Ir ao contido directamente.


Noticias

Agadic esgota nas artes escénicas a partida de axudas á distribución das industrias culturais

Xénero: Miscelánea | 20 / 11 / 2019

imaxe non dispoñible

As artes escénicas son as beneficiarias exclusivas da cuarta e última quenda de adxudicacións de axudas á distribución da Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic) para este ano. A nova adxudicación agora publicada por valor de 34.502,37 euros supón o esgotamento do orzamento total para este 2019 que era de 460.000 euros a repartir inicialmente a partes iguais entre as artes escénicas e a música. Malia esa condición inicial, Agadic tivo que facer unha modificación da distribución do crédito orzamentario, publicada no DOG de 17 de outubro, xustificando un aumento do montante dedicado ás artes escénicas ante a ausencia de solicitudes dabondo na modalidade de música para esgotar a súa parte, mentres que na de artes escénicas quedaban solicitudes presentadas en prazo sen cubrir e susceptibles de ser subvencionadas de acordo coas bases reguladoras e co obxectivo de optimizar os recursos dispoñibles. Esta cuarta quenda comprende esa modificación apoiando a distribución de proxectos escénicos tanto dentro de Galicia como na súa asistencia a festivais e feras no resto de España ou no estranxeiro apoiando a presenza de espectáculos en Cuba, Colombia ou Portugal. Compañías como Chévere teatro, Ibuprofeno, Galitoons, Sarabela ou Berrobamabam entre outras vense beneficiadas nesta adxudicación.

Eduardo Soutullo eríxese vencedor do Premio de Composición AEOS-Fundación BBVA

Xénero: Clásica/Lírica | 20 / 11 / 2019

imaxe non dispoñible

A X edición do Premio de Composición AEOS-Fundación BBVA recoñeceu o traballo dun compositor galego. O ponteareán Eduardo Soutullo era galardoado este 19 de novembro neste certame pola súa obra Alén, unha peza inspirada polo monumento megalítico Porta do Alén. O xurado do premio, dotado con 18.000 euros en metálico, emitiu o seu fallo logo de escoller a obra do galego entre as 59 partituras que se presentaron ao certame. Para alén da dotación en metálico, as 31 formacións que fan parte da Asociación Española de Orquestras Sinfónicas, entre elas a Orquestra Nacional de España e a de RTVE, interpretarán a peza entre os anos 2020 e 2022.

Fanzine fest presenta un programa de música e actividades para achegar a cultura underground

Xénero: Electrónica | 19 / 11 / 2019

imaxe non dispoñible

O festival de música electrónica de vangarda Fanzine Fest ven de dar a coñecer novas sorpresas da súa quinta edición, que se celebrará do 5 ao 7 de decembro n’A Coruña. A organización presentou esta mañá a programación multidisciplinar de actividades paralelas que expandirán o evento máis alá das súas sesións musicais, co obxectivo de achegar a música electrónica, cultura underground e tecnoloxía aberta a todos os públicos. Demostracións en directo, sesións formativas, talleres infantís ou de construción de sintetizadores son algunhas das iniciativas que se poderán gozar en aberto durante a celebración de Fanzine Fest, nunha fin de semana na que se darán cita na cidade herculina artistas internacionais da escena vangardista como The Horrorist, Levon Vincent, Lena Andersson (Eomac & Kyoka), Galaxian ou Dorian Concept, entre outros. Fanzine Fest é unha iniciativa promovida por Fanzine Project que aposta por ofrecer unha visión heteroxénea e actual da vangarda audiovisual, na que converxen estilos variados e singulares. Nesta quinta edición, o festival destaca, ademais de polo seu cartel e pola multiplicidade dos escenarios, pola consolidación do seu formato expandido a través de actividades formativas e obradoiros que terán lugar os días 6 e 7 de decembro en dúas localizacións vencelladas á creación contemporánea, como son a Fundación Luis Seoane e o espazo Maker do museo científico Domus.

