Colleiteiros de voces

A materia da difusión é a grande eiva do traballo de recolleita de música tradicional en Galicia

Nenos gaiteiros (A Estrada, ca. 1955). Fonte: Os instrumentos musicais na tradición galega
Nenos gaiteiros (A Estrada, ca. 1955). Fonte: Os instrumentos musicais na tradición galega
Existen no país moitos afeccionados que non dubidan en se botar ao campo armados de gravadoras ou cámaras a tentar compilar pezas descoñecidas de música e baile tradicional. Malias á novidades tecnolóxicas, e a unha crecente preparación destes investigadores, este labor continúa a ter grandes eivas no tocante á difusión e á organización do material que se recupera.

No marco do V Encontro O Son da Memoria, centrado en As coleccións sonoras de Galicia ante o presente dixital en rede, organizado polo Consello da Cultura Galega, unha mesa redonda analizou a situación dos grupos de recompilación etno-musical. Pablo Carpintero, autor da monumental obra Os instrumentos musicais na tradición galega, un completo catálogo sobre estes elementos do patrimonio, moderaba o pasado 27 de abril este encontro. Segundo sinala Carpintero, o traballo de recuperación deste legado foi historicamente e continúa a ser un labor de voluntariado. “Os que fan este tipo de recompilación, máis do que grupos son persoas illadas que non teñen financiamento ningún”, salientou Carpintero na presentación da mesa. “Unha parte moi importante da cultura galega que se recolleu no campo da música, do baile e do canto fíxose así, agás o traballo de Dorothe Schubarth e Antón Santamarina co Cancioneiro Popular Galego, practicamente todos os demais fomos por conta propia”. Nese sentido, o perfil dos investigadores neste campo mantense desde hai varias décadas. “Normalmente é xente que está implicada en grupos de música ou folclóricos, que queren aprender novas pezas e dalas a coñecer”, explica.

Novidades no campo
Malia a todo o traballo que se realizou sobre esta cuestión, e á progresiva desaparición da sociedade tradicional galega, Carpintero considera que “fica moito por recoller. Aínda hai moita xente maior, e despois dela segue outra, aínda hai transmisión. Xa non se atopan informantes que nos poidan falar da música dos anos 10 do século XX, pero si sobre os anos 30 ou 40”. Ademais, ao seu parecer, “unha zona nunca se esgota, canto máis escarves, máis sacas, os informantes sempre saben cousas”. Aínda que no fundamental a colleita de sons continúa a se facer do mesmo xeito, as novas tecnoloxías facilitaron algúns dos procesos. “Agora pódese gravar con maior calidade e máis cousas, sen os límites de tempo que che daban as fitas de casete, e tamén é máis sinxelo gravar vídeo”. O emprego da rede é outros dos avances no sector. “Emprégase sobre todo para compartir pezas”, explica Carpintero. Pola súa banda, os irmáns Castor e Félix Castro Vicente, avogados e etnomusicólogos ourensás, apuntaron na mesa redonda a utilidade da rede para documentar as súas buscas e conseguir determinado material. “Fixemos moito traballo de gabinete compilando discos, partituras, pregos de cordel ou libros de etnografía descatalogados”, lembraron na súa intervención na mesa redonda, “resulta moito máis sinxelo recuperar este tipo de cousas por Internet”.

Metodoloxías
Para alén do aspecto tecnolóxico, o xeito de recollida non mudou especialmente, segundo sinala Carpintero. “Polo xeral a xente que fixo recolleita sempre se preocupou por apuntar o contexto e deixar claro quen cantaba qué, ou en qué momento. Penso que, sobre todo a partir dos anos 70, fóronse facendo ben as cousas e se obtivo moi bo material”. No entanto, os irmáns Castro si que advertiron certas mudanzas. “Houbo unha época na que grupos de colleita só lles valían persoas que lles puidesen proporcionar novos bailes ou pezas que incorporar ao seu espectáculo, e se non xa non o gravaban. Tampouco prestaban atención a xéneros pouco tradicionais como as rumbas.E o mesmo acontecía con instrumentos menos empregados do que a gaita, como o acordeón diatónico ou a frauta. Moita xente que gravamos eran da emigración e a súa fonte de experiencia musical cubría desde a radio ou moito material de bandas de música, ademais de gaiteiros, por suposto”. Noutro sentido, tamén semella terse incrementado o intercambio de material entre as persoas e os grupos vencellados a esta actividade, fronte a momentos nos que non era estraño que o material ficase restrinxido ao seo da correspondente asociación ou na casa do investigador. Carpintero recoñece que “agora compártese máis do que antes, sobre todo mediante o intercambio de pezas que se recolleron”.

