Unha voz decidida na metade do Reino

Este venres celébranse 500 anos da Asemblea de Melide, na que Galicia esixiu o voto en Cortes

Este venres celébranse 500 anos da Asemblea de Melide, na que Galicia esixiu o voto en Cortes
Ilustración que recrea un momento da Asemblea de Melide. Autor: Alberto Taracido
Este venres 4 de decembro de 2020 cúmprense cinco séculos da celebración dunha xuntanza singular que pasou ao esquecemento: a Asemblea de Melide. Vintecinco nobres, poderosos e representantes das cidades e vilas do Reino de Galicia xuntáronse en Melide para pedir ao rei Carlos I o retorno do voto en Cortes para o país, que exercía a cidade de Zamora, xunto con outras importantes reivindicacións. O concello e o Museo de Melide, coa colaboración do Consello da Cultura Galega, son os promotores dunha iniciativa que busca recuperar para a memoria de Galicia un acontecemento que axuda a comprender a historia do país.


A finais de marzo de 1520 Carlos I, en camiño cara o porto da Coruña para partir á súa coroación como emperador do Sacro Imperio, decidiu celebrar cortes en Santiago de Compostela. O asunto era insólito: o rei convocaba unhas cortes ás que non estaba convocada ningunha cidade do reino que as acollía nin ningún dos seus poderosos. O reino de Galicia perdera o voto en Cortes un século antes en escuras circunstancias e a cidade de Zamora exercía o voto por el. O asunto xeneraba un enorme malestar no país, como se pode comprobar no escrito que lle dirixiron as cidades da Coruña e de Betanzos ao rei cando souberon da convocatoria de Cortes: “non é cousa xusta que unha cidade doutro reino fale nin dea voto por Reino tan antigo e noble coma este de Galicia, en especial en cousas das que a Vosa Maxestade non é servido”. Pero o conflito nunca se escenificara como aquel día.

No convento de San Francisco de Santiago presentáronse o Arcebispo Fonseca e Fernando de Andrade, dous dos aristócratas máis poderosos do país. Pretenderon pasar á sala de deliberacións no que se atopaban as cidades castelás facendo valer os dereitos do Reino de Galicia pero o acceso foilles impedido, e vivíronse escenas de gran perturbación e nerviosismo. As cortes trasladáronse á Coruña e volvéronse producir protestas.

Na metade do reino
O asunto non quedou aí. O 5 de decembro de 1520 unha importante representación da nobreza galega encabezada polo arcebispo Fonseca e Fernando de Andrade, aos que se sumaban as poderosas casas condais do país, como a de Altamira, Benavente, Lemos, Vilalba e o marqués de Astorga (estivo ausente a condesa de Ribadavia) reuniuse na vila de Melide. Pola súa condición de centralidade xeográfica, ou como se dicía nese tempo, “por estar na metade do reino”, Melide fora un importante lugar de xuntanza durante a Idade Media. Aínda que se descoñece o lugar de celebración da Asemblea, consérvanse as “capitulacións”, ou sexa, as actas da Asemblea. Un documento no que aquel conxunto de notables e cidades se dirixían ao rei comunicándolle varias informacións e peticións.

En primeiro lugar, afirmaban a fidelidade ao monarca e lle indicaban que Galicia se mantería allea ao conflito comuneiro que naquel momento remexía Castela, mudando nun movemento antiseñorial. Os señores galegos non querían que se repetira a revolta irmandiña. O segundo -e posiblemente a cambio dese apoio- os asinantes solicitan acadar o voto en cortes para Galicia. Outras importantes peticións dan conta das urxencias para Galicia, como a creación dunha Casa de especiaría para poder iniciar a explotación comercial do Novo Mundo, ou crear unha capitanía xeral para Galicia, que permitise organizar a defensa militar da costa, ata o momento totalmente a mercé de piratas e flotas inimigas. As capitulacións demandaban armas e pan para alimentar a crise, pero tamén algúns datos aparentemente curiosos, como o de eliminar as multas pola celebración de vodas numerosas. Os Reis Católicos prohibíranas para “minorar a forza dos lazos de sangue entre os membros das liñaxes que favorecían a formación de banos belicosos”, segundo Pegerto Saavedra.

O rei Carlos I atendeu de maneira distinta as reivindicacións da Asemblea de Melide. Concedeu a Casa de Especiaría, que iniciou as exploracións galegas ao Atlántico, e a Capitanía Xeral de Galicia, que iría a parar a Fernando de Andrade. Pero deu longas á concesión do voto, e ascendería “á búlgara” a Fernando de Andrade e o Arcebispo Fonseca para afastalos de Galicia. Non sería ata un século despois, en 1623, cando o conde-duque de Olivares concedería o dereito de voto en Cortes para Galicia, nunha interesante operación política levada a cabo polas cidades e figuras influíntes do reino.

A Asemblea de Melide fica como testemuña dos intentos dos poderosos, cidades e vilas do reino de Galicia por facer valer a súa voz nun momento de especiais cambios históricos. Este venres, en Melide, soará o Himno do Antigo Reino, leranse unha escolma das capitulacións e un acto na Casa da Cultura, ás 18.30 horas.