culturagalega culturagalega
Letras Galegas 2018
  • consello da cultura galega
  • noticias
    • todas
    • arte
    • banda deseñada
    • lingua
    • literatura
    • sociedade
    • medio
    • patrimonio
    • espectáculos
    • políticas culturais
  • en profundidade
  • axenda
  • Avg
  • lg3
  • mega
  • setestrelo
  • arte
  • banda deseñada

    Dánzamo por escrito: Chegan os bailegramas
    Serxio Cobos propón unha codificación escrita coa que quere revolucionar a danza tradicional

    • 23 / 1 / 2019
    • Santiago. Xermán Hermida
    • patrimoniomúsicadanza
    Serxio Cobos propón unha codificación escrita coa que quere revolucionar a danza tradicional
    Compartir:


    Levar o movemento á escrita non é tarefa sinxela. Mais é isto exactamente o que acaba de facer Serxio Cobos cos seus Bailegramas. Este sistema de transcrición para os pasos do noso baile tradicional acaba de ver a luz, logo de anos de traballo, da man de aCentral Folque. Agora, a proposta quere deixar a súa pegada no xeito no que se ensinan e se conservan as formas populares da nosa danza, algo que adquire unha especial relevancia nun momento no que se recoñeceu como Ben de Interese Cultural.

    A memoria ou o rexistro audiovisual eran ata o momento as únicas posibilidades para conservar as pezas do baile tradicional galego. Do mesmo xeito, para aprendelas cumpría contar coa presenza dunha persoa que estivese a executar e explicar os puntos, as voltas e reviravoltas correspondentes. Agora, da man de Serxio Cobos e de aCentral Folque, os Bailegramas desembarcan coa vocación de se converter nun estándar á hora de transcribir e conservar estas pezas. Segundo explica o creador deste método, recollido nunha recente publicación, "para min contar cunha ferramenta como esta era unha necesidade clarísima. O baile, como tantas outras cousas, ensinouse sempre dun xeito natural, por imitación e tradición oral, pero era necesario darlle unha forma escrita. Bailar é unha linguaxe en si mesma, e polo tanto tentar verbalizala con palabras é un labor ímprobo, non se acaba nunca de describir". Ante estes problemas, "os bailegramas acabaron por ser unha solución cun corpo gráfico propio". Todo un alfabeto de formas que permite transcribir a práctica totalidade dos movementos que se desenvolven no baile tradicional. "Hai arredor de 40 símbolos básicos diferentes, que á súa vez se poden combinar segundo onde se sitúa un pé a respecto do outro para expresar diferentes posicións, e dá en total uns 140 ou 150", explica.

    A orixe e o desenvolvemento
    A idea deste método comezou "hai xa 16 ou 17 anos, nunha noite de lucidez na que apareceron os primeiros símbolos", explica Cobos. A base deste sistema de transcrición " é unha solución gráfica que se inspira na estela do movemento dos pés, vistos como se tivesen unha luciña que fose amosando por onde van no aire. Esta foi a base estética e a liña de deseño para moitos do símbolos". Canda a isto, "utilicei tamén a inicial do nome dalgúns pasos, estilizándoa e dándolle unha forma simbólica. Logo para amosar o movemento de punta e tacón optei pola representación da planta dun zapato, que me pareceu o máis resolutivo e inmediato".



    Á hora de desenvolver este auténtico alfabeto de movementos, Cobos procurou conseguir que os símbolos fosen claros e evidentes. "Deixei cada un deles en corentena, sen o ollar durante varias meses para retomalo máis tarde e ver se seguía a me dicir o que se supuña que me tiña que dicir. Se tardaba en recoñecer o movemento correspondente era que o símbolo non valía", explica. Para alén do traballo individual, Cobos fixo tamén probas co seu alumnado en diferentes clases de baile. "Probei con outros alumnos e fóronse conformando ata que ao final tiñan entidade e un corpo abondo como para saír á luz".



    Aberto
    Cobos admite que o seu método non é perfecto, e de feito agarda modificacións e achegas no futuro. Con el "estamos en disposicións de transcribir entre o 80 e o 90 % do que temos recollido, pero hai aspectos que non se cobren. Hai xestos e técnicas que son persoais de cada bailador ou bailadora", apunta. "Hai unha parte deste proceso que é doutras persoas. Faltan símbolos para solucionar cousas, e eu mesmo continúo a traballar no tema, pero o camiño terá que ser conxunto e os Bailegramas sufrirán transformacións e evolucións ata xerar un corpo consensuado, ou cando menos ese é o meu desexo".

    Outros sistemas
    Non é esta a primeira proposta por transcribir algo tan inmaterial como os xestos do baile. Cobos apunta que "en todo o mundo existen como oitenta nomenclaturas ou métodos de representación para diferentes tipo de danza. Pero sobre todo céntranse en coreografías e na estrutura da danza mais do que nos pasos en si", advirte. "Logo está a notación Laban, que é das que teñen máis peso á hora de expresar o movemento, é moi exhaustiva e representa as diferentes partes do corpo, pero resulta de lectura difícil". Máis preto de nós, Juanjo Linares tentou, no seu O baile en Galicia "toda unha explicación dos pasos, a describir como se pon un pé no chan mentres o outro libre de peso cae diante. Descricións que resultan pouco funcionais e convirte a lectura da danza en algo moi lento e pesado".

    Novos xeitos de ensinar
    Propostas como a de Cobos fan parte de todo un abano de iniciativas que están a explorar novos xeitos de transmitir a danza tradicional en Galicia. Nos últimos anos, publicacións como Bailabén, Así fan os bailadores, Na punta do pé ou Para cantar e bailar presentan movementos e coreografías a empregar vídeos ou esquemas para facilitar a aprendizaxe en solitario ou coa intención de achegarlle material a ensinantes para facilitar o seu traballo. "Hai proxectos moi interesantes, como Así fan os bailadores que empregan o método Laban, pero paréceme que aínda queda camiño por andar na apertura do baile para o devolver como ás súas orixes como algo que se transmite de xeito natural e normalizado".

