Un castelo no aire

A campaña arqueolóxica en Castro Valente revela a envergadura dun das maiores fortificacións de Galicia

A campaña arqueolóxica en Castro Valente revela a envergadura dun das maiores fortificacións de Galicia
Castro Valente
Durante toda a semana, un equipo de arqueólogos dirixidos por Mario Fernández Pereiro traballou durante toda unha semana nunhas condicións máis que difíciles. A trescentos oitenta metros de altura, escavaron un pequeno sector da muralla occidental do Castro Valente (Padrón). Trátase dun dos xacementos arqueolóxicos máis enigmáticos do país, que intrigou os historiadores e eruditos do século XIX e logo ficou no esquecemento. Quen construíu esta descomunal fortaleza e por que? Despois de tres catas e unhas boas molladuras, os arqueólogos cren ter comezado a resolver o misterio. Hoxe ás 20 horas presentaranse aos veciños no Auditorio de Padrón os resultados preliminares do proxecto.

Unha visita á intervención arqueolóxica levada a cabo en Castro Valente a semana pasada permite xa decatarse de por que ese xacemento se atopa exactamente aquí. Tras vinte minutos de condución por pistas forestais chégase ao alto dun monte de máis de 380 metros de altura, interposto como unha cuña entre os ricos vales agrarios da Ulla e a desembocadura do río na ría de Arousa. Todos os ventos que entran do mar encarréiranse no val do Ulla e acaban batendo, coa súa carga de chuvia, vento e frío, sobre o equipo arqueolóxico. Se as espesas nubes se retiraran destes altos, a vista sería de impresión. Desde este monte contrólase un histórico novelo de comunicacións: a ‘autoestrada’ do mar que era o río Ulla, co porto romano e medieval de Pontecesures xusto ao pé deste castro, e a Depresión Meridiana: o camiño natural que desde a prehistoria ata hoxe é usado para desprazarse pola Galicia occidental de norte a sur, desde Tui ata Carballo. E igual que camiñaban as persoas e os barcos, tamén o fan os ventos.


Vista do río Ulla desde Castro Valente

Os arqueólogos traballan en tres pequenas sondaxes coas que queren facer unha primeira avaliación do xacemento. Atópanse no medio dunha plantación de coníferas, con filas tan estreitas e follaxes tan espesas que os protexen parcialmente do temporal. A escasa luz que se filtra pola vexetación, o vento que corre entre as árbores e a regularidade das filas de piñeiros crean un escenario irreal, digno dun filme nórdico. Pero os arqueólogos están aquí, precisamente, á procura de algo que ata hai poucos anos era tamén case fantasía: a conexión entre o rexistro arqueolóxico galego e os feitos históricos que remexeron a Gallaecia que transita entre final do Imperio romano, o establecemento do reino suevo, a hexemonía visigoda e a caída dese reino trala invasión musulmá da península no século VIII. E, no medio, a reorganización dos espazos de poder e da sociedade da antiga Gallaecia ao longo de varios séculos. Case nada.

Ese é precisamente o traballo de investigación do director da intervención, o arqueólogo Mario Fernández Pereiro, quen acomete o proxecto cunha bolsa de investigación da Deputación da Coruña e coa colaboración do proxecto de investigación financiado pola Xunta "Territorio e Poder Monástico na Idade Media" do profesor da USC José Carlos Sánchez Pardo. Fernández Pereiro é autor da primeira tese doutoral publicada sobre as coñecidas como ‘fortificacións en altura’. Trátase de enormes recintos defensivos ata o momento localizados sobre todo na costa galega e ata o momento grandes descoñecidos para a arqueoloxía galega. Con murallas monumentais que comprenden superficies de varias hectáreas con escasas estruturas no seu interior, téñense considerado como lugares de refuxio que poderían responder a eses tempos convulsos. Pero esa non tería por que ser a única resposta.

Castro Valente é un dos exemplos máis notables desas fortificacións en altura. Con 1.200 metros de perímetro amurallado e dez hectáreas no seu interior, multiplica por dez o tamaño medio dos castros da Idade do Ferro na área. Xa o século XIX, os eruditos sabían que o recinto era importante, e estaba en boca dos principais historiadores e eruditos da época. De feito, é habitual atopar na prensa de finais do XIX ou principios do XX referencias a este xacemento como o “famoso” Castro Valente. O cóengo da catedral de Santiago Antonio López Ferreiro ou Manuel Murguía, entre moitos outros, subiron a este cumio para admirar o que, no seu momento, debían ser uns restos cun estado de conservación espectacular. O resto dominante era a muralla, na que de aquela se distinguían varias portas e portelos. En El Barbero municipal, a revista de Rianxo na que colaboraba Castelao, alúdese a trinta torreóns que sobresaen da muralla. E Murguía fala de como parecen distinguirse dúas épocas: por unha banda os torreóns son semicirculares e por outros cadrangulares. Pero había máis: algunhas testemuñas falan de dólmens no seu interior, estruturas e ata caracteres inscritos en pedras.