Catro bandas e unha solista elixidos finalistas no concurso Outra+Outra de Fundación Paideia

Xénero: Miscelánea | 14 / 11 / 2019

imaxe non dispoñible

Cinco propostas foron as escollidas como finalistas, entre un total de 36 grupos e solistas inscritos, na 15ª edición do programa Outra+Outra, un certame organizado pola Fundación Paideia Galiza, a través de Estudios Mans, e coa colaboración da Deputación da Coruña. Os seleccionados son dous grupos do concello da Coruña, Inland Valley, mestura de dream pop, indie e alternativo, e Bush Doctors, de roots, reggae, dub reggae, a banda muradá de rock alternativo Maestro, o grupo de indierock Moito! e a solista con sangue brasileira Lau. O xurado, de esta nova edición do concurso, estivo formado pola co-presidenta de IMMF, Patricia Hermida, o director de Ernie Producciones, Josiño Carballo e Carlos Pereiro “Carlangas”. O vindeiro venres 29 de novembro poderemos ver a mostra das bandas finalistas, na audición en directo, que terá lugar na Sala Malatesta de Santiago de Compostela, de onde sairán os dous gañadores, que gravarán, como premio, nos Estudios Mans da Coruña.

Marcelo Dobode presenta o proxecto en solitario 'Turoqua'

Xénero: Fusión | 12 / 11 / 2019

turoqua.jpg

Marcelo Dobode defínese a sí mesmo como un artista multidisciplinar que transita entre os escenarios do teatro, como escenógrafo, a música e as artes plásticas. Esta semana presenta os froitos do seu traballo na vertente musical, o seu primeiro proxecto en solitario, Turoqua (Nakra, 2019). O proxecto Dobode está en liña con outros proxectos que nos últimos tempos buscan a fusión de sons desde unha sólida base tradicional conformando unha opción de "Trad contemporáneo" que traspasa as fronteiras habituais e descoloca as etiquetas coas súas melodías onde teñen cabida os instrumentos eléctricos e de percusión propios da música jazz, pop ou rock, xunto con algunhas das súas características na parte dos arranxos. O concepto de Turoqua, sorprende, pero ao mesmo tempo, agarima pola . Intensidade sonora na calma poética dos retrousos da creación colectiva e nos compostos polo propio Marcelo. Carballeira é a canción que sae como carta de presentación do disco que sairá en formato dixital e físico. A estrea será no Teatro Principal de Pontevedra este domingo 17 de novembro. No concerto, contará cos mesmos músicos dos que se rodeou na gravación: Adrián Saavedra (arranxista e productor, teclados), Felix Rodríguez (percusión) Ramon Orencio (Mon)(guitarras), Xacobo Prieto (baixo).

A Xunta e a editorial Dos Acordes publican as partituras da 'Sinfonía nº 2' de Andrés Gaos

Xénero: Clásica/Lírica | 7 / 11 / 2019

imaxe non dispoñible

A Xunta de Galicia e a editorial viguesa Dos Acordes volven dedicarlle un novo volume da súa colección Ars Gallaeciae Musicae ao compositor e violinista coruñés Andrés Gaos (A Coruña, 1874 - Mar del Plata, Arxentina,1959) coa publicación das partituras da súa Sinfonía nº 2 Nas montañas de Galicia. O volume ofrece nova información sobre esta obra, que agora se edita con transcrición e revisión do mestre Joám Trillo e unha introdución a cargo do musicólogo Carlos Villanueva, catedrático da Universidade de Santiago de Compostela (USC). Esta Sinfonía nº 2 foi composta ao longo de diferentes etapas da súa vida e, aínda que premiada en concursos auspiciados pola Institución Mitre en 1923 e polo Centro Galego de Bos Aires 30 anos máis tarde, o autor non puido ver interpretada a obra completa. Esta estrea tería lugar o 28 de xullo de 1974, 15 anos despois da súa morte, durante as xornadas organizadas polo Centro Galego de Bos Aires con motivo do centenario do seu nacemento. A estrea europea tería lugar ao ano seguinte no Teatro Colón da Coruña, con Rogelio Groba á batuta, e posteriormente sería executada pola Orquestra Sinfónica de Galicia en diferentes ocasións. Tanto con este novo título, que fai o número 33 da colección, como co volume 32 (Aires galegos e Novos aires galegos), a Xunta e Dos Acordes contribúen á celebración do Ano Gaos 2019, declarado pola USC con motivo do 60º aniversario do pasamento do autor, considerado como un dos grandes compositores galegos do pasado século.