As novas recolleitas
A presenza na propia mesa de Xoán Xil, a falar do proxecto Escoitar.org amosou as posibilidades que abren as novas tecnoloxías de cara á colleita de material. Aínda que centrado nas paisaxes sonoras, o sistema de xeolocalización de sons que propón este web pode ser facilmente integrado para compartir para outro tipo de contidos, por exemplo os musicais. Segundo apuntou Xil “nós non pensabamos na idea de música, senón noutros sons, que a miúdo se consideran ruído pero que para nós tamén definen o que é a galeguidade”. Pódese considerar Escoitar.org como un novo xeito de achegamento ao patrimonio sonoro. “A maior parte dos traballos arredor do son en Galicia fixéronse arredor da música, sen ter en conta outros aspectos do son. Moitas veces son estes sons que desapareceron os máis evocadores para moitas xentes, como podía ser o son das campás ou o do bucio, unha caracola que se tocaba na zona de Ourense para coordinar os regadíos”. O proxecto propón un novo xeito de recoller outros aspectos da memoria e da experiencia vital, buscando ademais a valorización do son a mesturar arte e tecnoloxía. Guías sonoras, obradoiros e propostas interactivas amosan outros xeitos de se achegar e arquivar o patrimonio sonoro. No entanto, Carpintero sinala que non hai proxectos, polo momento de desenvolver unha plataforma semellante vencella á música e ao canto tradicional. “Esas cousas precisan dun financiamento, a xente que xa gasta os cartos en recoller o patrimonio non quere tamén investilos en facer outras cousas para os compartir, require moito tempo e esforzo, isto tense que organizar desde unha institución”.

Informante
Outra cousa que mudou, e bastante, no campo de traballo da etnomusicoloxía foron os informantes. É coñecido o caso dos investigadores que, logo de recoller unha cantiga, descubriron que fora aprendida no Luar. “Agora a cousa, por dicilo dalgún xeito, está moito máis remexida” admite Carpintero. “A xente comunícase máis e iso nótase, pero non é mellor nin peor, simplemente é outro sistema cultural”. Ademais, lembra que “antes tamén había intercambios constantes, aínda que alguén aprendese unha peza da súa nai, ela puido coñecela por alguén que pasaba. Non se pode ter unha visión estática do pasado e identificar univocamente unha canción cun lugar”. Castor e Félix, pola súa banda, lembran o caso de que “a segunda vez que fomos gravar un gaiteiro díxonos que a primeira peza que aprendera na gaita fora Se va el caimán. Aí rompeunos unha serie de esquemas. Entón xa desde o comezo optamos por gravar todo o que a xente tocaba”

Recomendacións
A nivel de recomendacións para as persoas que teña interese en se iniciar no traballo de campo encol desta cuestión, Carpintero recomenda “gravar todo o que se fala coa xente. Todo ten utilidade, se non é directamente neste campo, noutro”. Canda a isto, apunta a necesidade de se documentar a nivel metodolóxico. “Hai moitas obras que explican como o facer, aínda que non a nivel galego”. A ese respecto salienta o traballo de investigadores como Alan Merriam ou Bruno Nettl. Na mesma liña, salienta que “é moi importante saber o que se quere obter e qué se vai preguntar. Eu moitas veces levaba un cuestionario, que aínda que non o empregaba como tal, valíame para non me esquecer dalgunha cuestión”. Na mesma liña, os irmáns Castro apuntan que, na súa experiencia, “fomos vendo que para alén do ítem sonoro, era igual de importante o contexto ou a traxectoria vital da persoa. A biografía, como aprendera a tocar ou a súa formación. Tentamos facer de xeito metódico as enquisas” para o que lles axudou o curso de etnomusicoloxía na UNED.

Eivas
Como eivas no campo, Carpintero sinala a necesidade de “elaborar todo o material que se recolleu para que a xente o coñeza o poida empregar. Non sei se ese traballo o faremos nós ou outra xeración, é unha tarefa que resulta máis traballosa do que a propia colleita”. Canda a isto, “cumpriría que houbese xente que fixese este traballo destes as institucións, con medios e non a nivel amador como agora”. Canda a isto, os irmáns Castro sinalan que “temos claro que no futuro os arquivos sonoros, e en concreto as recolleitas musicais, teñen que accesibles por Internet, tanto a nivel de catálogo como de contidos. É importantísimo que o documento sonoro teña relación con fotografías de músicos, transcricións, entrevistas e material de contexto”. Iniciativas como o web Os instrumentos musicais na tradición galega do Consello da Cultura, ou O canto do pobo amosan as posibilidades neste sentido.
Audio da mesa redonda Os grupos de recompilación etno-musical.