Dorothé na vila: Reler o Cancioneiro

Un documental sobre a obra de Dorothé Schubarth pon de relevo a relación da nosa sociedade co patrimonio sonoro

Un documental sobre a obra de Dorothé Schubarth pon de relevo a relación da nosa sociedade co patrimonio sonoro<br />
Imaxe promocional de Dorothé na vila
A Mostra Internacional de Cinema Etnográfico do Museo do Pobo Galego acollía o pasado 27 de agosto a estrea de de Dorothé na vila. Alejandro Gándara e Olaia Tubío introducíronse con este documental na difícil realización do Cancioneiro Popular Galego. A relación da súa autora, Dorothé Schubarth, coa obra, o papel dos informantes que achegaron o material para a mesma e mais a complexa recepción do libro entre a comunidade dedicada á música tradicional son aspectos que se poñen de relevo no filme. De fondo, a inevitable reflexión sobre como a nosa sociedade se relaciona con este patrimonio sonoro.

Entre os últimos anos 70 e os primeiros 80 a etnomusicóloga suíza Dorothé Schubarth percorreu todo o noso país a recoller cantos e músicas. O resultado, o monumental Cancioneiro Popular Galego foi unha obra fundamental para o coñecemento deste patrimonio, con máis de 5.000 pezas rexistradas por grande parte da nosa xeografía. O labor de Schubarth foi recoñecido desde entón en diferentes ámbitos, con galardóns como o que lle entregou en 2017 a Asociación Músicas ao Vivo.


Reportaxe sobre Dorothé Schubarth con ocasión do premio honorífico de Músicas ao Vivo

Agora, aquel traballo ve unha nova reinterpretación. Alejandro Gándara como director e a compartir o labor de guión con Olaia Tubío, presentan Dorothé na vila, un documental que revisita a obra e mais a súa elaboración nun proxecto que contou co apoio dos premios Luísa Villalta de Proxectos Culturais pola Igualdade da Deputación da Coruña. Desde a súa estrea o pasado mes de agosto, o filme está a percorrer diferentes localidades do país a dar a coñecer aquela monumental realización e o seu proceso de creación.

Informantes, obra e autora



Segundo explican os propios autores no texto de presentación do proxecto, "durante os últimos dous anos fomos aos lugares que visitou Dorothé Schubarth para descubrir o que queda dese mundo que ela recolleu no Cancioneiro. Queriamos atopar as caras detrás daquelas voces, coñecer as súas historias de vida e de paso devolver as gravacións de Dorothé á súa orixe". Os dous cineastas lembran a pegada que lles deixaron varias persoas que atoparon no proceso. "Na nosa busca demos con persoas marabillosas, como Victorina de Vilar de Parada, a muller que lideraba as "fouliadas" no seu lugar e que rexuveneceu cando lle puxemos unha pandeireta na man. As netas de Castro, en Louzarela, non sabían que os seus avós cantaban ata que chegamos por alí. Na Paínza atopamos a Jesusa, que recorda as súas cántigas con tanta claridade como hai corenta anos". Como un fío do filme aparece a propia experiencia dos dous creadores na elaboración do filme. Deste xeito, a obra "dá conta da nosa viaxe, narrada en primeira persoa coa intención de transmitir todo o que nos pasou nese tempo: as sorpresas, as alegrías, as tristuras, as dificultades… Todo isto sen esquecer que as protagonistas desta historia son as informantes, as súas familias e a propia Dorothé".

Chegar ao Cancioneiro
No seu achegamento ao Cancioneiro, o punto de partida para eles foi a historia de Richi Casás, saxofonista que descubriu que a súa avoa fora unha das informantes de Schubarth. "É un fío que ía estar máis presente no documental", explica Tubío. Naquel momento o músico estaba a preparar un disco, agora acabado de publicar, no que, a partir do jazz, reinterpreta as cantigas da súa familia que aparecen na obra. "Ademais, cando gravamos estaba a amañar a casa familiar e agora vai vivir alí. Esa historia inspirounos, daba unha visión que nos gustaba de transmisión dun legado, mesmo interrompido, e a volta á casa e mais á música familiar. Vimos un primeiro fío do que tirar e preguntámonos se había máis historias nese sentido", completa a guionista.

