Afonso Becerra leva o Premio de Honra do XXXIº FETEGA

O dramaturgo e docente recibirá o galardón na gala a celebrar o vindeiro 26 de setembro no Festival de Teatro Galego 'Celso Parada'

Imaxe obtida da páxina web da AELG baixo licenza CC-BY-SA 3.0.Autoría: Santos-Díez (Ollo de Vidro-ACAB)
Imaxe obtida da páxina web da AELG baixo licenza CC-BY-SA 3.0.Autoría: Santos-Díez (Ollo de Vidro-ACAB)
O Premio de Honra “Dorotea Bárcena” desta XXXIª edición do Festival do Teatro Galego “Celso Parada” recae en Afonso Becerra, segundo ven de comunicar a organización do evento. A labor académica desenvolvida polo premiado na Escola Superior de Arte Dramática (ESAD) así coma o seu intenso activismo nas artes escénicas ao longo dos seus 25 anos de carreira no sector fixérono merecedor desta homenaxe a ollos do comité encargado da decisión. Recibirá o premio o sábado 26 de setembro, durante a gala do festival no Auditorio municipal, e previamente, ás 18 h impartirá na Casa da cultura a charla “De traxedias, dramas, comedias e públicos”.

Afonso Becerra (Becerreá, 1973), é Doutor en Artes Escénicas pola Universitat Autònoma de Barcelona, titulado superior en Arte Dramática na Escola Superior d’Art Dramàtic do Institut del Teatre de Barcelona, na especialidade de Dirección Escénica e Dramaturxia e titulado en Interpretación polo ITAE de Asturias. Dirixiu a Asociación Cultural A Pipa de Becerreá entre 1988 e 2016. En 2009 fundou, xunto á directora de escena Ana Contreras, a compañía Ónfalo Teatro. Como autor ten escrito varias obras de teatro e ensaios sobre dramaturxia. Pertence ao Consello de Redacción da erregueté | Revista Galega de Teatro. De 2006 a 2009 formou parte do Consello Asesor do CDG (Centro Dramático Galego).