As mulleres bolañesas

Teatro Antroido regresa á escena homenaxeando o universo feminino de Roberto Vidal Bolaño

A actriz Laura Ponte.
A actriz Laura Ponte.
Era unha parada imprescindible dentro deste percorrido polo tránsito vital de Roberto Vidal Bolaño que se está a facer por mor do Día das Letras Galegas. O dramaturgo creou xunto con Laura Ponte a que foi a primeira compañía de teatro profesional: Teatro Antroido. A formación que regresa agora co Bailadelas, unha montaxe que ten a intención de homenaxear obra bolañesa desde un punto de vista nunca tratado: o universo feminino do seu creador. E chegan para quedarse.

Vinte anos despois de que Laura Ponte e Roberto Vidal Bolaño emprendesen a aventura de crear a primeira compañía de teatro profesional galega en 1976, decidiron recuperar o proxecto. Laura Ponte continúa á fronte desta iniciativa que conta tamén coa achega de Roi Vidal, fillo de ambos, quen asegura que “vivimos unha época semellante á dos inicios e cremos que cómpre un teatro crítico e comprometido que amosase á sociedade os problemas que nos ameazan”.

Volver….
O regreso da compañía chega coa pretensión de homenaxear a Roberto Vidal Bolaño e facelo desde un punto de vista diferente. Para iso prepararon un espectáculo que condensara a esencia das personaxes femininas que agroman no universo bolañés. Bailadelas é unha montaxe que fala da importancia da muller, que recupera as personaxes femininas de cinco textos do creador, tecidas cunha sexta personaxe creada por Roi Vidal que lle dá sentido a todas elas. A proposta, que se estrea en Rianxo este 4 de maio, toma o seu nome de Bailadela a morta de ditosa que está presente tamén neste texto. Tamén está “unha secuencia do Laudamuco, señor de ningures que fóra moi polémica nos setenta” asegurou Roi Vidal. A chonchoniña do Saxo Tenor que interpretou Laura Ponte en 1993 e a Señora Fina de Criaturas e a Ester de Rastros. Todas elas “fálannos do poder librador da revolución diante do servilismo e o sometemento, da xente sen esperanza, dos perdedores e dos marxinados, da afouteza e incredulidade dunha muller indo cara a Compostela, do amor e do desamor, da soidade non elixida, da crítica aceda e retranqueira da Señora de misa diaria con veo incluído, ou daquela que elixe como acto final a liberade que lle asiste a rematar coa súa vida. Roi Vidal quixo enmarcar que”a muller tiña un oco na escrita de Roberto Vidal Bolaño e cumpría con ese carácter de personaxes marxinalizadas tratadas con gran dignidade e humanidade”. Xavier Estévez asume a dirección deste proxecto que define como “un menú degustación da obra de Roberto que ten unha actualidade sobrecolledora”.

E para regresar con este proxecto, Teatro Antroido contou coa colaboración dunha serie de entidades. Dunha banda, do Centro Dramático Galego que coproduce a montaxe achegando 10.000 euros e co apoio de recursos técnicos e artísticos. Da outra banda, de Arteria Noroeste (delegación da Fundación Autor) que segundo o seu responsable, Juan Carlos Fernández, achegou unha partida moi reducida e tentarán apoiar unha presentación do proxecto en Madrid.

De momento, trala estrea están confirmadas preto dunha quincena de función repartidas por toda Galicia que se estenderá ata o mes de xuño e que terá en decembro unha estadía de tres días no Salón Teatro de Santiago (19, 20 e 21 de decembro).

Ademais, de xeito paralelo á montaxe, Teatro Antroido achega o seu gran de area a difundir a obra bolañesa con conferencias previstas en institutos e colexios

…para quedarse
Non é un regreso para facer un único espectáculo senón que na intención de Laura Ponte está a de recuperar o proxecto. “Volvemos para homenaxear a Roberto pero tamén coa idea de abrir camiños e fiestras” asegurou ao tempo que apuntou que a recuperación de Teatro Antroido implica “dúas xeración que agardamos que xurdan cousas moi interesanets do panorama teatral”.

A compañía mantén a día de hoxe a Laura Ponte, actriz que se uniu moi cedo a proxecto de teatro non profesional que Roberto Vidal Bolaño e Xaquín García Marcos crearon en 1974. Malia eses inicios afeccionados, catro anos despois da súa creación a compañía marcou un fito dentro do teatro profesional ao acometer a primeira estrea profesional. Foi o 16 de maio con Laudamuco, Señor de ningures.
A compañía mntívose viva ata mediados dos oitenta. Na súa traxectoria, escribiu unha decena de títulos escritos por Vidal Bolaño, como Memoria de mortos e ausentes, Bailadela da morte ditosa, Touporroutou da lúa e do sol ou Caprice des dieux, ademais de poñer en marcha a cooperativa Teatro do Estaribel xunto a Teatro Andrómena. O seu regreso supón a recuperación de parte da esencia do teatro profesional galego desde as súas orixes.