A escena teatral localízase en Ferrol con Fóra do Mapa

O festival artístico ven de presentar un programa de catorce actuacións

Por Ferrol no mapa escénico e artístico de Galicia é obxectivo do festival Fóra do Mapa que fará a súa segunda edición entre o 5 e o 11 de xuño. O evento, que foi presentado por Cristina Moreira e Iolanda Muíños, ofrecerá 14 actuacións de compañías galegas, nunha escolma que ofrece aquelas que faltaron da programación ferrolá nestes derradeiros anos, contando á súa vez co talento local na escena e con convidados doutros puntos do estado. As actuacións terán lugar en distintas localizacións do barrio ferrolán de A Magdalena, coa sede central no edificio do Centro Cultural Torrente Ballester e ocupará distintos espazos emblemáticos como o Teatro Jofre, o CTB, o forno Galiano, a ferrallería Sanchís, en Ferrol Vello e os xardíns do Parador. Fóra do Mapa busca ser o punto de unión dos profesionais da escena, artellar redes entre aqueles que traballan na comarca, divulgar o teatro contemporáneo, e pór en valor o patrimonio arquitectónico da cidade a través da axitación artística.

Na oferta deste II Fóra do Mapa inclúense espectáculos de rúa como Souvenirs: roteiro polas rúas de Ferrol, de Ibuprofeno Teatro; a visitas guiada que a artista Lúa Gándara fai da súa propia exposición no Centro Torrente Ballester ou o Parkour Sonoro de Nacho Muñoz, concerto audiovisual con videorealización en directo. O programa inclúe ademais dous obradoiros, de dramaturxia do espazo actoral e outro de creación artística dirixido a público infantil. Xusto antes de comezar o IIº Fóra do Mapa terá lugar na cidade departamental a Vª edición do Festival EsteNaRúa, o festival internacional de Teatro Amador e artes escénicas, que empurra Ti e Mais Eu Teatro, con respaldo da Concellería de Cultura, e que se vai desenvolver do 1 ao 4 de xuño combinando teatro, música, danza, maxia e poesía.
Ligazóns