Ir ao contido directamente.


Noticias

O Silfest Valdeorras apraza a súa edición 2020

Xénero: Miscelánea | 18 / 6 / 2020

imaxe non dispoñible

Este 23 de xullo non marcará, como estaba previsto, o comezo da edición 2020 do Silfest de Valdeorras. A organización do evento decidiu aprazar a realización desta xeira a sinalar "a falta dunha normativa específica sobre a realización de festivais así como de medidas de seguridade concretas para ditos eventos". No entanto, aseguran estar a traballar para reacomodar o festival en novas datas durante este mesmo ano, "sempre que sexa posible garantir a seguridade e cumprir coas normas esixidas polas autoridades". Segundo adiantan, as entradas adquiridas serán válidas para as novas datas e en breve se anunciará o mecanismo de devolución para quen as queira devolver. Polo momento non se fixera público o cartel da nova edición deste festival que se celebra ao longo de tres días na praia fluvial do río Sil no Barco de Valdeorras.

O circuíto Directos Xacobeo21 calcula impulsar ata 160 concertos en salas entre xullo e outubro

Xénero: Miscelánea | 17 / 6 / 2020

imaxe non dispoñible

Co obxectivo de contribuír á recuperación da actividade das salas privadas de concertos e dos profesionais galegos da música ao vivo no contexto poscovid-19 nace o programa Directos Xacobeo'21 en Salas, que a Xunta de Galicia pon en marcha xunto á Asociación Galega de Salas de Música ao Vivo Clubtura no marco do plan autonómico de reactivación dos sectores cultural e turístico. A Consellería de Cultura e Turismo financia integramente este ciclo, para o que conta cun orzamento de 400.000 euros a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic). Directos Xacobeo'21 en Salas desenvolverá entre os meses de xullo e outubro unha programación de ata 160 concertos protagonizada exclusivamente por solistas e grupos galegos de todos os estilos nun máximo de 40 salas das catro provincias, integrantes ou non da devandita asociación. Serán os propios responsables das salas os encargados de configurar os seus respectivos carteis a partir de todos os solistas ou bandas inscritas, tendo en conta ademais que cada proposta artística poderá contar cun máximo de dous concertos programados. Tanto a capacidade como as condicións hixiénico-sanitarias de cada un dos eventos atenderá ao que, en cada momento, ditaminen as autoridades competentes para a celebración de espectáculos públicos. Ademais, todos eles serán gravados e editados para a súa retransmisión en liña a través de diferentes plataformas audiovisuais.

O Museo Mundo Estrella Galicia reabre este venres cun festival musical internacional

Xénero: Miscelánea | 17 / 6 / 2020

imaxe non dispoñible

O Museo MEGA (Mundo Estrella Galicia) abrirá de novo as súas portas este venres 19 de xuño e para a ocasión prepara un gran evento de carácter cervexeiro e musical que se emitirá a través das redes sociais da marca Estrella Galicia. Tomando sempre como referencia as cifras identificativas dun dos seus produtos , o 1906, o espazo abrirá o día 19/06 ás 19:06 horas, para que o público poida realizar un paseo virtual por algunha das salas do espazo expositivo dedicado á historia desta marca de cervexas. O paseo virtual dará paso ao 19.06 Soundbrewing Festival, un evento musical intercontinental en liña que SON Estrella Galicia celebrará reunindo nun mesmo escenario interpretacións presenciais e en liña. Os artistas galegos Laura LaMontagne & Pico Amperio, serán os encargados de arrancar o festival en directo desde o propio MEGA en A Coruña. Os galegos traerán a súa particular visión do folclore pasado por filtros de electrónica, hip-hop e trance engadindo un traballo de videocreación que converte os seus espectáculos en obras de arte. Califato ¾ farán o seu concerto desde a súa cidade, Sevilla. Hotelo e Porridge Radio, representando a expansión internacional que afronta Estrella Galicia por territorios como Latinoamérica o Europa, farán os seus directos desde São Paulo (Brasil) e Londres (UK) respectivamente. O evento poderá seguirse desde as redes sociais de SON Estrella Galicia, de MEGA y tamén desde as de Estrella Galicia España, Reino Unido e Brasil.

Zënzar actualizan o futuro ao que apuntaban en 1997 co seu novo disco

Xénero: Rock | 16 / 6 / 2020

capa_benvidas_futuro_zenzar.jpg

Xa está dispoñible o novo disco da veterana banda de rock de Cerceda, Zënzar. Benvidas ó futuro (Inquedanzas Sonoras, 2020) é o décimo traballo deste grupo de punk rock que leva trinta anos facendo soar os decibelios, sempre cunha mensaxe combativa que retrata os seus tempos. Por primeira vez na historia de Zënzar, un disco é composto, gravado e deseñado unicamente por membros da banda. Coa referencia clara e actualizada ao seu primeiro disco Disparado ó futuro, neste novo traballo o grupo inclúe revisións dalgúns temas do seu pasado e novas composicións nas once pistas da súa edición estándar. Tamén está dispoñible unha edición especial en USB que inclúe unha selección de 32 temas de discos (e unha maqueta) anteriores. Como exemplo desa mestura entre o novo e o anterior os dous temas cos que Zënzar fixo avances deste Benvidas ó futuro, son a revisión dun dos seus clásicos, A culpa foi de Leño, e unha das novas composicións, Todo se extingue, asinada por todos o compoñentes actuais da lonxeva formación: Laura Romero, Manolo García, Mario Grela, Paco Cerceira e Xosé Ramón Bocixa. Ademais xa teñen dous vídeos dete novo álbum: o de A culpa foi de Leño, e Standing Rock

Falece o xornalista e escritor Emilio Alonso Pimentel

Xénero: Miscelánea | 15 / 6 / 2020

imaxe non dispoñible

Este 14 de xuño falecía en Vigo Emilio Alonso Pimentel, xornalista especializado en música e escritor, aos 61 anos de idade. Pimentel, que publicou en edicións xerais Vigo a 80 revolucións por minuto (2011) e mais Mercurio (2009) fora galardoado co VIII Premio de Novela por Entregas de La Voz de Galicia por este último traballo. Ademais, foi autor de ¡Po! Diario de un viaje a Palestina.

