culturagalega culturagalega
Letras Galegas 2018
  • consello da cultura galega
  • noticias
    • todas
    • arte
    • banda deseñada
    • lingua
    • literatura
    • sociedade
    • medio
    • patrimonio
    • espectáculos
    • políticas culturais
  • en profundidade
  • axenda
  • Avg
  • lg3
  • mega
  • setestrelo
  • arte
  • banda deseñada
  • roteiros

    A semana das letras de Filgueira
    As iniciativas institucionais marcan a axenda no Día das Letras deste ano

    • 13 / 5 / 2015
    • Santiago. Redacción
    • literaturasociedadeDía das Letras Galegas 2015
    As iniciativas institucionais marcan a axenda no Día das Letras deste ano
    Compartir:


    Real Academia Galega, Xunta, Consello da Cultura Galega, CRTVG e Deputación e Museo de Pontevedra. A axenda do Día das Letras Galegas de 2015 preséntase cun marcado acento institucional. A escaseza de publicacións e de iniciativas privadas e sociais vencelladas ao autor deixan da man das entidades públicas a conmemoración deste ano.

    O presidente da RAG, Xesús Alonso Montero, xa advertira cando foi seleccionado que o perfil erudito de Filgueira podía supor un problema para a popularización da celebración. A esta cuestión súmase a polémica que se dá sobre a colaboración do homenaxeado co Franquismo, que provocou o seu rexeitamento por parte de entidades como A Mesa pola Normalización e o Concello de Pontevedra ou comentarios negativos desde a directiva da Asociación de Escritores.
    Coma eles, tampouco o colectivo cinematográfico Acto de Primavera, que no pasado ano artellara unha ambiciosa homenaxe colectiva a Díaz Castro, apoiou a figura deste ano, o que non fai máis que restar posibles apoios á celebración.

    Deste xeito, fica nas mans das institucións e dos centros do Ensino o groso dos homenaxes ao Vello Profesor. Non faltan, coordinadas coa Xunta, iniciativas privadas xa habituais como as de Gadisa, Eroski ou Feiraco, que distribúen nos seus embalaxes a figura do homenaxeado, ou a achega de diferentes xornais de publicacións monográficas dedicadas a Filgueira Valverde. Pola súa banda, os interesados en integrar lingua e deporte teñen unha nova ocasión na II Carreira Camiño das Letras que Convoca a Consellaría de Cultura. Os participantes percorrerán na tarde do día 16 oitos quilómetros e medio entre Lavacolla e Compostela a integrar lingua, deporte e Camiño de Santiago.

    Programa da Xunta para conmemorar as Letras Galegas

    Pontevedra
    Pontevedra, vila natal e onde desenvolveu o groso da súa actividade O Vello Profesor, concentrará como é habitual os actos conmemorativos do día 17. A Real Academia Galega, que celebrará un plenario na cidade, a Consellaría de Cultura e mais a Deputación, a través do Museo de Pontevedra, protagonizan os actos da data. Canda a eles o Consello da Cultura Galega leva a esta cidade o día 16 o Concerto das Letras.

    Web do Concerto das Letras

    Pola banda do Concello, malia a ter cuestionado a elección do homenaxeado e se desvincular das celebracións oficiais, a cámara municipal finalmente desenvolve tamén ao longo deste mes os seus propios actos con presenza de Filgueira. Faino no marco da campaña Maio, mes da Lingua, con actividades como obradoiros escolares (Agromar: coñece a obra de Filgueira Valverde), unha conferencia (Vida e angueiras de Xosé Filgueira Valverde por Fernando Filgueira), un concerto, unha charla teatralizada, unha proxección do documental Contextualizando a Filgueira Valverde e mais unha Homenaxe Popular no propio 17 de maio.

    Programa de Maio Mes da Lingua

    Tamén Afundación ten as súas propias propostas sobre Filgueira. Así, o Café Moderno de Pontevedra acolle desde o 15 ata o 31 de maio unha teatralización sobre a vida do intelectual homenaxeado. Ademais, a nivel galego achegará obradoiros escolares e mais a campaña Móllate co galego.

