Ir ao contido directamente.


Noticias

Poderío feminino no novo disco de The Lákazans

Xénero: Jazz/Blues | 8 / 1 / 2018

sandwina_lakazans.jpg

O terceiro disco da banda The Lákazans sae hoxe á venda co nome da que foi a "muller máis forte do mundo" a primeiros do século XX, a austríaca Kate Brumbwach coñecida artisticamente como “Sandwina”. O sexteto boirense de blues fai así neste Sandwina (Dotbeat, 2017) unha homenaxe ao poderío feminino a través de esta vienesa que serve de inspiración xa para o tema co que abre o disco, o potente 300 pounds of legend que a modo de anécdota remata cunha improvisación xurdida na propia gravación. Tras o anterior Homegrow (2015) dous anos tardaron en entrar de novo no estudio para plasmar este disco gravado en Pouland Studios, con Iago Pico que co-produciu este disco xunto con Fran Velo e Benjamín Vázquez. Moitas das boas sensacións presentadas naquel traballo vense agora confirmadas e reafirmadas por un son áínda máis seguro e ben asentado.

Pakolas debuta en solitario co seu primeiro libro-CD

Xénero: Infantil | 4 / 1 / 2018

pakolas_capa.jpg

Paco Cerdeira, membro fundador de A Gramola Gominola, comeza carreira en solitario con Pakolas. A editorial Galaxia presenta na súa colección Sonárbore este libro-CD que conta coa colaboración do Colexio Profesional de Logopedas de Galicia e que achega dez cancións orixinais ademais de varios contos. O proxecto propón historias fantásticas con elementos educativos que se complementan cunha serie de contidos pedagóxicos aos que se pode acceder a través da rede. Con animais como protagonistas de moitas das historias, o novo libro-CD "é unha obra musical e literaria concibida para facilitar o traballo dos profesionais da fala e da linguaxe, achegándonos material que servirá como ferramenta e complemento ao noso labor diario con rapazas e rapaces. Ao memso tempo é un traballo divertido, co que tanto nenos e nenas como adultos poderán gozar corando e bailando os seus temas, así como aprendendo coas súas historias e contos".

As orquestras clásicas presentan estes días espectáculos excepcionais

Xénero: Clásica/Lírica | 22 / 12 / 2017

imaxe non dispoñible

No tempo de Nadal a música clásica acada dun xeito natural o protagonismo que noutras épocas do ano non consegue ou se lle nega por costume. As orquestras e formacións preparan para estes días importantes concertos nos que deixan ver a súa enorme capacidade para interpretar o repertorio. Se ben aínda hai que agardar o tradicional concerto de aninovo nestas datas centrais das festas xa son varias e boas as oportunidades do público de achegarse ao xénero clásico con garantías.

Trece bandas renovan a banda sonora para estas festas en 'Nada(L)'

Xénero: Miscelánea | 21 / 12 / 2017

nada_L.jpg

Xonix Records quere cambiar a música de fondo destas festas e para iso reuniron nun disco cancións orixinais feitas ex-profeso sobre o Nadal. Son temas moi diferentes e con sons e ritmos do máis variado e letras en galego, que a súa temática fai que poidamos agrupalas como panxoliñas malia que pouco ou nada teñen que ver con esas tradicionais cancións. Nada (L) (Xonix Records, 2017), ofrece 13 temas inéditos compostos por 13 bandas galegas actuais e nso que cada unha delas achega unha perspectiva musical diferente co ánimo facerse un oco en casa e celebracións pouco dadas ao convencionalismo durante estas festas. O disco, presentado en formato físico digipack, foi gravado e mesturado por Lolo Arincón nos Estudios Xonix Records. Esta dispoñible xa en tendas físicas e en todas as plataformas dixitais. As bandas e artistas reunidas por Xonix Records para esta proxecto son variadas e moi coñecidas na escena musical do país, The Lákazans, Espiño, Oscar Avendaño e Los Wavy Gravies, Esposa con pantis, Raiba, Piti Sanz, Ruxe-Ruxe, Zënzar, Acid Proyect, Tu Mujer Nos Engaña, Liviao de Marrao, Maskarpone e Som do Galpom.

