Estréase o espectáculo 'Maestro Rodrígo' coproducido polo Centro Coreográfico Galego

Na produción participan persoal artístico e técnico galego

O Teatro Colón da Coruña acolle este sábado 8, ás 20,30 h., a estrea do espectáculo de danza Maestro Rodrigo. O neno que soñaba a música , promovido pola Fundación Victoria y Joaquín Rodrigo coa colaboración do Centro Coreográfico Galego (CCG). A montaxe homenaxea o gran compositor español no 20 cabodano do seu pasamento. Neste ballet nárrase a vida dun home que logra superar unha discapacidade física como é a cegueira e triunfar, converténdose nun dos compositores máis universais. O ballet percorre parte da súa vida desde a súa nenez, o seu paso por Francia e o regreso a España en 1939. Unha narración ilustrada por medio da danza con numerosos fragmentos das obras de Joaquín Rodrigo máis aló do Concerto de Aranjuez. Mercedes Suárez, directora do CCG é coautora das coreografías desta montaxe xunto ao británico Kenneth Tindall, coreógrafo residente do Northern Ballet de Leeds e que xa traballara co CCG no espectáculo As catro estacións, estreado en 2016.

Para o responsable da Agadic, Jacobo Sutil, Maestro Rodrigo supón unha nova oportunidade de dinamizar o ámbito da danza desde Galicia, a través dun equipo artístico maioritariamente galego, tanto no corpo de baile como no deseño de vestiario (Diego Valeiras), iluminación (Xosé Manuel Rabón) e as propias coreografías de Mercedes Suárez. Sobre o escenario, J. Miguel Hernández e Julia Méndez dan vida a Rodrigo e a súa muller, a pianista turca Victoria Kamh. lvana Sestelo, á nai do compositor, mentres que o Joaquín Rodrigo neno é interpretado por Xurxo Pena, bailarín carballés de 14 anos que comezou os seus estudos na Escola Municipal de Danza de Ponteceso, aberta en colaboración co Centro Coreográfico Galego por medio do seu programa Danza no Rural. Completan o elenco Cristina Amor, Natalia García, Paula Ripoll, Rosalía Vázquez, Dayron Rodríguez, Germán Flores e os nenos Gaël, Amanda e Luana Huiban Monteagudo, Paola K. Martínez Taibo e Ruth Amor Pan.
Ligazóns