas O Teu Xacobeo coa intención de vincular a Cidade das Burgas coas peregrinación a Santiago a través da cultura. Segundo explican Adrián Fragueiro e David Pedrouzo, organizadores do evento, este pretende se transformar en "prescriptor de novas bandas, ofrecendo propostas emerxentes e destacadas non só de Galicia, se non tamén a nivel estatal e internacional".
O Atlantic Fest concentra os seus concertos de venres e sábado na Praia do Bao
Xénero:
| 9 / 7 / 2019O festival Atlantic Fest xa ten todo preparado para a súa cuarta edición, que se celebra na Illa de Arousa do 26 ao 28 e xullo. Os organizadores do festival xunto a representantes das entidades patrocinadoras e colaboradoras presentaron oficialmente a edición nun acto celebrado no Faro de Punta Cabalo na Illa. O cartel deste ano comprende vintecinco propostas musicais en cinco escenarios, catro deles situados directamente no recinto do festival e outro, a matinal do domingo, na Praza de Abastos da vila. Esta é unha das principais novidades desta edición, que fai un maior aproveitamento do excepcional recinto na Praia do Bao levando alí os concertos do venres na vez de facelos en locais ou prazas da vila, como nas edicións anteriores. Os cabezas de cartel, malia todo, reúnense o sábado actuando no escenario FEST Galicia-Xacobeo 21, onde tocarán Love of Lesbian, Los Planetas, Dorian, Nacho Vegas, Marlon Williams, La Bien Querida e Betacam. O cartel, como xa é marca da casa está conformado arredor da escena indie estatal na súa maioría e desde unha perspectiva moi aberta e ecléctica en canto a xéneros. Este ano a presenza da escena musical galega é practicamente testemuñal e grazas aos monfortinos Los Jinetes del Trópico, que entran no cartel como gañadores do concurso Sonidos Mans da Fundación Paideia.
Desaparece o Festival V de Valarés de Ponteceso
Xénero:
| 28 / 5 / 2018O Festival V de Valarés de Ponteceso desaparece antes de celebrar a súa duodécima edición. A noticia xa era de agardar ante o feito de que a falta de case dous meses e medio das súas datas habituais non se tivese noticia del, pero agora José María Varela, xerente da Fundación Eduardo Pondal impulsora do evento, confirmou a este medio que este ano non se celebrará o festival e que non hai previsión de retomalo nun futuro próximo ante unha "presión total e asfixiante" e unha situación que producía "un sen fin de problemas e de trabas continuamente". O evento, que reunía tres mil persoas no entorno natural da Praia de Balarés deixa de organizarse ante a presión que supón para a modesta organización afrontar as continuas denuncias e reclamacións que lles chegaban por diversas frontes, case todas focalizadas no uso do espazo que se estaba a facer e que viñan tanto de Medio Ambiente coma de Portos de Galicia polo uso do peirao. Colectivos como Salvemos Cabana presentaran xa hai anos unha queixa ante Medio Ambiente contra a celebración deste festival de música en plena zona protexida da Rede Natura. Anteriormente xa houbera outras queixas sobre este mesmo asunto que levaron a facer perigar algunhas das edicións do festival, pero en todos os casos a organización conseguiu os necesarios permisos para a celebración. A falta da profesionalización precisa para encargarse dun evento destas características tamén se sumou a todos eses inconvintes levando á Fundación Eduardo Pondal a deixar de lado o festival sen data de recuperación no horizonte.