    Por suposto o Museo de Pontevedra, do que foi director o homenaxeado, está a actuar nestes meses como cuartel xeral das celebracións. Para alén da exposición Xosé Filgueira Valverde. Un faro na construción de Galicia, aberta ata o 24 de maio, e de múltiples actividades paralelas, o centro acollerá a celebración do acto central da Academia no propio Día das Letras, no que está previsto que interveñan Víctor F. Freixanes, Francisco Díaz-Fierros, Xosé Ramón Barreiro e mais Xesús Alonso Montero.



    Producións
    Falta nesta celebración o xa habitual aluvión de lanzamentos editoriais vencellados á figura que se homenaxea. Se nos últimos anos vimos libro-discos, documentais, audiovisuais creativos, fotobiografías, bandas deseñadas, volumes colectivos ou publicacións inéditas, o Día das Letras de 2015 caracterízase pola contra por unha certa escaseza neste sentido. Como xa comentamos, unicamente Baía, Ir Indo e Xerais lanzan novidades arredor do homenaxeado mentres Galaxia recupera os seus fondos na Biblioteca Filgueira Valverde. Os Cadernos Ramón Piñeiro tamén publican o seu habitual monográfico, que se presenta, como non, no Museo de Pontevedra o día 14, mentres a USC apoia a conmemoración cun volume colectivo.

    Presentación dos caderno Ramón Piñeiro dedicado a Filgueira Valverde

    Volume sobre Filgueira Valverde da USC

    No campo audiovisual, unicamente contamos neste 2015 do documental Contextualizando a Filgueira Valverde promovido desde a Consellaría de Cultura, no que se recollen diálogos de diferentes persoeiros da cultura do país a analizar a figura do homenaxeado.



    Desde a CRTVG desenvolveron as xa habituais pezas promocionais que se están a emitir nos días previos ao 17 de maios e ademais o web da compañía recuperou do seu arquivo varios vídeos que teñen como protagonista o Vello Profesor.



    Da man doutras entidades, unicamente a Associaçom Galega da Língua tirou un documental sobre a figura, mais centrado nesta volta no seu papel á hora de oficializar a normativa ILG-RAG para a nosa lingua co chamado Decreto Filgueira de 1982.

    Web sobre Decreto Filgueira



    Alternativas
    Malia aos anuncios de celebracións alternativas ao Día das Letras oficial que se sucederon ao pouco de anunciar a dedicatoria a Filgueira Valverde, polo momento non hai moitas novidades na axenda neste sentido. Si se confirma a segunda edición do Día das Galegas nas Letras, promovido desde a plataforma de crítica literaria A Sega. Logo de conmemorar no mes de xuño do pasado ano o traballo de Dorothé Schubarth, desta volta a figura homenaxeada será a de María Victoria Moreno. No entanto, hai que agardar pola festa ata o 15 de agosto, cando se realizará o acto de homenaxe a esta escritora e activista morta en 2005.

    Aínda que no seu día fixera un chamamento para realizar actividades alternativas ás homenaxes a Filgueira, polo momento a Mesa pola Normalización non concretou estas propostas e sumouse aos xa habituais actos a prol da nosa lingua. A plataforma Queremos Galego convocou concentracións na Coruña, Ferrol, Foz, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago e Vigo ás 12 da mañá desta data, aínda que sen facer referencia ao escritor homenaxeado.

    Do mesmo xeito, tampouco acadou o eco necesario para se pór en marcha a iniciativa da Romaría das Letras, polo que, de momento, semella que non nacen novas propostas alternativas ás convocatorias oficiais.

    Mantéñense xa como clásicos do Día das Letras celebracións como o Festiletras da aldea de Couso, en Ponteceso. Como cada ano, o lugar vibrará con música e festa no que é xa unha festividade local con máis de trinta anos de tradición. Tamén en Compostela a asociación A Gentalha do Pichel desenvolverá unha nova edición da súa Festa do Dezassete, mentres librarías de todo o país sacarán á rúa postos para conmemorar a literatura na nosa lingua.

    Webs
    De xeito paradóxico, a polémica que está a acompañar o homenaxeado no Día das Letras está a servir para que se multiplique a súa presenza na rede. Son múltiples artigos de opinión, entrevistas, reportaxes e contidos especiais sobre a súa figura os que desde diferentes medios, blogs e webs abordan a relación de Filgueira co Franquismo e sitúan o persoeiro nun lugar preeminente da Internet galega.

