Ir ao contido directamente.


Noticias

Malraio presentan 'Demo' o primeiro disco longo

Xénero: Rock | 21 / 4 / 2020

Malraio_demo.jpg

A banda compostelá Malraio ven de sacar o que é o seu primeiro disco longo. Máis dun ano despois de meterse a gravar de xeito autoxestionado os Malraio puxeron desde onte no seu Bandcamp o disco Demo cos seu oito temas e presentaron xa un videoclip coa canción Ninja. Ata o de agora a banda tiña un EP, Prótese (2017). O resultado da gravación e mestura reflicte perfectamente a potencia do grupo comprobable nos directos que levan dado nestes anos. Carga garaxeira de guitarras, nalgúns casos psicodélicas noutros ata o shoegaze ou o rock gótico postpunk máis escuro, pero sempre con temas que moven pes e cabezas para non deixar de encher de baile a súa escoita ao estilo máis R&R. Malraio demostran tamén coas súas letras, en galego, densidade intelectual e capacidade para crear retrousos ou frases que quedan no aire para quen as escoita. É o caso do tema de lanzamento, Ninja, moi acaída para o momento por pura casualidade pero co tema universal dos medos amplificados polos medios de comunicación. Pero tamén pasa con grande temas como A dor ou A redonda. A banda agarda que ata que poidan comezar dar concertos, o seu esforzo produtivo poida compensarse coa venda da ´sua música en formato físico, en CD. Demo foi gravado en febreiro de 2019 nos estudios Potemkin de Santiago de Compostela por Jacobo Iglesias e Dani Blanco. Algúns arranxos e overdubs foron regravados e producidos por Fon Botana.

Cae o Festival de Ortigueira deste ano e anuncia datas e novidades para 2021

Xénero: Miscelánea | 21 / 4 / 2020

imaxe non dispoñible

As derradeiras horas están traendo unha cascada de noticias sobre as previsións de realización de importantes eventos nos vindeiros meses. Un dos máis relevantes, pola súa antigüidade e dimensións é o Festival internacional do Mundo Celta de Ortigueira, previsto entre o 16 e o 19 de xullo deste ano. O buque insignia dos eventos de música folk ven de anunciar, con grande pesar, a cancelación de edición deste ano e o seu pase para os días 14 ao 18 de xullo de 2021. Segundo comunican desde a organización, todos os recursos cos que contaba o Concello para celebralo irán destinados a axudas de emerxencia social e hostalaría e pequeno comercio, unha decisión que tamén ten en conta as máis que posibles restricións de actos multitudinarios que aínda están por decidir. Arestora os esforzos organizativos centraranse en preparar un 2021 que compense a espera con varias novidades, entre as que destaca a ampliación nunha xornada dos concertos do escenario principal, que iniciarán a súa actividade o mércores, en lugar do xoves. En 2021 manterase o cartel artístico previsto, coa presenza das principais cabezas de cartel e entre as novidades crearase o "Día Runas" no que actuarán seis bandas, os tres finalistas de 2020 e os tres de 2021, segundo aseguran na organización.

Importante peso galego no primeiro foro de reflexión e encontro virtual de festivais

Xénero: Miscelánea | 20 / 4 / 2020

imaxe non dispoñible

A empresa pontevedresa PlayPlan Xestión Cultural é unha das tres que organizan o primeiro encontro dixital de festivais no marco de incerteza actual para un sector tan economicamente relevante nas industrias culturais. Entre a tarde de hoxe, luns e o vindeiro 24 de abril terá lugar este Music Fest Meeting do sectro do ocio musical nacional einternacional nun entorno virtual o programa de encontros e charlas polo cal profesionais en representación de máis de trinta de festivais de todo o Estado confrontarán ideas, problemas e solucións para o futuro. Por parte das industrias culturais galegas están representados no programa festivais como SonRías Baixas, Festival Sinsal Son, 17ºRibeira Sacra, Culturgal e a Asociación de Festivais de Galicia, ademais de NoComún. Esta primeira edición do Music Fest Meeting, está promovida por IDASFEST, PlayPlan e Enterticket e será retransmitida en directo por YouTube, o evento virtual, organízase arredor de 2 mesas redondas diarias entre as 18:00h.e as 20:00 h., e tratará temas como o fenómeno dos concertos en streaming, así como dúas mesas redondas específicas dedicadas á figura do promotor de festivais. O acceso e rexistro é de balde e aberto para calquera interesado na industria.

O certame Sonidos Mans de bandas emerxentes asegura premios aínda que non haxa festivais

Xénero: Miscelánea | 17 / 4 / 2020

imaxe non dispoñible

Os Estudios Mans da coruñesa Fundación Paideia manteñen aberta a convocatoria do seu certame de bandas emerxentes Sonidos Mans polo cal bandas que están a comezar poden actuar en festivais recoñecidos e gravar un tema e un vídeo de xeito profesional. Arestora xa teñen 150 proxectos inscritos para esta edición da competición que se está a levar a cabo con gravacións caseiras que un xurado composto por tres profesionais do sector musical escoitarán para decidir as finalistas. O xornalista Ángel Carmona de Hoy Empieza Todo de Radio 3, xunto á manager Keina García e o produtor Paco Loco, seleccionarán las 50 mellores propostas do panorama emerxente nacional. Os dez mellor puntuados pasarán directamente á fase final e os corenta restantes á fase de votación popular. Nesta edición do certame, condicionada pola incertidume xerada polo estado de alarma provocado polo COVID-19, desde Estudios Mans van asegurar 8 premios seleccionando unha banda por cada un dos festivais que se adhira á plataforma, e no caso de que non se puidera ter un festival por cada grupo seleccionado, Estudios Mans entregará un bono de merchandising por un valor aproximado ao coste da actuación. Ademais os gañadores tamén poderán gravar en Estudios Mans un tema e un vídeo en falso directo. O prazo segue aberto ata o vindeiro 27 de abril.

