As políticas do inmaterial

Recoñecementos legais e iniciativas académicas e sociais poñen de relevo a importancia deste patrimonio cultural

Recoñecementos legais e iniciativas académicas e sociais poñen de relevo a importancia deste patrimonio cultural
Construción dun barco en madeira. Fotografía da Asociación de Carpintarías de Ribeira.
Vivimos en tempos de patrimonio inmaterial. A creación de recoñecementos internacionais e o desenvolvemento de lexislación a regular estes bens están a darlle un forte pulo en poucos anos. A declaración do baile galego como Ben de Interese Cultural, aínda a se tramitar, é polo momento o último chanzo no rápido recoñecemento destas manifestacións culturais. Agora, un proxecto no Instituto de Ciencias do Patrimonio do CSIC aborda a situación deste legado e do movemento social vencellado a el no noso país e propón novos xeitos de traballar.

A antropóloga Cristina Sánchez-Carretero dirixe no Instituto de Ciencias do Patrimonio-CISC o proxecto Metodoloxías colaborativas para o inventario de patrimonio inmaterial inserido no Proxecto Geoarpad: Patrimonio Cultural da Eurorrexión Galicia_norte de Portugal: Valoración e Innovación. Esta iniciativa vencellada ao proxecto Interreg Geoarpad de Galicia e o Norte de Portugal, pretende "desenvolver unha metodoloxía colaborativa para a documentación e o estudo do patrimonio inmaterial. Ademais, queremos elaborar unha diagnose e unha cartografía que amose o que se está a facer e quen está a traballar neste tema", explica. No marco deste programa, o Consello da Cultura Galega acollía o pasado martes 22 de maio a xornada Retos na xestión do patrimonio inmaterial. Na mesma déronse a coñecer diferentes iniciativas sociais sobre esta cuestión ao tempo que se facía un repaso teórico da mesma e se presentaban proxectos deste ámbito desenvolvidos fóra do noso país.

O influxo da UNESCO
A creación da lista de Obras Mestras do Patrimonio Oral e Intanxible da Humanidade da UNESCO en 2001 (transformada posteriormente na listaxe de Patrimonio Cultural Inmaterial da Humanidade en 2008) e mais a Convención para a salvagarda do patrimonio cultural inmaterial de 2003, supuxeron un aliciente para que diferentes estados e administracións prestasen un especial interese ao coidado deste tipo de manifestacións culturais nas súas lexislacións. A posibilidade dun recoñecemento internacional para determinadas prácticas culturais, en particular cando as opcións de conseguir novas declaracións de Patrimonio da Humanidade se puña difícil para moitos países, contribuíu a unha crecente atención a estes legados. A nivel estatal, a declaración de Ben de Interese Cultural para a tauromaquia en 2013 iniciou o camiño recente de recoñecementos para celebracións e usos tradicionais. En 2015, a Lei para salvagarda do Patrimonio Cultural Inmaterial e mais o desenvolvemento do Plan de Salvagarda do Patrimonio Inmaterial por parte do Ministerio de Educación e Cultura contribuíron a xerar un marco legal e político sobre o tratamento deste tipo de manifestacións. Ao seu abeiro, o Estado recoñeceu en 2017 a importancia do Carnaval, da Semana Santa e da Trashumancia a lles outorgar o título de "manifestacións representativas do patrimonio cultural inmaterial" previsto no texto lexislativo. A estas está previsto que se sumen a Zarzuela e as Tapas, en proceso de recoñecemento.

A Lei de 2016
Máis preto de nós, a aprobación en 2016 da nova Lei do Patrimonio Cultural Galego ten moito a ver no actual auxe que están a vivir os recoñecementos destes fenómenos. Na mesma regúlanse por vez primeira nun título específico "as peculiaridades propias do patrimonio inmaterial, tendo en conta a súa natureza e as medidas específicas de protección", segundo explica a propia presentación da Lei. Máis polo miúdo, esta categoría supón o recoñecemento legal dun terceiro tipo de bens canta a mobles e inmobles. Este abrangue "os usos, representacións, expresións, coñecementos e técnicas, xunto cos instrumentos, obxectos, artefactos e espazos culturais que lles son inherentes, que as comunidades, os grupos e nalgúns casos os individuos recoñezan como parte integrante do seu patrimonio cultural". De xeito máis específico lístanse "a lingua, como vehículo do patrimonio cultural inmaterial, regulada pola súa normativa específica; as tradicións e expresións orais; a toponimia; as artes do espectáculo, en especial a danza e a música, representacións, xogos e deportes; os usos sociais, rituais, cerimonias e actos festivos; os coñecementos e usos relacionados coa natureza e o universo; as técnicas artesanais tradicionais, actividades produtivas e procesos". Canda a estes, resérvase esta categoría para "o legado das figuras históricas senlleiras na configuración da identidade cultural de Galicia", caso no que ata o momento só está recoñecida a obra de Castelao, única declaración de patrimonio inmaterial que se realizara, en 2011, ao abeiro da anterior lei, de 1995.