O Concello de Vigo asina un convenio por sete concertos coa Orquestra Vigo 430

Xénero: Clásica/Lírica | 15 / 6 / 2020

imaxe non dispoñible

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, deu conta a aprobación por parte da Xunta de Goberno local da subvención mediante convenio á formación musical Orquestra Vigo 430 para o financiamento do seu programa de concertos da presente tempada. O Concello achega 125.000 euros á formación musical para ofrecer sete concertos en distintos puntos da cidade, tendo en conta as condicións actuais derivadas da crise sanitaria do coronavirus. A Orquestra Vigo 430 tivo que suspender a súa programación de temporada prevista durante o Estado de Alarma, sempre co obxectivo posto en retomar as actuacións canceladas como a interpretación de A Paixón segundo San Xoán de J.S.Bach, e manter os compromisos acordados con músicos e directores coma Lina Tur Bonet, Sindy Mohamed ou Isabel Rubio. Aínda non hai datas para estes concertos A Orquestra Vigo 430 nace no ano 2005, formada principalmente por músicos profesionais e completada con expoñentes da canteira musical que xera o Conservatorio Superior de Música de Vigo, favorecendo a súa integración no ámbito profesional. Tamén en materia cultural, o goberno vigués ratificou a subvención nominativa por 5.000 euros ao Teatro Ensalle para o desenvolvemento da programación anual da sala que leva o seu nome.

Unha cantautora para o teu xardín

Xénero: Cantautor | 9 / 6 / 2020

imaxe non dispoñible

Ante as expectativas inmobiliarias actuais de que cada vez máis xente está a buscar casa con xardín ou leira onde pasar o verán ou onde entrar a vivir, sumadas a realidade da baixa actividade da música en directo, a cantautora Silvia Penide ven de facer da necesidade virtude e ofrecer os seu servizos a particulares nunhas determinadas condicións. Concerto na túa leira é o enunciado desta campaña pola que a artista ofrece a particulares que dispoñan dun espazo aberto a posibilidade de contratala para actuar en privado e nun abano de formatos que varían en canto á complexidade da posta en escena e o número de músicos a tomar parte. Os particulares que queiran gozar sos ou nunha reunión privada destes concertos deberán dispor dun espazo aberto non que poder asegurar as condicións de seguridade dos artistas, seguindo as normas de reunión e distanciamento estipuladas polas autoridades, así como de respecto ao entorno en canto a contaminación acústica. Silvia Penide ofrece para isto varios formatos, o máis básico o dela sóa, con guitarra e amplificación independente, pero tamén pode ir nun formato máis complexo acompañada por un ou varios dos músicos da banda coa que adoita facer os seus concertos: Paul Álvarez, Carla López e Bruno Couceiro. A artista ofrece así un abano de posibilidades que tamén supoñen diferentes orzamentos.

Guadi Galego e Xabier Díaz actuarán o 4 de xullo nun grande evento adaptado en Pontevedra

Xénero: Miscelánea | 8 / 6 / 2020

imaxe non dispoñible

A música galega volve a buscar reunir á cidadanía nunha experiencia colectiva con seguridade. O Concello de Pontevedra, na súa aposta pola volta á normalidade da cultura e en concreto da música ao vivo ven de presentar a celebración dun concerto especial no exterior do Pazo da Cultura a cargo de Xabier Díaz e Guadi Galego o vindeiro 4 de xullo. O evento será o xeito de fusionar os ciclos Voices e As Matinés do Principal, celebrados no Pazo da Cultura e o Teatro Principal, que deste xeito cobrarán vida nun espazo exterior onde se poidan levar a cabo os protocolos necesarios e asegurar as condicións de seguridade sanitaria previstas ao tempo que se promove o encontro da cidadanía arredor da cultura galega.

A Cidade da Cultura anuncia unha programación centrada no país

Xénero: Miscelánea | 8 / 6 / 2020

imaxe non dispoñible

Coa intención de contribuír á recuperación da actividade no sector cultural tras a crise da Covid-19, a Cidade da Cultura acaba de presentar a súa programación para o segundo semestre de 2020. Segundo explica o web desta entidade, reorientáronse os eventos previstos de xeito que "creadores, técnicos, traballadores e empresas galegos e galegas terán especial protagonismo na oferta prevista para os vindeiros seis meses, período no que se intensificarán os esforzos para dinamizar este sector".

A Xunta apoia o sector musical co programa de concertos Galicia Emerxe

Xénero: Miscelánea | 3 / 6 / 2020

imaxe non dispoñible

A Consellaría de Cultura acaba de anunciar a posta en marcha do programa Galicia Emerxe, destinado a apoiar o sector musical ante a crise da Covid-19. A iniciativa, que xa se adiantara entre as medidas a prol da cultura, contará cun orzamento de 500.000 euros e consitirá na gravación e emisión pola TVG das actuacións ao vivo de 50 artistas e grupos galegos. O Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura acollerá ao longo do vindeiro mes de setembro o rexistro destes concertos, que se fará con público e a cumprir as correspondentes medidas sanitarias.

<< Inicio / Anterior . 11 a 20 de 2710 . Seguinte \ Fin >>

BUSCADOR

 

 

 

Sponsored Links: No Frills Flyer, Freshco Flyer, Food Basics Flyer, Walmart Flyer, Giant Tiger Flyer