A Roda celebra 40 anos co seu primeiro disco ao vivo

Xénero: Folk | 19 / 12 / 2017

ortigueira_a_roda.jpg

Tiveron que pasar catro décadas de traballo para que o grupo vigués A Roda se decidise a publicar un álbum en directo. Agora, a conmemorar eses corenta anos de traballo, a formación acaba de presentar A Roda Live / A Roda ao vivo en Ortigueira, un álbum que recolle a actuación que realizou no Festival Internacional do Mundo Celta deste 2017. Xan Barcón, David Cabaleiro, Alfredo Dourado, Christian García, Alex Nores e Manoele de Felisa, a actual formación co combo, achegan ao volume dezaseis temas clásicos da banda canda a catro inéditos, cos bonus tracks de estudio 40 anos máis e Os cabaleiros da roda, da man de Inquedanzas Sonoras.

Portamérica e Resurrection Fest moven os carteis con importantes novidades

Xénero: Melódica | 15 / 12 / 2017

imaxe non dispoñible

Son varios os festivais que estes días van espreguizándose e dando sinais de vida para meterse nas axendas dos fans e que estes vaian preparando todo o necesario para asistir ás súas citas coa música. Nalgúns casos xa imos coñecendo importantes avances de carteis e noutros só ás datas de celebración, sobre todo aquelas que mudan respecto ao ano que remata. Se xa hai case un mes que o Resurrectión Fest avanzou a metade do seu listado de artistas agora ven de engadir máis nomes e ademais o Portamérica, que vai a pola súa segunda edición en caldas ven de presentar un importante número de artistas, pero non son os únicos con novidades. Ademais as votacións para elixir os mellores festivais da península están abertas e os nosos teñen boa presenza entre os finalistas.

Amigos da Ópera de Santiago leva a escena Il segreto di Susana

Xénero: Clásica/Lírica | 14 / 12 / 2017

imaxe non dispoñible

O sábado dezaseis de decembro as 20 horas alzará o pano a segunda produción de Amigos da Ópera de Santiago de Compostela. O Teatro Principal da cidade acolle a estrea de Il segreto di Susana, un proxecto que conta con dirección artística de Cándido Pazó, que tamén estará presente en escena, e as voces da soprano moldava Clara Jelihovschi Panas e do barítono Javier Franco. A música irá a cargo do Taller Atlántico Contemporáneo (TAC) e sobre as táboas un total de dez artitas darán a vida a esta ópera cómica nun acto, musicada por Ermanno Wolf-Ferrari sobre libreto de Enrico Golisciani e estreada orixinalmente en 1909.

Patricia Moon explota o seu eclecticismo virtuoso no disco 'Rock & Love'

Xénero: Fusión | 11 / 12 / 2017

imaxe non dispoñible

A artista viguesa Patricia Moon está a presentar estes días o seu terceiro disco de estudo. Rock & Love (Dulcimer Songs / EMI Music, 2017) chega cinco anos despois do seu anterior traballo Oxytocin( Dulcimer Songs / EMI Music, 2012) e neste caso a gravación levouse a cabo ao outro lado do Atlántico, en Buenos Aires nos Estudios del Abasto al Paso Monsterland contando na produción con Álvaro Villagra (Grammy polo álbum Supernatural de Santana) e Nelson Pombal. Patricia Moon volve neste caso descabalgarse de estilos predefinidos e ofrece mesturas de diversos xéneros musicais, que beben do soul, a música clásica, o R&B e o rock ‘n’ roll. O seu eclecticismo débelle moito aos seus estudos de formación musical clásica , fixo a carreira de violín e canto lírico, así como de piano no conservatorio de Vigo, compaxinando esa formación con estudios de composición en Madrid. Ao longo de 2017 estivo facendo unha xira por España, o “You Know I’m No Good Tour” xunto a Robin Banerjee, guitarrista e líder da banda de Amy Winehouse, na que facían un tributo á diva do soul con cuxa voz foi comparada a de Patricia Moon en varias ocasións. A súa posta en escena no directo para este novo traballo. será de catro músicos no escenario, Patricia Moon na voz, teclados e violín, e acompañada por unha batería, guitarra e baixo para presentar este traballo que inclúe dous temas en castelán, ademais de seis en inglés. Dancing in the dark é o seu primeiro vídeo de lanzamento do novo discoRock & Love.

