A renovación dos arquivos quere afondar na divulgación do traballo destes centros

Arquivos con luz

retrato tema 11859
retrato tema 11859
Os arquivos, na visión máis popular, son espazos cheos de po e de cartafoles máis ou menos organizados nos que só voluntariosos investigadores se atreven a entrar para procurar quen sabe que escuras pistas encol do noso pasado. No entanto, estes lugares desempeñan un importante papel para moitos usuarios non especializados e posúen un grande potencial de divulgación. A piques de se aprobar, a vindeira Lei de Arquivos promete mudar o panorama deste sector en Galicia.

“A situación dos arquivos en Galicia é moi diversa” recoñece o Director Xeral de Patrimonio, Felipe Arias. “Os de carácter estatal que xestiona a Consellaría de Cultura, coma os provinciais e o Arquivo do Reino de Galicia, teñen unha situación xeralmente boa. Se ollamos para os casos dos municipais non son o mesmo casos coma os de Lugo e os da Coruña que os de concellos menores, que teñen menos recursos e están nunha situación máis irregular”. Para alén destes, no noso país contamos cunha ampla gama de depósitos deste tipo. “Hai arquivos xudiciais ou militares, coa súa propia regulación, e logo outros coma o do Parlamento ou dos hospitais”, lembra Arias. A estes aínda se poden sumar os eclesiásticos, de grande importancia para coñecer o noso pasado e diferentes arquivos privados. Tamén nestes casos dáse unha ampla variedade de situacións, a depender das posibilidades e mais do traballo da institución responsable de cada legado.

Traballos en marcha
Neste sentido, precisamente un dos grandes traballos que desde hai anos se está a desenvolver no campo dos arquivos é precisamente a ordenación e catalogación do material presente nos depósitos municipais, un legado especialmente rico e variado que en non poucas ocasións corre o risco de desaparecer. “Desde hai anos hai unha campaña de colaboración con estes centros para dotalos dunhas instalacións mínima e catalogar o material. Agora mesmo quedan poucos concellos por completar, e a algúns hai que voltar porque o traballo se fixo hai dez anos e un arquivo é elemento vivo que se está formando constantemente e incorporaron novos materiais. A falta de instalacións idóneas e a escaseza de persoal son as que provocan en moitos casos unha deficiente conservación dos fondos. “A situación idónea, pensando no punto de vista dos arquiveiros, é que estes lugares estean ben dotados de instalacións e de persoal, unha vez que se ten iso, a organización xa vén dada”, recoñece o director xeral. “Mesmo nos arquivos da Consellaría e de administracións importantes sempre fai falla máis persoal.

Desafío
Para alén desa mellora dos arquivos municipais, outro grande proceso ao que se están a someter os depósitos galegos de documentos é a dixitalización dos fondos. “Está a se traballar nesa liña, especialmente no caso de documentos históricos. Por exemplo está a se facer con todo o material dos mosteiros que se conserva no Arquivo Histórico Nacional, en Madrid. Pero a dixitalización ten que afectar tamén aos arquivos administrativos”, explica Arias. “Cómpre establecer prioridades, una vez que se teñan instalacións axeitadas en moitos sitios, pasaríase á seguinte fase”.

Usuarios
Malia a que poidamos pensar que os arquivos son visitados unicamente por investigadores desexosos de compilar datos históricos, na realidade moitas das consultas que atenden proceden de sectores ben diferentes. “Moita da documentación que se garda son documentos públicos que serven directamente á sociedade. Os responsables explican que boa parte dos usuarios é xente que acode para ver cuestións sobre fincas en documentos que poden ser do século XVII ou XVIII. Isto ocorre cada vez con máis frecuencia”, lembra Felipe Arias. Desde o Arquivo do Reino de Galicia, o director Gabriel Quiroga corrobora esta tendencia. “Tradicionalmente os usuarios eran investigadores, pero nos últimos anos recibimos fondos de organismos e institucións públicas da Coruña que non tiñan capacidade para os custodiar, e agora é tanto un arquivo histórico coma intermedio”, explica. “Isto atrae usuarios que son cidadáns de a pé que acoden a bucar elementos administrativos sobre o catastro ou expedientes de transmisión ou de sucesión que aínda teñen vixencia”, completa.

