Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / reportaxes / A nota veterana

A nota veterana

CLáSICA/LíRICA | agosto 6, 2007

Imprimir

Estar en plena forma aos cincuenta anos é algo que non consigue todo o mundo. Se para máis, quen ten esa idade é un curso dedicado á música clásica no noso país, a cousa é de recoñecer. Pois aí está Música en Compostela. A capital galega acollía onte o comezo da quincuaxésima edición deste evento, que reúne como sempre un bo feixe de alumnos das máis diversas nacionalidades.

Quizais o feito de que un curso cumpra cincuenta anos non chame moito a atención do grande público. Pero os coñecedores do mundo da música clásica saben ben a importancia de Música en Compostela e o nivel que, ao longo do tempo, acadou este encontro internacional, que chama anualmente alumnos de todo o mundo interesados en mellorar os seus coñecementos sobre música española.

Tantos anos de historia non son fáciles de condensar. Así o demostra o feito de que, a xeito de conmemoración, non se edita un volume, senón tres, que recollen a dilatada traxectoria deste evento. O Hostal dos Reis Católicos acolle esta mesma tarde a presentación da máis recente destas obras. Canda a isto, haberá concertos especiais da Real Filharmonía e da Sinfónica de Galicia e mais da Orquestra Nacional de España, de balde para todos os interesados no evento. Sen esquecer as habituais conferencias públicas que fan parte do programa.

Nado como un xeito de superar o illamento internacional que o Estado padecía por aquel entón, o curso quería ser un referente en canto á formación en música española. Para isto, o Ministerio de Asuntos Exteriores recrutou o mellor do panorama naquel momento. Ao longo do tempo, a nómina de persoas que participaron no evento, tanto como ensinantes como no papel de alumnos chegaría a ser un auténtico escaparate do mundo da música en todo o mundo. Só a nivel estatal podemos mencionar, por exemplo, a Montserrat Caballé, Montsalvatge, Rodrigo ou Esplá, entre moitos outros.

A participación internacional foi e continúa a ser a seña fundamental deste evento. Este ano son 120 alumnos dos que a maioría, logo dos españois, chegan desde Xapón. Canda a estes, nacionalidades de todo tipo acoden cada ano a este encontro. Desta volta destaca a presenza coma profesores de dous antigos alumnos do evento, os colombianos Blanca Uribe e Rafael Puyana.

Como novidades de cara ao futuro, a Universidade de Santiago, que corre coa organización doe vento, anunciou que pretende programar ao longo do curso concertos dos alumnos que participan neste encontro, reforzando o seu vencello coa cidade eco encontro. Visto o visto, semella que aínda hai madeira para outros cincuenta anos. Polo menos.

 

 

 

Sponsored Links: No Frills Flyer, Freshco Flyer, Food Basics Flyer, Walmart Flyer, Giant Tiger Flyer