No que todos coincidían en que Castro Valente tiña de castro, cando menos da idea tradicional dun castro, só o nome. López Ferreiro consideraba que podería ter sido un campamento romano ou un refuxio da xente da contorna de Iria Flavia en tempos da invasión musulmá. Murguía comparaba o recinto con algunhas fortalezas tardoantigas en Francia. O lugar fíxose tan mítico que houbo relatos literarios da época que o vincularon á raíña Urraca ou mesmo a Pardo de Cela. E logo caeu no esquecemento.

“Na foto de 1948”, sinala Fernández Pereiro, “o estado de conservación aínda era espectacular. Logo chegou a repoboación forestal e danou moito o lugar”. E non só. A apertura dun cortalumes destrozou a muralla da zona oriental do xacemento, que daba ao val da Barcala. Outras pistas e obras crebaron outras zonas. O monte pasou de ser unha das iconas do pasado galego a ficar case esquecido. Hoxe as comunidades locais propietarias do monte colaboran cos arqueólogos para recuperar a memoria do lugar.

O equipo escolleu precisamente a zona mellor conservada, a noroccidental que mira para Pontecesures, para acometer por primeira vez unha intervención neste enigmático xacemento. Abriron tres sondaxes moi próximas entre si, indo directamente a zonas que podían ofrecer unha primeira comprensión do xacemento.





Baixo a plantación de piñeiros apreciábase unha estrutura próxima á muralla, que abriron para comprobar de que se podía tratar. Atoparon un muro en bastante mal estado, pero tamén evidencias da extracción de pedra na rocha nai, que deberon ser empregadas para a construción de todas as estruturas circundantes. Moi preto desta sondaxe, os arqueólogos acometeron a intervención da muralla, aínda ben visible baixo a vexetación.





O que atoparon foi unha estrutura monumental, un potente muro defensivo de 3,6 metros de ancho e que no seu momento tivo que acadar, cando menos na súa estrutura en pedra, os tres metros de altura. Os arqueólogos retiraron pola cara interior máis de metro e medio de entullo, pero non se atreveron a continuar. A continua auga da chuvia e o estado da muralla podían provocar algún derrubo. Pero o valo era impoñente.





E un pouco máis alá, a intervención tentou comprobar a veracidade das descricións dos eruditos do século XIX. O resultado foi espectacular: deron identificado un potente torreón rectangular que sobresaía da muralla tres metros e que, cando menos, ten cinco metros de ancho. No torreón apareceron, de maneira suxestiva, un gran número de fragmentos de tégula, a antepasada da tella actual, que comezou a ser usada en Galicia en época romana. “Pode estar vinculada a algunha estrutura localizada no torreón”, sinala Mario Fernández Pereiro, como podería ser unha cubrición deste espazo. Pero os arqueólogos tamén localizaron outro elemento suxestivo. Aínda que só é unha pequena sondaxe, parece que o torreón foi construído con posterioridade á muralla, como se nalgún momento esta debera ser reforzada ou preparada para mellorar a súa apariencia. Poderían existir dúas fases no recinto?

Aínda é cedo para falar de cronoloxías. “Que paralelos ten esta muralla, no alto dunha montaña, con estes torreóns”, preguntamos a Mario Fernández. Este pensa e contesta: “Ningún. Ou teriamos que irnos á muralla de Lugo ou a Castro Ventosa, no Bierzo, un castro da Idade do Ferro reocupado en época romana”.

Os arqueólogos atoparon potentes estruturas e moitos fragmentos de tégula, pero como é habitual nestes recintos, unha escasa ou ausente cultura material no interior, o cal pode indicar que só se empregaban de maneira esporádica. Pero quen precisaba empregar este recinto de cando en vez? Quen tiña a capacidade para construír este espazo e defender máis dun quilómetro de murallas? Castro Valente é moito máis grande que case calquera castro prehistórico pero tamén ningún dos grandes señores feudais de Galicia tería tanta capacidade Hai numerosas preguntas e as intervencións arqueolóxicas están aínda a diversificala máis. Mario Fernández xa escavou outro dos recintos en altura da Depresión Meridiana, o Faro de Budiño, e nel atopou dúas fases de intervención que nos levan ao tempo dos reinos xermánicos. Pola contra, na recente intervención de Portomeiro, o rexistro arqueolóxico amosou fases anteriores que levan á creación dun castelo no século IX. Cada século aquí parece suxerir mundos distintos.

Os arqueólogos só escavaron 40 metros dun recinto de 10 hectáreas. É moi cedo para atopar evidencias que respondan ás preguntas. Pero algo está claro: os eruditos de finais do XIX non estaban errados no seu entusiasmo por Castro Valente.