Encol da relación inicial que tiñan co Cancioneiro, Olaia Tubío apunta que xa o coñecía "das clases de pandeireta, e falábase del como unha referencia. Con Punto e Volta ata lle fixeramos unha pequena entrevista a Dorothé, que ao final foi só dunha pregunta". Do contacto previo coa autora, lembra que "daquela chamounos a atención o seu interese en divulgar a obra, en que estivese en aberto, e no xeito no que deberían estar feitos os arquivos para isto. Tamén demostraba un grande respecto polos informantes. No cancioneiro recollía os seus nomes, a idade e os detalles da súa vida".



Un traballo único
Alejandro Gándara, pola súa banda, explica que "cando comezamos non sabiamos moito da obra nin da súa autora. Tiñamos a idea de que era unha grande realización. Agora sabémonos manexar con el sen sermos expertos, e somos máis conscientes do valor e da dimensión deste traballo. Pode haber arquivos maiores a nivel de horas de gravación, pero non existe un labor coma este a nivel de análises e de clasificación". Para alén do alcance da documentación, tampouco o xeito de traballo da suíza foi igualado posteriormente. "Levaba unha perspectiva profesional. Interesábanlle cousas canto máis antigas mellor. Outros que foron despois eran afeccionados que ían procurando repertorio para levar a actuacións e concursos, pezas que se puidesen bailar. Ela non tiña esa ollada e colectaba moitas cousas que non teñen tanto sitio nos repertorios folclóricos", lembra Tubío. "Houbo xente que recolleu nos anos 90 e aínda había outro ambiente. Pero vese que Dorothé entrevistou a xente que non se volveu contactar despois", sinala. Gándara, á súa vez, destaca a extensión xeográfica que percorreu a investigadora. "Nos anos noventa a xente ía moito por determinados lugares, como Toutón ou Bergantiños, e o mesmo non se fixo un traballo tan exhaustivo como ela, visitando tantos concellos", explica.

A obra no país
Un dos temas que aparecen no documental é o relativo descoñecemento que sobre a obra de Schubarth existe no ámbito da música tradicional galega. Malia que non ten sido moi empregado no sector musical do país, o Cancioneiro achega grandes posibilidades ás que lles tirar proveito. "O libro é difícil de divulgar entre a maioría da xente. Poida que teñan máis potencial as súas gravacións orixinais do que o propio Cancioneiro, o material que deixou no Arquivo do Patrimonio Oral Inmaterial do Museo do Pobo e mais no Arquivo Sonoro do Consello da Cultura", sinala Tubío. A forma final do material que compilou a suíza "foi unha obra especializada, sobre todo de interese para etnomusicólogos e filólogos. Os afeccionados podémonos achegar a ela e resulta interesante, custa entrar pero hai mil cousas que aprender alí", destaca Gándara. "Eu mesma, que me custa ler música, xa só a aproveitar os volumes que recollen letras atopo cousas moi interesantes. Non hai nada similar que permita facer unha busca temáticas de cantigas. Teño procurado cousas e está todo moi detallado, pode ser moi interesante para intérpretes", completa Tubío, "a partir do Cancioneiro poderían saír moitos discos".