Terbutalina estrea Espabila gallego cun concerto en Compostela

Xénero: Rock | 31 / 10 / 2019

espabila_gallego_terbutalina.jpg

Logo de o lanzar en formato dixital a comezos do mes, xa está aquí a edición física do novo álbum de Terbutalina. A banda estrea Espabila gallego este 31 de outubro nun concerto na Sala Capitol no que os de Esteiro contarán con Mutagénicos para abrir boca a partir das 21:30 horas. Punk, pop, rock e música tradicional danse cita nos dez temas deste lanzamento nos que, como é habitual no grupo, predomina a retranca das letras. Pura Makica, Muinheira de Costa ou Marisco Barato son algúns dos títulos que se rexistraron nos estudios A Ponte de Tomás Ageitos e que ven a luz da man de Folc Récords. Polo momento o grupo non ten máis datas reservadas en Galicia para a súa xira de presentación.

Voadora e a RFG estrean A amnesia de Clío

Xénero: Clásica/Lírica | 30 / 10 / 2019

imaxe non dispoñible

O Auditorio de Galicia en Santiago de Compostela acolle o vindeiro 10 de novembro a estrea de A amnesia de Clío. A compañía Voadora, a Real Filharmonía de Galicia e mais o Orfeón Terra a Nosa levan a escena esta ópera contemporánea de Fernando Buíde, que se desenvolveu en coprodución co Centro Dramático Galego.

Guadi Galego mergúllase de cheo na liberdade musical con 'Immersión'

Xénero: Pop | 25 / 10 / 2019

Immersion_Guadi.jpg

A estas alturas a ninguén pode sorprender que as propostas de Guadi Galego veñan desmontar prexuízos musicais. Desde que deixou Berrogüetto Galego amosouse disposta a gozar en liberdade da súa relación coa música máis alá do folk, sen excluílo, explorando todos os rexistros que a súa inspiración solicitase. Así o demostrou tanto nos seus proxectos compartidos como Nordestinas ou aCadaCanto como nos seus tres álbums en solitario Benzón (Músicas de salitre, 2009), Lúas de Outubro e Agosto (Boa Música, 2014) e O mundo está parado (Boa Música, 2016), disco este último co que ademais se aventurou nunha xira curta pero ambiciosa na súa proposta que fixo chegar a súa música a outras comunidades autónomas. O novo traballo Immersión (Altafonte, 2019) presentado en formato libro_CD e cuns poucos vinilos, ten moitas conexións co anterior e con todo o que esa xira representou de apertura a outras sensibilidades pero tamén hai temas da súa anterior discografía reinterpretados ou case reconstruídos. O resultado é unha construción musical chea de diversidade, moi persoal e clara e, polo tanto, perfecta en si mesma, que transita con naturalidade e sensibilidade entre as diversas linguas peninsulares que están presentes no disco do mesmo xeito que o fai entre o pop, o jazz, a canción de autor e o folk.

A SEMUÁ-Semana das Músicas do Audiovisual chega á súa cuarta edición

Xénero: BSO | 24 / 10 / 2019

imaxe non dispoñible

Esta semana que pon o foco no elemento musical das produción audiovisuais, organizada pola Academia Galega do Audiovisual co apoio do Concello da Coruña, a Orquestra Sinfónica de Galicia e a Banda Municipal de Música da Coruña, celebrarase entre o 27 de outubro e 1 de novembro na Coruña, baixo a dirección artística unha vez máis do compositor Nani García e co obxectivo de revalidar o éxito de público das tres edicións anteriores. A Semana das Músicas do Audiovisual-SEMUÁ, pon en valor o traballo dos profesionais da composición, produción e interpretación das músicas que acompañan as obras audiovisuais a través dun programa suxestivo que abarque a público de todas as idades. Na súa cuarta edición, a SEMUÁ dedicará unha especial atención á figura do pianista e compositor arxentino Federico Jusid, compositor de bandas sonoras para máis de 60 películas e 30 series de televisión, entre as que destacan títulos como El secreto de sus ojos, Gran Reserva, Loving Pablo ou Fariña entre outras moitas. Jusid dirixirá á Orquestra Sinfónica de Galicia no Teatro Colón dentro do programa As nosas músicas; no que serán interpretadas algunhas das súas partituras máis coñecidas xunto a pezas dos compositores galegos Manu Riveiro e Pablo Barreiro, entre as que destacan unha suite a partir da banda sonora do filme galego Sempre Xonxa no trixésimo aniversario da súa estrea.

<< Inicio / Anterior . 11 a 20 de 2679 . Seguinte \ Fin >>

BUSCADOR

 

 

 

Sponsored Links: No Frills Flyer, Freshco Flyer, Food Basics Flyer, Walmart Flyer, Giant Tiger Flyer