Ir ao contido directamente.


Noticias

Cantos na Maré multiplícase na súa XV edición

Xénero: Miscelánea | 2 / 9 / 2019

imaxe non dispoñible

Con moitos máis concertos e a ampliar o seu ámbito de acción á narración oral ou o audiovisual, chega a Pontevedra a décimo quinta edición do Festival da Ilusofonía. Coa caboverdiana Mayra Andrade como cabeza de cartel, no programa destacan as propostas Enredadas, que reúne a Martirio, Uxía, Carmen Pares e Ugia Pedreira, o dúo de Maria João e Pablo Lapidusas e mais a actuación da catalá Clara Peya. Para alén destas actuacións, previstas para o Pazo da Cultura e o Teatro Principal, o evento amplía a súa presenza na cidade con actuacións na Praza da Pedreira orientadas para un público máis novo. Bia Ferreira (Brasil), Vivi Pozzebón (Argentina), Brasil Dub, Napalma (Brasil/Mozambique), Assa Matusse (Mozambique), Laura Lamontagne (Galicia), DJ Mil e Mohammed Yahya (Mozambique), o Coro da Marinha, As Cantigas de Elena ou Zeltia Irevire, ocuparán este recinto

O festival Miudo fest de música para cativos presenta o seu cartel

Xénero: Infantil | 28 / 8 / 2019

imaxe non dispoñible

Malia que son algúns os festivais de música que engaden actividades para cativos, só existe un en todo o país que está pensado exclusivamente para esa xente estatura media e gustos propios, ese é o Miudo Fest, en Mos (Pontevedra). A cuarta edición deste festival xa ten cartel e terá lugar os vindeiros 14 e 15 de setembro (sábado e domingo) na Sala Rebullón do no Territorio Cultural As Pedriñas en Tameiga. Alí reuniranse algunhas das mellores ofertas musicais para cativos que a escena galega ten, e que demostran ademais a vitalidade desta opción musical no país. A Gramola Gominola é cabeza de cartel na tarde do sábado, compartindo escenario con A Banda dos Insectos, Antón Ke (ukelele de batea ) e o reggae de Elephants Yard. O domingo estarán o mago Marco e Cé Orquestra Pantasma.

A Estrada abre o Obradoiro de Música Moderna Carlos Barruso

Xénero: Jazz/Blues | 21 / 8 / 2019

imaxe non dispoñible

A Fundación Cultural da Estrada, do Concello pontevedrés, acollerá de xeito inmediato o Obradoiro de Música Moderna Carlos Barruso, mantendo así o legado de ensino do saxofonista, multiinstrumentista e mestre Carlos Barruso, premio Honorífico Músicas ao Vivo na gala deste ano dos Martín Códax. Barruso, enfermo dun cancro en fase terminal, presentou onte no Estrada este proxecto xunto co edil de Cultura, Juan Constenla, esperanzado ante o feito de que non se perda así o que foi o seu traballo de ensino durante máis dunha década. O obradoiro, que xa está aberto á matriculación, ofrecerá dúas horas semanas e está enfocado na especialización en jazz, blues ou rock en complementariedade coas escolas de música ou conservatorio municipal, máis enfocadas cara o clásico ou popular, o obradoiro inclúe tamén o canto alén do instrumental. Un dos obxectivos de futuro deste Obradoiro de Música Moderna (OMM) na Fundación Cultural da Estrada é o de cumprir un dos desexos de Barruso e chegar a montar unha "Big Band" a medio ou longo prazo, para o cal desde a fundación se ofrecen intencións de continuidade do proxecto. Rubén Servide será o encargado principal de impartir as clases neste curso baixo a supervisión do aínda activo Carlos Barruso.

A gaiteira María López gaña o prestixioso certame Mac Crimmon

Xénero: Folk | 7 / 8 / 2019

imaxe non dispoñible

No marco desta edición do Festival Interceltique de Lorient dedicada á cultura galega a gaiteira coruñesa María López Carballo ven de deixar a súa marca ao gañar o prestixioso certame Mac Crimmon de gaita que enfronta a intérpretes galegos con asturianos desde 1986. Esta é primeira vez que unha muller galega gaña este trofeo (unha asturiana o gañou en 2010) e a duodécima que o premio cae en mans galegas neste certame que leva xa 34 edicións. Segundo informa InfoAstruries a final quedou nun empate entre María López e o asturiano Fernando Vázquez Cárcaba que se resolveou xa que as normas ditan que nestes casos a persoa máis nova leva o trofeo e a galega conta só 14 candeas polo de agora. A coruñesa presentou un amplo repertorio con temas tradicionais galegos, asturianos e bretóns. María López enpezou os seus estudos musicais con seis anos na Escola de Música Bellón Maceirase ten tocado xunto a Carlos Núñez e Susana Seivane.