A pegada da suíza
Tamén para a maior parte dos informantes o alcance do Cancioneiro quedou agochado e non souberon da importancia que acadaron os seus testemuños. "Para algúns Dorothé non pasa de ser unha suíza que foi por alí un día. Gravou tanta xente que algúns nin se lembran moito", explica Tubío. "En Mazaricos ensinamos unha foto daquela na que aparecía un lote de rapazas diante dunha tenda e recoñecíanse pero non lembraban nada, nin quen llela fixo nin cantar. Ou o mesmo con nós facían que non se lembraban para que non lles preguntásemos", apunta o director. No entanto, alén do traballo do Cancioneiro, a etnomusicóloga volta con frecuencia a Galicia e en moitas destas viaxes recunca nalgúns dos lugares nos que fixo recollida naquel momento, polo que hai que ten unha lembranza viva dela. "Dorothé seguiu voltando onda moita xente, e para eles é unha persoa á que lle teñen cariño. Aínda que non comprenden ben o que fai, con moitos ten unha relación moi boa", lembra a coguionista. "Con quen máis mantivo contacto foi coa xente que tiña de referencia, aquela que lle proporcionou referencias de informantes ou a levou a sitios. Hai que pensar que ela dependía de que a levasen en coche e do transporte público para se mover", destaca, o que a fixo pasar moito tempo con algunhas das persoas que a axudaron. Entre estes contactos máis estreitos "en xeral todo o mundo fala moi ben dela, como unha persoa cariñosa que se preocupa pola xente e lles manda recordos e cousas", explica Gándara. "Tamén a ven como alguén receosa da súa intimidade, que non conta moito do que fai nin da súa vida privada. Pregunta moito polo que acontece no lugar pero non conta de si mesma", completa a súa compañeira no proxecto. Para alén do interese persoal ("a ela gústalle estar coa xente das aldeas", explica o director) a investigadora mantén o aspecto profesional nas súas visitas. "Segue a preguntar polas músicas que gravara. En Veiga de Folga coñecera unha persoa que cantaba e preguntando despois viu que o seu fillo aprendera os cantos de Reis que sabía a nai, e iso interesáballe moito", lembra a guionista.

A autora e a súa obra
Ao longo do documental, os dous coguionistas aparecen repetidamente a explicar os problemas que atoparon en distintas fases do proxecto, e en particular os diferentes grados de colaboración que conseguiron tanto de Dorothé como das informantes. Deste xeito, a propia narración recolle como as circunstancias obrigaron aos responsables da produción a optar por novas opcións creativas. Encol da complexa relación que a autora semella gardar coas persoas interesadas pola súa obra, Gándara expón que "entre ir e vir, Dorothé dedicoulle a este traballo boa parte da súa vida. Ela entende que está moi dentro do Cancioneiro, que é complicado separala da obra, e víveo dun xeito moi intenso". "Tamén o emprega un pouco como escudo para non entrar en cuestións persoais"completa Tubío, "con Galicia ten unha relación complicada. Aquí recibe un recoñecemento bastante concreto, pero ela non quere premios nin que lle fagan entrevistas, o que busca é que use o seu traballo, e iso non acontece, é algo que lle escapa e resúltalle frustrante". "Sobre todo gustaríalle ver o Cancioneiro utilizado na investigación e na musicoloxía", coincide o director, "en calquera caso recoñece que non pode valorar o impacto desta obra porque a vive moi desde dentro". Como resultado desta relación, "ao longo do tempo foi mudando a nosa percepción do traballo e mais da autora, pero confirmouse a idea de que Dorothé é unha persoa moi xenerosa, que axuda de xeito moi desinteresado e moi humilde. Ao tempo é tamén alguén moi sensible e que se implica moito, con todo o que iso supón", lembra a guionista, que reflexiona sobre os diferentes xeitos nos que a etnomusicóloga suíza se relaciona co país. "Cando fomos a unha aldea con ela, vimos que alí é moi diferente do que era con nós ou con outras persoas con interese polo seu traballo. Cos informantes e os veciños vese mais liberada, é unha persoa diferente".

Transmisión
Malia ao relativo descoñecemento que existe sobre o Cancioneiro, a obra cumpre en certos contextos un rol de transmisión do patrimonio musical galego. "Vimos que a obra dá para conectar coas xeracións de agora, como foi co caso de Richi, que aparece no documental. Para xente que ao mellor non puido estar directamente cos informantes, este material supón un arquivo en bruto incrible, aínda que a obra pode se facer árida ou difícil de comprender", sinala Tubío. "Cando comezamos a publicar cousas nas redes sobre o documental puxemos O cabaliño, un canto de seitura de Castro Caldelas. Aos poucos chegou ás netas da informante, que non sabían que a súa avoa cantaba, e estiveron a escoitala en bucle toda a tarde". Na mesma liña "pensamos tamén en levar arquivos e imaxes de cada zona nas presentacións que fagamos, nun traballo de devolución do material ao seu lugar. Aí aínda queda moito por facer", engade. Para Gándara o material de Schubarth "serve para lle dar novas formas e que poida chegar á xente de algún xeito. A forma orixinal de transmisión xa non pode ser, pero se non fose por este traballo non teríamos acceso a ela e non se podería coñecer".

