O CGAC inaugura as mostras de Cristina Lucas e Rosendo Cid

Son dúas producións por encargo do CGAC

A artista Cristina Lucas presenta a súa mostra "Es Capital", visitable ata o 22 de febreiro de 2015. Son catro traballos de nova creación producidos polo CGAC, Matadero madrid e o Museo Patio Herreriano de Valladolid. Son proxectos nos que Cristia Lucas" recorre princpalmente á acción, a instalación, o vídeo, a fotografía e o debuxo, analiza os instrumentos de poder que sustentan a nosa sociedade e o xeito en que estes limitan a nosa liberdade". Pola súa banda, Rosendo Cid exhibe a súa obra "O enxeño da escaleira", creada especificamente para o Espazo de Proxectos do CGAC, e no que Rosendo crea as súas obras "a partir de obxectos atopados, artefactos que xa tiveron a súa historia, a súa vida, probablemente insignificante. Combina as partes de xeito sinxelo, cunha manipulación mínima, illándoos para outorgarlles un tempo e un espazo concretos pero á vez indeterminados". A súa inspiración esta nun relato de Kafka. A súa mostra poderá visitarse até o 11 de xaneiro de 2015

 Tras a súa posta de largo en Matadero Madrid e no Museo Patio Herreriano de Valladolid, o derradeiro traballo de Cristina Lucas poderá visitarse agora no Centro Galego de Arte Contemporánea
 O artista galego Rosendo Cid exhibirá a súa obra ‘O enxeño da escaleira’ creada especificamente para o Espazo de Proxectos do CGAC

Santiago, 17 de outubro de 2014.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, presentou hoxe pola mañá no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) os dous novos proxectos expositivos desta institución, o titulado ‘Es Capital,’ da artista Cristina Lucas (Xaén, 1963), e ‘O enxeño da escaleira’ de Rosendo Cid (Ourense, 1974). Segundo explicou o titular do departamento de Cultura da Xunta de Galicia, ambas as mostras “fíncanse, analizan, critican e ofrecen estetizadamente cuestións presentes tanto no noso devir histórico como, dun xeito máis práctico, na nosa vida cotián”.

Neste sentido o conselleiro convidou á cidadanía a visitar estas dúas interesantes propostas que, ademais, dan conta do traballo planificado do CGAC que, como espazo de difusión cultural, “cumpre a dobre función de dinamizar, artística e creativamente, o noso ámbito propio, e de reflexionar sobre eses procesos e correntes culturais que se enmarcan no seno da nosa sociedade, e mesmo a están a caracterizar e definir historicamente”.

Unha análise do capital
A mostra ‘Es Capital’, comisariada por Manuela Villa, e que se exhibirá nas salas do centro até o 22 de febreiro de 2015, está composta por catro traballos de nova creación producidos polo CGAC, Matadero Madrid e o Museo Patio Herreriano de Valladolid coa colaboración de Acción Cultural Española (AC/E) e o apoio de DKV. En total, para realizar esta exposición contouse coa colaboración de 68 entidades.

Os proxectos de Cristina Lucas, recoñecidos a nivel internacional, nos que recorre principalmente á acción, a instalación, o vídeo, a fotografía e o debuxo, analiza os instrumentos de poder que sustentan a nosa sociedade e o xeito en que estes limitan a nosa liberdade. Que todo é capital, é a resposta que atopa a artista a unha serie de preguntas sobre a omnipresencia do capitalismo nas nosas vidas neste traballo documental cheo de sarcasmo.

‘Plusvalía’ documenta a investigación levada a cabo por Cristina Lucas para coñecer o valor de mercado que tería hoxe un dos tratados de política económica máis influentes da nosa época: o manuscrito ‘O Capital’, de Karl Marx.

Nas dúas fotografías que compoñen ‘La cámara del tesoro’, onde amosa todo o ouro almacenado na Reserva do Banco de España, a artista expón a relación entre o valor de uso e o valor de cambio nunha sociedade rexida polas normas do capitalismo financeiro.

A serie de entrevistas ‘Capitalismo filosófico’ é unha busca para comprender a relación entre os conceptos filosóficos cos que comercian as empresas e a súa actividade crematística. ¿Qué é a morte para una empresa funeraria? ¿Qué é a beleza para unha clínica de cirurxía estética? ¿Qué é a verdade para unha notaría?

E por último, en ‘El superbién común’ -unha serie de fotografías en caixas de luz de gran formato- a artista analiza con corrosiva ironía un dos paradoxos da sociedade capitalista: a escaseza de recursos e a incapacidade do noso planeta para xerar a riqueza suficiente.

Rosendo Cid
O artista ourensán presenta un proxecto específico para o espazo alternativo do CGAC que poderá visitarse até o 11 de xaneiro de 2015. As súas pezas de filia dadá, próximas ao suprematismo e de esencia póvera, ocupan un espazo de tránsito reinventado como espazo expositivo, moi en sintonía cos intereses, o discurso e o quefacer do propio artista.

A mostra apóiase en dúas ideas literarias. Por unha banda, o relato de Franz Kafka As preocupacións dun pai de familia, no que o Odradek -unha criatura fantástica metade obxecto, metade ser- vive agochada no fondo dunha escaleira, deslocalizada e sen outra utilidade máis que a da súa propia existencia. No CGAC, unha escaleira conduce a un soto poboado de pequenos Odradeks. A través do ensamblaxe e reensamblaxe de obxectos, o artista afonda nos conceptos de atemporalidade e de desterro, como o propio lugar aparentemente residual que agora habitan as súas obras. Pezas dunha sutil tosquedade e dunha vasta delicadeza.

Por outra banda, o título da mostra alude á expresión francesa l’esprit de l’escalier, que fai referencia ao momento no que se atopa unha resposta enxeñosa demasiado tarde, fóra de tempo. Rosendo crea as súas obras a partir de obxectos atopados, artefactos que xa tiveron a súa historia, a súa vida, probablemente insignificante. Combina as partes de xeito sinxelo, cunha manipulación mínima, illándoos para outorgarlles un tempo e un espazo concretos pero á vez indeterminados. E é precisamente esta contradición o que lles confire unha compoñente poética indefinible.