Os inmateriais galegos
Ademais desta, desde a posta en marcha do actual texto lexislativo vimos xa as declaracións como BIC inmaterial da Carpintaría de Ribeira, en 2017, á que se sumará en breve o baile tradicional (en trámite) e, segundo anunciou o goberno autonómico, o Entroido. A estas súmase a integración no Censo do Patrimonio Cultural do Traballo da Pedra en Seco. Neste caso, foi o artellamento dunha candidatura internacional á Unesco o que tirou polo recoñecemento autonómico para estes labores. A maiores das declaracións específicas, o desenvolvemento de categorías como a de paisaxe cultural neste texto está a facilitar o recoñecemento de diferentes bens inmateriais. Deste xeito, tanto a declaración BIC da Ribeira Sacra como a de Sálvora, as dúas consideradas paisaxes culturais, contan no seu desenvolvemento con mencións específicas a distintas tradicións e elementos que fan parte deste patrimonio. No primeiro caso, a declaración recoñece de xeito específico Festas de fachas e fachós que se celebran en Castro Caldelas, Vilelos e Catsela, así como o Entroido de Santiago de Arriba (Chantada) e o Oso de Salcedo da Pobra de Brollón. A maiores, a Olaría Tradicional de Gundivós e a de Niñodaguia obterán tamén o recoñecemento BIC da man desta declaración. No caso de Sálvora, non se desenvolven bens específicos, e a declaración recolle a este nivel "os valores inmateriais asociados a esta paisaxe, desde a toponimia, como primeiro exercicio de apropiación e que é rica na identificación dos baixos, dos cons, dos illotes e da illas, pero tamén das casas e dos camiños; ata a memoria e medios de traballo no mar e co peixe, ata unha particular forma de vida e relacións que son as creadoras finais da paisaxe en si".

A problemática inmaterial
Malia a este interese crecente, definir o concepto de patrimonio inmaterial non resulta sinxelo. A propia denominación adoptada pola UNESCO é problemática para moitos investigadores e estudosos, e así se revelou en múltiples intervencións durante a xornada do Consello da Cultura Galega. Deste xeito, Cristina Sánchez-Carretero considera que a propia etiqueta "supón unha contradición, porque non se pode dicir que haxa unhas cousas materiais e outras inmateriais, é un xeito de falar de prácticas vivas que implican as dúas cousas". Instrumentos musicais, ferramentas de artesáns ou lugares específicos para a celebración de festas amosan a urdime indisoluble entre coñecementos, tradicións e elementos mobles e inmobles. "É un termo que foi moi debatido e rexeitado en Antropoloxía pero apareceu como un termo de xestión e empregámolo. Desde un punto de vista teórico, o patrimonio son os propios procesos de patrimonialización, resultan algo holístico e non se poden segmentar en partes materiais e inmateriais", advirte.

Os problemas da lei
A maiores, no contexto máis achegado a nós, segundo a antropóloga advirte de que "a Lei non concreta moitas cousas. A maquinaria que move e tramita estes expedientes está acostumada a traballar sobre a protección de edificacións e estes novos expedientes están tramitados do mesmo xeito que os de patrimonio material. Faltan técnicos especialistas no ámbito do inmaterial que fagan ese traballo. Cómpre ver qué ferramentas temos para incorporar especialistas na xestión de patrimonio inmaterial dentro das institucións. Hai moito traballo a se facer desde a Antropoloxía en Galicia, pero na Xunta non hai ningún posto con este perfil, e iso é un problema importante". Canda a isto, segundo repasou a tamén antropóloga Nieves Herrero durante a súa intervención na xornada do Consello da Cultura, a tendencia na patrimonialización no noso país "foi a ausencia da sociedade real, tanto a do pasado que produciu esas manifestacións culturais como a do presente que procura respostas nesas mesmas manifestacións culturais", explica. Herrero repasou o traballo de colegas como Xosé Carlos Sierra, Xerardo Pereiro, Manuel Vilar ou Lourdes Méndez sobre as políticas patrimoniais galegas, a sinalar que detectan "a continuidade dunha tónica nas políticas neste sentido que apenas foi interrompida durante o goberno bipartito coa elaboración do Proxecto Ronsel, que supuxo un xiro desde as políticas de inventario cara a unha proposta dinamizadora".