Contidos extras
Para alén do propio documental, o proxecto Dorothé na vila conta con abondosas pezas de material extra dispoñible na rede. "Isto estaba xa previsto nun comezo. O filme é divulgativo e non queriamos estendernos moitos a explicar o que é o Cancioneiro", destaca Tubío, "o que publicamos fóra quere servir de contexto. Aí aparece a etnomusicóloga Xulia Feixóo, Xabier Díaz como un intérprete que tamén fixo recollida ou o investigador Xurxo Fernandes".



Canda a estes vídeos, pódense ver tamén versións estendidas de testemuñas que aparecen no filme. Nesta mesma liña o equipo adianta a súa intención de continuar a publicación de pezas vencelladas ao proxecto. "Queriamos publicar gravacións de xente que nos cantou máis do que sae no documental ou mesmo entrevistas íntegras", un material vai quedar depositado no APOI do Museo do Pobo.



Malia a esta aposta polo material extra e ás complicacións que foron xurdindo durante a propia filmación, "tivemos unha estrutura clara desde o comezo" aclara Gándara, "logo fomos atopando xente e adaptando cousas. Nun comezo Richi ía ter moito máis protagonismo e gravamos material que non usamos, pero en xeral fomos bastante a tiro fixo. Ao mellor temos 40 horas de material para hora e media de documental, o que está dentro do habitual". Polo momento, a recepción do filme está a ser moi positiva, a transcender o ámbito da tradición. "Vemos que está a gustar a persoas moi distintas, do sector audiovisual e da música tradicional, pero tamén a xente allea a este mundo e ás familias dos informantes que o viron".

A fin dun tempo
Unha das reflexións que provoca o documental é que un traballo como o que permitiu elaborar o Cancioneiro é xa imposible de repetir, tanto pola desaparición física daqueles informantes como pola ruptura na transmisión do patrimonio oral. Gándara apunta que "o cambio estaba xa alí cando foi Dorothé. Chegou nun momento límite no que moita xente aínda cantaba pero xa non llo pasaba ás seguintes xeracións, xa se dera esa ruptura". "De feito, xa indicaba os casos nos que había aínda transmisión, dábase conta de que era algo que comezaba a ser difícil atopar", completa Tubío. "Puña de exemplo as mulleres de Avión que se xuntaban para tocar todas as semanas, chamoulle a atención porque xa non era común na altura", continúa o director. "Cando chegamos nós aínda atopamos cousas novas, non sempre de música e baile. Por exemplo Lidia, a neta de Estrela de Regoelle, non aprendeu as cancións da avoa pero conserva o seu xeito de falar". "A nivel musical é complicado atopar algo, e resulta triste", recoñece a coguionista. Malia ao tempo transcorrido, para os documentalistas aínda hai campo no que traballar arredor das persoas que aparecen no Cancioneiro e mesmo a partir da propia obra. "Quedan informantes por visitar. Non fomos a Avión, onde sabemos que hai xente, tampouco miramos moito por Pontevedra. Mesmo en Ordes está María do Arroio", lembra Gándara. "Tamén se podería revisar o traballo desde a etnomusicoloxía, estudar as teorías que propón Dorothé, hai moitas perspectivas polas que tirar".

Encol da situación e do futuro das recollidas de tradición musical, o dúo apunta que "no documental case non atopamos xente que aínda cantase e estivese afeita a cantar", explica Tubío, que no entanto non desbota a posibilidade de facer novos achados. "Está claro que sempre van quedar cousas. Dorothé mesma di que ir a un sitio nunca é en van, non está de mais voltar aínda que xa se visitase. Pódese ver o que queda e como vai mudando. Paga a pena mesmo que non canten", incide Gándara. "Vemos tamén que compensa preguntar na contorna máis próxima. Moita xente que está ao noso arredor cantaba e non se sabe", explica a guionista. "O noso compañeiro Rubén, do equipo do documental, comezou nisto sen ter vínculo coa música tradicional, e a raíz da experiencia preguntoulle á súa avoa e ela cantoulle. Ao mellor non se van facer xa grandes recollidas pero por preto de nós hai quen lembra e pode cantar".