Disco Las Palmeras! cambia e segue con 'Cálida'
Xénero:
| 10 / 4 / 2018Xa está dispoñible á venda en vinilo, CD e en plataformas dixitais Cálida (Sonido Muchacho, 2018), o cuarto traballo de Disco Las Palmeras!. A banda nacida no 2009 e formada por Diego Castro (voz e guitarra), Julián L. Goicoa (guitarra) e Martiño Salgado (batería) publica por segunda vez co selo Sonido Muchacho tras Asfixia (2015) e dous primeiros discos baixo o selo de Matapadre. Doce temas conforman Cálida, grabado en Austin (Texas) e que supón unha diferencia en canto á proposta sonora co que a banda viña facendo ata agora. Aínda que o grupo mantén os seus toques máis "shoegaze" a instrumentación faise con máis claridade pop que ruído, deixando cancións como un dos seus primeiros temas distribuídos, Bestia, que no seus máis de catro minutos dá para reconciliar os sons dos anteriores traballos con esta nova etapa de máis brillo. Aínda así o resultado da escoita de todo o álbum dá unha boa sensación de variedade grazas á panoplia de sons cos que se atreven a xogar como en nana de sangre ou La última gran bronca. Nas letras os Disco las Palmeras! manteñen toda a súa forza, de intimidade e frescura que os emparenta coa psicodelia sixtie máis poética e co post punk. Inevitable na escoita deste Cálida non ter presentes referentes como Los Planetas, que tamén tiveron unha evolución do seu son nos últimos tempos e cos que a banda galega non nega a conexión, xa que mesmo rexistraron unha versión dos granadinos para o libro-disco de homenaxe De viaje por Los Planetas. O grupo estará tocando xa en directo estes novos temas de Cálida o vindeiro sábado en Lugo na presentación do festival FaCeLa Fest.
Xoel López é finalista do Premio IMPALA ao Álbum europeo do Ano
Xénero:
| 8 / 3 / 2018Apenas uns días despois de coñecer que Xoel López era o artista galego con máis candidaturas (4) aos Premios MIN da industria independente española, vimos de saber que os seus equivalentes europeos, os premios que concede a asociación europea de compañías musicais independentes IMPALA, tamén recoñecen a excelencia de Sueños y pan (2017, Esmerarte / Altafonte). O disco de López é o único en representación da industria española da produción de 2017. Vinte e dous finalistas de 19 países optan ao Premio ao Álbum Europeo do ano 2017, nunha lista na que o disco de Xoel terá que competir con artistas como os británicos The XX, a neocelandesa Aldous Harding ou o sueco Loney Dear. O gañador decidirase con votacións dos membros de IMPALA e será anunciado a finais de marzo pola asociación con sede en Bruselas.
Xoel López retrata o seu momento vital no novo álbum 'Sueños y Pan'
Xénero:
| 17 / 11 / 2017Con só botar unha ollada á lista de cancións do novo disco de Xoel López Sueños y Pan (Altafonte baixo licenza exclusiva de Esmerarte) sabemos que estamos ante un traballo diferente do artista coruñés. Cada un dos dez temas que conforman este traballo denomínase cunha soa palabra, practicamente todas substantivos agás Durme, unha nana en galego dedicada ao seu fillo. Esta proposta nominativa desvela un concepto e un momento diferente que se deixa sentir nas letras e nas melodías deste álbum que é "moi Xoel" pero é diferente na actitude tamén respecto aos dous anteriores Paramales (Esmerarte 2015) e Atlántico (Esmerarte 2012). Sueños y pan está desde hoxe nas plataformas dixitais e López fará unha presentación esta mesma noite no Fnac de Callao, en Madrid. Na capital do Estado gravouse este trababalo e á cidade e ao vencello que o liga a ela dedica tamén unha canción o coruñés neste. Poderiamos dicir que este é o disco máis luminoso e que máis mira ao presente debuxando unha sorte de instantáneas a través das que se retrata unha nova etapa non só profesional senón tamén vital a nivel persoal do artista. A nota máis nostálxica a pon a outra canción en galego neste disco, Serpes, falando das saudades infantís na súa terra. O músico coruñés segue dando mostra do seu estilo musical particular mesturando con naturalidade o pop con sons latinoamericanos e galegos, incluíndo a gaita nalgún tema como nun dos temas adiantados estas semanas, Jaguar. A xira oficial de presentación deste traballo comezará en marzo de 2018.
Eladio y Los Seres Queridos cociñan 'Historias de caza' con receita caseira
Xénero:
| 3 / 11 / 2017Hai un Eladio y Los Seres Queridos anterior a Cantares(Autoeditado, 2016) e outro posterior. Historias de caza (Autoeditado, 2017) é o primeiro traballo desta etapa e xa está á venda a través da súa web e dispoñible nas plataformas dixitais desde este 1 de novembro.
REPORTAXE

Conectad@s coa música
Data.O selo discográfico galego Falcatruada avanza cara á súa internacionalización grazas ás novas posibilidades de internet