    O baile na escola
    Dentro dese camiño pendente, Cobos destaca a necesidade de introducir a danza na escola, unha reclamación que hai xa anos manteñen colectivos do mundo da música tradicional e que cobra especial importancia nun momento no que está incoado o expediente para declarar Ben de Interese Cultural este patrimonio inmaterial. "É algo importantísimo, cómpre que nos decatemos de que o baile é para moitas máis cousas que para bailar. Implica desenvolver unha percepción e propiacepción rica e complexa que fai do corpo algo máis que un transporte para a cabeza. Logo está tamén o que significa a nivel relacional entre as persoas e o que provoca como colectivo, é algo que poucas outras cousas conseguen. Ademais, por suposto, da necesidade de recuperarmos ritmos e melodías de pobos do mundo e do que achega en comprensión da diversidade", explica. Malia ás carencias, é optimista sobre o futuro desta arte. "Hai seráns nos que vexo moita mocidade a bailar de xeito espontáneo. Cada vez hai máis xente que se apunta a clases para aprender e pasalo ben, sen vínculo ningún coas actuacións das agrupacións folclóricas. E que conste que estas parécenme necesarias, pero esa idea de bailar por bailar é fundamental".

    A acollida
    Malia ao innovador do seu método, que esixe aprender este novo alfabeto a bailadoras e bailadores, Cobos está a ver reaccións positivas a esta proposta. "Polo momento semella que vai ben. Eu emprégoo frecuentemente tanto cos meus alumnos habituais como en cursos aos que vou. En xeral vexo que a xente queda bastante en shock nun primeiro momento, pero logo é ben acollido. Penso que hai que lle dar un tempo para ver o camiño que ten". De cara a difundir esta linguaxe, desde aCentral Folque, editora do método, e en colaboración coa Deputación da Coruña, están a desenvolver é-baile, unha serie de encontros nos que se mestura un curso de baile, un concerto e unha foliada. A proposta conta cun forte compoñente audiovisual para dar a coñecer diferentes pasos e, por suposto, integra os Bailegramas no seu método de ensinanza.


    Sergio Cobos explicou os Bailegramas Xornada A danza a Debate do Consello da Cultura Galega en 2014


    Bailegramas no web da Central Folque É-baile no web da Central Folque Reportaxe sobre novos xeitos de ensinar música e baile tradicional (2012) Reportaxe sobre a tradición musical nas aulas (2008) Reportaxe sobre Bailabén (2010) Reportaxe sobre Para cantar e bailar (2008)
    patrimonio música danza
    noticia anterior
    noticia seguinte

    Na nosa edición:

    A 'Commedia' de Cándido Pazó aspira a doce galardóns nos XXIII Premios de Teatro María Casares

    A 'Commedia' de Cándido Pazó aspira a doce galardóns nos XXIII Premios de Teatro María Casares

    • 2019-02-21 19:01:10
    Un total de 12 espectáculos competirán como finalistas nos premios do teatro galego
    A sétima edición do Festival Atlántica de narración oral acada os 80 espectáculos

    A sétima edición do Festival Atlántica de narración oral acada os 80 espectáculos

    • 2019-02-21 12:59:45
    Celébrase do 12 ao 23 de marzo de 2019
    Rebeliom do Inframundo presenta o seu terceiro disco 'Ilegal'

    Rebeliom do Inframundo presenta o seu terceiro disco 'Ilegal'

    • 2019-02-21 11:19:13
    A banda de hip hop comezará a mover este traballo en directos no mes de marzo
    O Auditorio de Galicia repasa o deseño do país

    O Auditorio de Galicia repasa o deseño do país

    • 2019-02-21 11:07:31
    Formas do deseño. Galicia XXI poderá verse ata o 23 de xuño

    Serie: Bailegramas

    Dánzamo por escrito: Chegan os bailegramas. Dánzamo por escrito: Chegan os bailegramas

    Dánzamo por escrito: Chegan os bailegramas

    • 2019-01-23 10:30:38

    Serxio Cobos propón unha codificación escrita coa que quere revolucionar a danza tradicional

    Hoxe na nosa edición

    A 'Commedia' de Cándido Pazó aspira a doce galardóns nos XXIII Premios de Teatro María Casares

    A 'Commedia' de Cándido Pazó aspira a doce galardóns nos XXIII Premios de Teatro María Casares

    • 2019-02-21 19:01:10

    A ONU difunde en galego o comunicado sobre o Día Internacional da Lingua Materna

    • 2019-02-21 17:45:16
    A sétima edición do Festival Atlántica de narración oral acada os 80 espectáculos

    A sétima edición do Festival Atlántica de narración oral acada os 80 espectáculos

    • 2019-02-21 12:59:45
    Rebeliom do Inframundo presenta o seu terceiro disco 'Ilegal'

    Rebeliom do Inframundo presenta o seu terceiro disco 'Ilegal'

    • 2019-02-21 11:19:13
    O Auditorio de Galicia repasa o deseño do país

    O Auditorio de Galicia repasa o deseño do país

    • 2019-02-21 11:07:31
    Nace Leite Edicións para descubrir novas voces no panorama literario galego

    Nace Leite Edicións para descubrir novas voces no panorama literario galego

    • 2019-02-21 10:51:33
Consello da Cultura Galega.
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org.
RSS | Aviso legal | O equipo do portal | Licenza de uso
Inicio/Axenda/Lg3/Mega/Ciencia/Arte/Ciencia/Banda deseñada