As axudas de distribución para industrias culturais reparten 195.492 euros

Xénero: Miscelánea | 7 / 8 / 2019

imaxe non dispoñible

Co comezo deste mes a Axencia Galega das Industrias Culturais deu a coñecer a resolución da primeira quenda de axudas a actividades de distribución para industrias culturais, que beneficiaron a un total de 34 proxectos. A resolución distribuirá un total de 195.492 euros entre proxectos escénicos e musicais para xiras e representacións tanto dentro como fóra do noso país. Entre as propostas seleccionadas, a máis beneficiada é a xira do gaiteiro Carlos Núñez, que recibe 25.000 euros nesta convocatoria. Séguenlle as compañías de teatro Malasombra, con 15.000 euros e Redrum, con 14.349; Títeres Cachirulo con 12.562, e a xirda a Orquestra Malabares de Pistacatro, con 11.792.

Nace a plataforma dixital Mundo Escénico

Xénero: Miscelánea | 5 / 8 / 2019

imaxe non dispoñible

Da man de Daniel Amós Rodríguez está xa dispoñible na rede Mundo Escénico, unha nova plataforma virtual que quere servir de punto de encontro para o sector galego das artes escénicas. O proxecto conxuga a estrutura dunha rede social, na que os diferentes usuarios contan con perfís propios, cunha axenda, información de actividades e recompilación de propostas formativas entre outros contidos. Nado ao abeiro do programa Go2Work, da Deputación de Pontevedra e da Escola de Organización Industrial, o espazo sinala que dispón dun directorio de 2.000 grupos, compañías e bandas dos ámbitos do teatro, a danza, a música e o folclore.

O BIME Pro de Bilbao abre unha convocatoria para músicos galegos

Xénero: Miscelánea | 2 / 8 / 2019

imaxe non dispoñible

O BIME Pro, o maior encontro profesional da industria musical de España ven de abrir unha convocatoria dirixida a artistas ou bandas galegas. Graza a un acordo de colaboración entre a Axencia galega de Industrias Culturais (Agadic) e a organización do evento dúas formacións do país poderán actuar nos “escaparates musicais” que teñen lugar durante os días de celebración da feira, entre o 30 de outubro e o 1 de novembro en Bilbao. Ata o día 18 de agosto está aberta a inscrición a través da web do BIME, cuxa organización será tamén quen elixa finalmente que dúas propostas de entre as presentadas terán espazo para presentar o seu traballo ante os programadores de festivais, managers, xornalistas e outros xgentes do sector musical nacionais e internacionais que cada ano se dan cita neste foro. Os concertos terán lugar nas noites do 30 ou 31 de outubro nalgunha das 7 salas da cidade participantes en BIME CITY. Cada ano o BIME Pro reúne máis de 2.000 asistentes de máis de 1.000 empresas do sector da música.

O Vive Nigrán reuniu 4.300 persoas e xerou 600.000 euros na comarca

Xénero: Miscelánea | 2 / 8 / 2019

imaxe non dispoñible

A recente edición do festival Vive Nigrán xerou un impacto económico de 600.000 euros na comarca viguesa, segundo os datos do estudo de avaliación da repercusión do encontro elaborado por un equipo de traballo da USC como parte das iniciativas desenvolvidas pola Xunta baixo a marca FEST Galicia, que promove o territorio galego como destino musical con criterios de calidade, sustentabilidade e responsabilidade social. Os resultados de Vive Nigrán, obtidos a partir de 1.080 enquisas directas a asistentes e das cifras facilitadas polo propio festival, foron presentados por Francisco J. Sanjiao, profesor do Departamento de Economía Aplicada da USC, e Fran Núñez, autor da metodoloxía orixinal empregada. Segundo o informe, que aínda non se publicou, o recinto instalado en Praia América os días 19 e 20 de xullo se rexistrou unhas 4.300 visitas, das que un 13% procedían de fóra de Galicia. O gasto medio por persoa e día estímase –sen incluír transporte– en 65,59 euros, do que un 77% repercute directamente na área de Vigo. As marxes de retorno do impacto económico se sitúan entre 3,1 e 4 euros por cada euro investido polo festival, cifras que se incrementan ao analizar a optimización do investimento público por parte da organización do evento. Neste último caso, o retorno sitúase entre 15,5 e 19,5 euros por cada euro dos 15.700 adxudicados a Vive Nigrán a través da última convocatoria de subvencións da Agadic a festivais de música. O perfil de asistente máis común (muller, galega, de entre 25 e 44 anos, con estudos universitarios e traballadora por conta allea), é moi similar ao da maioría de festivais que ata o de agora foron obxecto destes informes na pasada tempada e que están dispoñibles na web de Fest Galicia.

