
O programa prevé apoiar ata oito proxectos de danza e artes do movemento que se desenvolverán entre marzo e novembro de 2018. Segundo explica na súa presentación, esta iniciativa "pretende fomentar a aparición de novos proxectos de creación, impulsar a formación de novas agrupacións de artes do movemento, así como alimentar as necesidades das compañías consolidadas do territorio galego durante os seus períodos de creación. Enténdese por residencia artística un espazo e un tempo adicado á investigación ou creación e, polo tanto, sen obrigatoriedade de elaboración dun produto escenico concluído". Os participantes amosarán os seus traballos nunha xornada aberta o vindeiro 29 de novembro de 2018 na Sala Agustín Magán do Centro Sociocultural de Santa Marta en Santiago de Compostela. O prazo de presentación a esta convocatoria está aberto ata o 12 de febreiro de 2018.