    A isto súmanse contidos específicos como o flamante web da Fundación Filgueira, que achega múltiples documentos facsímiles, novas e datos e imaxes sobre o homenaxeado. Na mesma liña sitúase, o especial que publicou o Consello da Cultura Galega, con audios, fotografía ou a destacada biografía que elaborou Xesús Ferro Ruibal. Os xa comentados documentos recuperados pola CRTVG ou o material que dispoñibiliza a Secretaría Xeral de Política Lingüística, especialmente orientado ao ensino, son outros dos contidos que se poden atopar na rede.

    Web da Fundación Filgueira

    Especial do Consello da Cultura sobre o homenaxeado

    Recursos sobre o Día das Letras no web da Secretaría Xeral de Política Lingüística

    Xosé Filgueira Valverde no web da RAG

    Futuros
    No entanto, o ano non remata no Día das Letras, e desde a Xunta anunciánse propostas que se desenvolverán nos vindeiros meses. Así, agárdase a publicación, da man do Consorcio de Santiago, a Xunta e a editorial Alvarellos, do volume Historias de Compostela, da autoría de Filgueira. Teremos tamén libro-disco, o que publicará aCentral Folque. O volume recuperará a gravación que se lle fixo ao Gaiteiro de Campañó en 1947, por iniciativa de Filgueira e comentada por el mesmo. Como feche do ano celebrarase, como está a ser habitual, o simposio que convoca a Real Academia Galega e que permitirá facer balance do autor e da recepción da súa figura neste 2015.

    Sermos Galiza recollía reaccións contrarias á dedicatoria a Filgueira do Día das Letras El País recolleu críticas á homenaxe a Filgueira no Día das Letras As convocatorias de Queremos Galego no web da Mesa Propostas alternativas para o Día das Letras Adaptacións creativas sobre Díaz Castro, o homenaxeado de 2014 Reportaxe sobre o Proxecto Nimbos dedicado a Díaz Castro Reportaxe sobre a implicación social arredor do Día das Letras de Vidal Bolaño A participación marcou o Día das Letras de Lois Pereiro (reportaxe)
    literatura sociedade Día das Letras Galegas 2015
    noticia anterior
    noticia seguinte

    Na nosa edición:

    'O que arde' será finalista a mellor película europea nos Premios Gaudí cataláns

    'O que arde' será finalista a mellor película europea nos Premios Gaudí cataláns

    • 2019-12-05 18:24:28
    A Acadèmia del Cinema Català tamén dá opción de galardóns a 'Quien a hierro mata' e 'Elisa e Marcela'
    A Banda da Loba presenta o seu segundo disco 'Fábrica de Luz'

    A Banda da Loba presenta o seu segundo disco 'Fábrica de Luz'

    • 2019-12-05 14:26:41
    O álbum fai unha homenaxe a nais reais e conceptuais e unha chiscadela á música dos 80
    A Banda da Loba presenta o seu segundo disco 'Fábrica de Luz'

    A Banda da Loba presenta o seu segundo disco 'Fábrica de Luz'

    • 2019-12-05 14:26:41
    O álbum fai unha homenaxe a nais reais e conceptuais e unha chiscadela á música dos 80
    Morre aos 66 anos o pintor marinense Xaquín Soneira Patiño

    Morre aos 66 anos o pintor marinense Xaquín Soneira Patiño

    • 2019-12-05 13:22:44
    Era un referente local a nivel artístico e comezou a expoñer nos anos setenta

    Serie: Filgueira Valverde: Día das Letras 2015

    No adro con Don Xosé. No adro con Don Xosé

    No adro con Don Xosé

    • 2015-05-15 12:10:27

    Percorremos os saberes enciclopédicos de Filgueira Valverde da man de Carlos Valle

    A semana das letras de Filgueira. A semana das letras de Filgueira

    A semana das letras de Filgueira

    • 2015-05-13 11:21:04

    As iniciativas institucionais marcan a axenda no Día das Letras deste ano

    Alonso Montero:

    Alonso Montero: "Filgueira é o último polígrafo galego"

    • 2015-05-11 11:50:46

    O presidente da RAG fala sobre o homenaxeado no Día das Letras Galegas 2015

    Hoxe na nosa edición

Consello da Cultura Galega.
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org.
RSS | Aviso legal | O equipo do portal | Licenza de uso
Inicio/Axenda/Lg3/Mega/Ciencia/Arte/Ciencia/Banda deseñada