O Feito a Man ofrece 21 días de espectáculos nas rúas de Santiago

Xénero: Miscelánea | 1 / 8 / 2019

imaxe non dispoñible

Case 50 espectáculos e máis de 35 bandas e/ou artistas volverán encher as rúas e prazas da Cidade Vella de Santiago nun dos festivais musicais de rúa con máis tradición do país. Hoxe ás 20:00 horas co concerto de Pilo Sierra en San Paio de Antealtares dará comezo a décimo sexta edición do Feito a Man Estrella Galicia, o festival de rúa organizado pola Asociación Cultural Cidade Vella que se estenderá ata o 21 de agosto. Polo Feito a Man deste ano pasarán case 50 propostas artísticas diferentes de diversos estilos musicais: pop, rock, blues, jazz, tango, swing, música tradicional, etc. E tamén haberá presenza doutras artes e disciplinas, como a maxia, performance, poesía, baile ou cabaré. Como vén sendo habitual, o groso do festival recae nos concertos de pequeno formato realizados nas terrazas dos establecementos organizadores, mais tamén haberá lugar para noites con artistas de maior formato. Así, á parte de rúas como a Vía Sacra, a rúa da Orfas, a Praza de Feixóo, Tras San Fiz de Solovio ou rúa Xelmírez; tamén haberá actuacións nas prazas de Mazarelos, San Martiño Pinario ou Cervantes.

A 'maxia musical' do Náutico de San Vicente protagoniza unha serie documental

Xénero: Miscelánea | 31 / 7 / 2019

imaxe non dispoñible

A intensa actividade musical que xera o local El Náutico de San Vicente do Mar, na península de O Grove (Pontevedra) é o tema central dunha serie documental que se estrea hoxe, 31 de xullo, na canle Flooxer de A3Media e que está producida pola empresa viguesa Esmerarte e dirixida por Alberto Baamonde. A través de cinco capítulos a serie El Náutico: El refugio de los músicos, narra o nacemento do Náutico de San Vicente como lugar de peregrinación e templo de vivencias únicas de algúns dos artistas más recoñecidos da música española que cada verán pasan polo seu escenario, moitas veces de xeito inesperado, cambiando os seus formatos habituais de auditorios e prazas por outros moito máis íntimos e achegados a un pequeno grupo de público e cun ambiente relaxado case doméstico. O documental recolle testemuñas en primeira persoa de músicos habituais nos veráns do Náutico como Iván Ferreiro, Leiva, Xoel López, Coque Malla, Leonor Watling, Jorge Drexler ou Depedro, entre outros protagonistas. A serie amosa, a través de numerosas imaxes de gravacións particulares inéditas, momentos únicos na música española ocorridos entre as súas paredes durante os 25 anos que este local leva programando música en directo, como algúns dos últimos concertos do desaparecido Antonio Vega. Xornalistas como Manuel Jabois e Gonzo ou o chef Diego Guerrero corroboran o relato dos músicos e Miguel de la Cierva, dono e alma mater do Náutico, aparece como protagonista na sombra, facilitador e artífice da “maxia” do local. Hoxe mesmo proxectarase ás 00hrs. o documental no Náutico de San Vicente do Mar coincidindo coa estrea.

<< Inicio / Anterior . 11 a 20 de 2687 . Seguinte \ Fin >>

BUSCADOR

 

 

 

Sponsored Links: No Frills Flyer, Freshco Flyer, Food Basics Flyer, Walmart Flyer, Giant Tiger Flyer