Entre Trastes presenta o seu álbum Umami, gravado ao vivo

Xénero: Folk | 14 / 4 / 2020

umami_entretrastes.jpg

Logo dunha exitosa campaña de crowdfunding o cuarteto Entre Trastes lanzou Umami, un álbum ao vivo que recolle a actuación da banda na gala dos Premios Opinión de Música de 2019. A seguir a liña da banda, o disco recolle nove temas de folk acústico interpretado polas cortas de Álvaro Iglesias (Contrabaixo), Xosé Liz (Bouzuki, Mandolina), Daniel Vilar (Guitarra acústica e española) e Hugo Franco (Guitarra acústica). Temas propios que beben da tradición musical galega, acompañada de achegas de bluegrass, música bretoa, irlandesa ou escocesa, entre outras influencias.

Puro Ocio é o debut discográfico de Verto

Xénero: Fusión | 8 / 4 / 2020

puro_ocio_verto.jpg

Logo de revolucionar as redes coa súa actuación en Luar a presentar o tema Oie Gayego, Verto lanza o seu primeiro álbum. Puro Ocio achega sete temas nos que o dúo de Alberto Mira "Berto" e Fernando Peleteiro "Fer" continúan coa súa fusión de trap con toques latinos e elementos ambientais, a cantar sempre en galego. Repasos cantados da propia historia do grupo, retratos do ambiente compostelán e expresións de teimas e desexos íntimos combínanse en temas alegres e reflexivos. Puro Ocio, autoeditado e producido de xeito doméstico, está dispoñible en Spotify e Youtube e súmase aos cinco singles previos que o grupo fora publicando desde 2019.

O festival Marisquiño cancela a súa edición 2020

Xénero: Miscelánea | 7 / 4 / 2020

imaxe non dispoñible

"Dificultades sanitarias, organizativas e de seguridade" derivadas da crise sanitaria polo Coronavirus, levaron a organización do festival Marisquiño a cancelar a edición 2020 deste evento. A cita de deportes e cultura urbana viguesa, prevista inicialmente para o vindeiro mes de agosto, non poderá celebrar o seu vixésimo aniversario ata 2021. De xeito similar tamén o festival gastronómico e musical Vigo Seafest acordou non celebrar a súa edición deste ano e convoca á vindeira para xullo do amp vindeiro.

Tanxugueiras inician a segunda semana dos Tanxuvermús

Xénero: Miscelánea | 7 / 4 / 2020

imaxe non dispoñible

Desde o pasado 28 de marzo e con previsión ata o 12 de abril, o grupo Tanxugueiras está a celebrar os Tanxuvermús. Cada día ás 13 horas o trío de música tradicional reúnese a través das redes con un persoeiro da cultura e da música e desenvolve un diálogo distendido e aberto ao público. Logo de ter pasado por esta cita nomes tan variados como Gayoso, Monoulious Dop, Carlos Blanco ou Verto, este 6 de abril Rodrigo Cuevas abría a segunda semana da iniciativa. Sabela Ramil, Teresa Cuíñas, Xosé A. Touriñán, os youtubers O Aquele e Olaxonmario, Pilar García Negro e Guadi Galego participarán nas vindeira xeiras da iniciativa, que se pode seguir pola canle de Youtube de Tanxugueiras.

Profesionais da cultura desenvolven nas redes a campaña #NonNosCanceles

Xénero: Miscelánea | 6 / 4 / 2020

imaxe non dispoñible

Ao longo dos últimos días, mais en particular na mañá deste seis de abril, as redes sociais galegas están a se inzar de publicacións co cancelo común #NonNosCanceles. Profesionais dos máis diversos ámbitos culturais, a incluír proxectos musicais, escénicos, audiovisuais, técnico de diferentes áreas, responsables de programación ou promoción reivindícanse a sinalar "eu tamén son traballador@ da cultura". Nas mesmas, chámase con esa etiqueta a manter contratacións e a que a amortecer o impacto do sector na actual crise sanitaria, trasladando as datas das programacións previstas neste período no canto de as cancelar.

A instantánea da música 2020

Xénero: Miscelánea | 3 / 4 / 2020

imaxe non dispoñible

Unha destacada suba de participación preséntase como a novidade máis destacada da sétima edición dos Premios Martín Códax da Música que convoca a asociación Músicas ao Vivo. Canda a isto, a recuperación da categoría de Tradicional e o nacemento dun galardón específico para Bandas de Música Populares aparecen como outras mudanzas destacadas. Facemos a partir destas inscricións a nosa análise dun panorama sonoro cada vez máis variado no país.

<< Inicio / Anterior . 21 a 30 de 2700 . Seguinte \ Fin >>

BUSCADOR

 

 

 

Sponsored Links: No Frills Flyer, Freshco Flyer, Food Basics Flyer, Walmart Flyer, Giant Tiger Flyer