Nastasia Zürcher racha límites co seu novo disco 'Beat'

Xénero: Fusión | 4 / 12 / 2017

nastasia_zurcher_beat.jpg

Gañadora da categoría Blues, Funk e Soul nos III Premios Martín Códax da Música (2016), a cantante e compositora suízo-galega Nastasia Zürcher ven de sacar o que é o seu segundo traballo de longa duración Beat tras do seu álbum debut My Flight (2015) e con unha gran presenza de directos por toda a xeografía galega nestes dous anos, especialmente neste último. Gravado nos estudios Disquesi (A Coruña) e baixo a produción do músico Adrián Saavedra, Beat (Rock CD Records, 2017) está conformado por dez temas propios nos que a artista sorprende a que non tivese ocasión de vela en concerto cantando en catro idiomas (galego, castelá, inglés e francés) e exhibindo a súa calidade vocal nesa variedade de rexistros que manexa desde o pop ou soul máis intimista e sensual ás sonoridades new age co referente dunha música negra que amosa desde as súas orixes africanas e os primeiros pasos destes ritmos ata as actuais propostas que a nivel global representan artistas tan coñecidas como Rihanna ou Paloma Faith, voces entre as que non desmerece a da artista suiza-galega para orgullo de todos. A artista saca partido nas súas composicións á unha enorme capacidade para achegar complexas e profundas interpretacións vocais cheas de cor cun acompañamento instrumental e de produción elegante e cheo de brillos e chiscadelas que dan dimensión e vitalidade ao disco. Como di no tema que abre o disco, Fluir, Nastasia crea desde a alegría e en cada un dos idiomas que elixe hai tamén unha intención diferente de achegarse aos estados de ánimo ao mesmo tempo que a unha actitude musical sen fronteiras nin límites. Os disco xa está dispoñible en todas as plataformas dixitais e tendas físicas en formato CD.

Davide Salvado, Guadi Galego e Sumrrá participarán no festival M.A.R. en Portugal

Xénero: Miscelánea | 1 / 12 / 2017

imaxe non dispoñible

O vindeiro día 8 de Decembro, oito propostas musicais provenientes de varias latitudes e con linguaxes artísticas ben distintas, daranse cita no Cine-Teatro Garret da Póvoa de Varzim, no norte de Portugal. Davide Salvado, Guadi Galego e a formación Sumrrá serán a representación da música galega no festival M.A.R. O evento M.A.R. Movimento Artístico em Rede resulta da cooperación entre 7 axencias europeas, entre elas 3 galegas: Culturactiva, Luneda Producións e Mada Producións. As outras catro son de Portugal, Italia, Cataluña e as Illas Canarias. Este evento é o primeiro que xurde da decisión destas sete axencias pequenas especializadas en música do mundo en cooperar entre elas para promocionar os seu artistas e entrar noutros mercados. O formato que agora se vai levar a Póvoa de Varzim xa ten propostas de itinerar por outros lugares relacionados coas axencias pero aínda non se concretou esta posibilidade, segundo fontes de Luneda Producións. Ademais deste festival o acordo de cooperación entre axencias ten outras ideas sobre a mesa e os froitos desta xuntanza de forzas entre pequenas empresas está por pechar máis proxectos. O M.A.R. non conta actualmente con ningún tipo de apoio público nin a nivel estatal, autonómico nin europeo. Os concertos alternaranse entre tres espazos do teatro: o auditorio principal, o café concerto e a sala de ensaios. As entradas xa están á venda por un prezo xeral de 15€ para todo o festival.

<< Inicio / Anterior . 11 a 20 de 2335 . Seguinte \ Fin >>

BUSCADOR

 

 

 

Sponsored Links: No Frills Flyer, Freshco Flyer, Food Basics Flyer, Walmart Flyer, Giant Tiger Flyer