Salvagardar non é protexer
Deste xeito, as declaracións recentes "tenden a fosilizar os bens. No BIC do baile tradicional déixase fóra a música, por exemplo. E no caso dos bens inmateriais non podemos falar de conservación, senón de salvagarda. Non cómpre regular como se conservan, senón favorecer que se continúen a practicar" apunta Sánchez-Carretero, quen ademais advirte que con estas manifestacións "trátase de crear medidas que fagan posible un medio de vida sustentable" para o seus portadores, de xeito que "as manteñan vivos". A grande carencia, ao seu ver "é a falta de ferramentas para vincular as institucións coas comunidades". A maiores "cómpre una maior cooperación entre entidades. Unha declaración BIC non pode ficar nunha medalla simbólica. Falamos da vida da xente, do seu benestar, do respecto polas prácticas que desenvolven e da súa sustentabilidade". Na mesma liña, Nieves Herrero apuntaba a necesidade de "atender ao significado que ten ese patrimonio tanto no pasado como no presente", advirte. "Esta perspectiva supón vincular de xeito indisoluble o patrimonio coa reprodución da sociedade e dos grupos sociais que lle dan sentido. Gústame dicir que o patrimonio inmaterial é un patrimonio con xente, que se considera desde as persoas e as tramas de significado que lle outorgan as persoas". Ao seu ver "esta óptica antropolóxica ten efectos correctores sobre o nesgo cosificador, fetichizador e musealizador que é inherente ao xesto de patrimonializar, que sempre implica subtraer do paso do tempo unha determinada expresión cultural".

Riscos
A explicar as perspectivas que ata o momento marcaron o traballo institucional sobre estes elementos, Herrero apunta o peso destacado do mercado. "Estamos nun momento crítico por mor do dominio que está a ter a lóxica do mercado sobre as dinámicas patrimonializadoras, unha lóxica á que se pregan os outros axentes. A antropóloga Beatriz Santana revela nos seus traballos como detrás da énfase no patrimonio inmaterial como específico e diferenciado está o interese do mercado pola diferenza. Ela fala do tránsito que se dá o excepcional ao diferente, que é precisamente o que traza o patrimonio inmaterial. Xa non son eses obxectos marabillosos do patrimonio histórico artístico, agora trátase o diferente. O interese pola xeración de produtos para o mercado da autenticidade nesta nova fase do capitalismo", a se referir en particular ao aproveitamento turístico destes bens. Fronte a isto, esta investigadora salienta que "cómpre unha ancoraxe local, e mais concretamente municipal, das políticas sobre patrimonio. O marco político e administrativo ten que ser máis amplo pero debe ter nos concellos o seu foco de articulación. O patrimonio debe ser un eixe transversal de moitas outras políticas sectoriais, non estritamente culturais senón tamén educativas, co económico, co urbanístico ou coas políticas de mocidade e de persoas maiores. A través do patrimonio podemos actuar noutros ámbitos diferentes da política municipal. Esta é a visión do patrimonio como recurso e estratexia para a vida, como solución a problemas, tal e como propón Marcial Gondar". Este antropólogo, segundo lembra Herrero, "propón centrarse na solución cultural que achegaba esa manifestación que patrimonializamos, no efecto que producía sobre a sociedade" máis do que nos aspectos máis formais do evento. "No caso das festas, por exemplo, fan ese milagre de producir sociabilidade, xerar vínculos. E patrimonializar a festa é conseguir que a festa continúe a facer iso sobre a sociedade".

Xeitos de traballar
A comparar políticas, Sánchez Carretero apunta a que "noutras comunidades hai un plan específico sobre este patrimonio que dá unha directrices sobre onde ir, como traballar". E destaca o exemplo de Andalucía onde o Instituto Andaluz do Patrimonio Histórico que "desenvolveu un Atlas do Patrimonio Inmaterial entre outras iniciativas arredor deste ámbito", un proxecto que se deu a coñecer na xornada do Consello da Cultura. "Alí emprégase como un factor de dinamización social e mesmo se vencella a industrias potentes. Houbo, por exemplo un proxecto sobre o cal de Morón da Fronteira, un produtor de elaboración tradicional que non podía competir co material industrial", lembra esta antropóloga. "A facer traballos de investigación viuse que o de Morón era moito máis duradeiro do que o industrial, e comprobouse que é un material estupendo para facer restauracións. Ao abeiro disto desenvolvéronse políticas de dinamización que permitiron o rexurdir dun xeito de vida vencellado a este coñecemento tradicional. Hai que ter claro que o patrimonio inmaterial non é unha busca nostálxica do pasado, senón que se trata de algo vivo e cun grande potencial que, iso si require accións institucionais concretas".

O proxecto
Entre as cuestións pendentes para estes bens no noso país, en particular no ámbito institucional, Cristina Sánchez-Carretero apunta a necesidade de desenvolver "un censo de portadores do patrimonio inmaterial en diferentes ámbitos", unha carencia que esta investigadora enmarca na desconexión que se mantén entre institucións e iniciativas sociais neste campo. Precisamente en desenvolver ferramentas que faciliten a conexión entre traballo social e perspectiva institucional se enmarca acción do proxecto que dirixe. Para alén da investigación teórica sobre estas cuestións, a un nivel máis práctico, "desenvolveremos nun tramo do Camiño Portugués das dúas bandas da fronteira un proxecto no que se mesturará investigación e acción participativa, con idea de que sexa replicable noutros lugares a atender a demandas concretas que poidan aparecer deles", adianta. Novos pulos para uns patrimonios que aínda teñen moito que percorrer para se ver plenamente normalizados na sociedade.

Intervención de Nieves Herrero na xornada Retos na xestión do patrimonio inmaterial na canle do Consello da Cultura en Youtube.