A mudanza
A nova Lei, que está previsto que se aprobe este mesmo ano, “quere ordenar o panorama e desenvolver o capítulo sobre arquivos que existe na Lei de Patrimonio de 1995”, lembra o director xeral. A creación do novo Arquivo Nacional de Galicia que se construirá a Cidade da Cultura, é outras cuestións que se tratarán no texto. “Tamén hai que reformular o papel de determinados arquivos, coma o Arquivo do Reino de Galicia e outros administrativos. É fundamental tamén a creación do arquivo xeral da Administración da Comunidade e establecer criterios sobre o servizo que deben dar estes centros, o procedemento de acceso e custodia de documentos ou como se eliminan determinados documentos”, completa. Precisamente neste campo a Lei prevé a creación de comisións que decidan, nas diferentes administracións, qué se debe conservar. “Tamén se trata de cubrir o tema dos arquivos informáticos, que malia a que basicamente se tratan igual que o resto, teñen unha certa especificidade”, explica. Para alén da organización interna, o texto prevé incrementar o traballo para dar a coñecer o que se fai nestes espazos. “A divulgación é unha cuestión fundamental, e normalmente é algo que se esquece”, recoñece Arias. “Os arquivos deben facer publicación non só de guías senón tamén de difusión. O arquivo do Reino de Galicia ou o Provincial de Lugo, entre outros, teñen políticas de exposicións nos que empregan os seus fondos cartográficos, documentais ou fotográficos”, lembra o responsable de Patrimonio.

Divulgación
Desde o Arquivo do Reino de Galicia, Gabriel Quiroga insiste en que “o traballo de custodia dos arquivos non tería sentido se despois non se poñen estes fondos a disposición do público, tanto a través da sala de consulta como da difusión para que a xente os coñeza. Esta son liñas xerais para todos os arquivos e o do Reino traballa nestes campos”. Así, neste edificio coruñés desenvólvese como mínimo unha exposición anual aproveitando os fondos que custodia. “O arquivo conta cunha programación estable e tentamos buscar un eixe temático que atenda ao interese da sociedade en determinados momentos”, lembra Quiroga. Deste xeito, o pasado verán puido verse no centro “Estradas e camiños”, unha curiosa mostra sobre a evolución das vías de tránsito en Galicia a partir de documentos textuais e cartográficos que se gardan neste espazo. En anos anteriores atendeuse á propia renovación do centro, a Manuel Murguía ou Xaquín Lourenzo (nos anos en que se lles dedicou o Día das Letras) ou ao Camiño de Santiago. Fotografías antigas, documentos xudiciais e mesmo a visión artística encol destes depósitos que supuxo a mostra de fotografías “Contido e vestimenta” amosan algunhas das posibilidades expositivas dos centros. A vindeira proposta, a coincidir o bicentenario da Guerra da Independencia, é unha mostra na que se recuperarán os documentos da Xunta de Armamento e Defensa de Galicia que se constituíu na Coruña naqueles anos. A maiores, o web do Arquivo achega información actualizada sobre os fondos que se van incorporando canda a unha base de datos co material do que se dispón.

Turismo de arquivos
As posibilidades de divulgación non quedan aí. Logo dunha recente reorganización e recuperación de fondos, o Concello de Padrón anunciaba o pasado mes de marzo o seu interese en incluír o seu arquivo municipal nunha ruta turística para que os visitantes poidan coñecer o pasado da vila a través de documentos orixinais. Nese sentido, o director xeral matiza as posibilidades que neste sentido teñen estes. “Non sei se a nivel estritamente turístico poden funcionar. Non imaxino unha excursión de xaponeses a tirar fotos nun arquivo, pero é certo que debe haber unha trascendencia destes centros que inclúe as visitas desde os máis diversos ámbitos”. As portas están abertas a novas ideas.