O 2020 desde o mirador (1)

Ana Estévez, Pablo N. Sanmartín e Anna R. Figueiredo valoran o ano desde a xestión cultural, a literatura e o patrimonio

Ana Estévez, Pablo N. Sanmartín e Anna R. Figueiredo valoran o ano desde a xestión cultural, a literatura e o patrimonio
Ana Estévez, Anna R. Figueiredo e Pablo N. Sanmartín.
Que 2020 foi un ano distinto ninguén o pon en dúbida. No ámbito cultural, supuxo ademais un auténtico desafío, tanto desde o punto de vista de institucións culturais e empresas como dos creadores ou os consumidores culturais. É o momento de ollar cara atrás e tentar poñer as valoracións do que pasou. Nesta primeira entrega de O 2020 desde o mirador solicitamos a participación de tres profesionais da cultura. A xestora cultural Ana Estévez, a escritora e xestora literaria Anna R. Figueiredo e o arquiveiro e activista do patrimonio cultural Pablo N. Sanmartín. Estas son as súas valoracións dun ano que non se esquencerá nunca.

--------------------------

Patrimonio a distancia: xestión cultural, comunidade e museos en 2020.
Por Ana Estévez
Museóloga e xestora cultural

Co impacto que supuxo a COVID19 na saúde e no afectivo semella que na memoria do 2020 non caiba máis nada. Porén todos os aspectos da vida víronse afectados. Tamén o profesional. Neste sentido, penso nos moitos retos que tivo que enfrontar a práctica da xestión cultural. O primeiro e urxente, as consecuencias económicas da pandemia sobre un sector que aínda estaba adaptándose aos cambios derivados da crise financeira de 2008.

Quedo, da resposta a estes desafíos, con dúas cousas: co intenso traballo colectivo dun sector que camiñou unido a pesar do confinamento e a distancia física para defender os dereitos culturais e a cultura como ben esencial; e coa reacción de coidados e empatía, que encheu Internet de contidos diversos, de calidade, de balde e en galego, nun proceso acelerado de transformación dixital, tamén salientable. O consumo neses días evidenciou que a xestión cultural contribuíu á mellora da vida das persoas ante a incerteza e no transo do confinamento. Recolleuno moi ben Culturgal co seu lema deste ano: En caso de emerxencia, cultura.

Entre as múltiples accións que se deron, párome nas desenvoltas polos museos. A institución vive un cambio de paradigma que avoga por entidades máis sociais, abertas, inclusivas e sostibles. Unha tendencia que se traduciu na actividade de moitos museos galegos que continuaron, desde o ámbito dixital, comunicándose e interactuando coas súas comunidades. É imposible citar aquí todas as solucións creativas que puxeron en marcha, tan só nomear algunhas: Mírate no espello do Museo de Pontevedra, o Mar en Corentena do Museo da Construción Naval. Fundación Exponav de Ferrol; as Visitas Inmersivas da Rede Museística Provincial de Lugo; a exposición virtual Galicia, un relato no mundo; os talleres en familia e en liña do CGAC (Centro Galego de Arte Contemporánea); o Laboratorio Escóitasme? da Fundación Seoane; o comisariado dunha exposición virtual que o Museo de Pontevedra propuxo a nenos e nenas; a apertura de novos perfiles en redes sociais como o do Museo Os Oleiros en IG; ou Etnografías Confinadas iniciativa de AGANTRO (Asociación Galega de Antropoloxía) co Museo Etnolóxico de Ribadavia e Museo do Pobo Galego para documentar esta crise.

A pesar destas mostras, o cento de museos e coleccións visitables recoñecidos pola Xunta como tal, debuxan unha fisionomía diversa, complexa e desigual na que existe unha gran precariedade. Son museos situados en núcleos de poboación máis pequenos, museos locais, os que sofren con maior intensidade estas eivas. E entre as cousas que podemos sacar desta crise está a relevancia do local, do próximo, da comunidade.

Remata 2020 coa tramitación dunha Lei de Museos que parece que vai ser aprobada sen consenso, sen o asesoramento das órganos consultivos e coa maioría parlamentaria que conforma o partido de goberno. Alén da resiliencia mostrada unha e outra vez, xorden non poucas dúbidas sobre o futuro destas entidade en Galicia. Para remate desta breve memoria, non estaría mal lembrar o 2020 como o ano que nos obrigou a pensar colectivamente que museos necesitamos na era postcovid.

--------------------------
2020, ano de cambios con raeiras de esperanza
Por Pablo N. Sanmartín
Responsable do Arquivo Municipal de Teo e secretario do Colectivo A Rula.

A pandemia condicionou a nosa vida e, evidentemente, influíu na situación do patrimonio galego. Vivimos unha situación de impasse que con certeza afectou o estado xeral e a conservación de moitos bens culturais que careceron dun mantemento axeitado. O discurso patrimonial institucional non mudou. Basicamente seguimos a investir no Camiño de Santiago e na catedral compostelá mentres esmorece o patrimonio rural á beira da capital.

Un aspecto positivo foi que a nova realidade imposta pola pandemia incidiu nun maior coñecemento do patrimonio que nos rodea, ollar doutro xeito a paisaxe cotiá e descubrir un patrimonio oculto a rentes da casa. O turismo de masas deu paso a un lecer social máis intimista e de proximidade en contacto directo coa natureza. Moitos concellos apostaron claramente polas actividades ó ar libre e, neste senso, a recuperación e creación de novas rutas culturais facilitaron a valorización de moitos bens arqueolóxicos e etnolóxicos esquecidos. Porén, o contexto pandémico non freou o número de agresións ó noso patrimonio que día tras día reflicten as denuncias dun tecido cultural e asociativo que semella desempeñar un papel esencial e necesario ante o desleixo das institucións que deberían velar pola súa protección.

Nos tempos que corren, no que os centros da memoria bastante teñen coa simple subsistencia, son de louvar as iniciativas que agromaron en 2020 na procura da protección e intervención dos documentos dos arquivos e da súa dixitalización en contraposición a parte máis visible do noso patrimonio cultural, o patrimonio monumental. Exposicións tan relevantes como a “Galicia, de Nós a nós”, “As miradas de Isaac” ou “Galicia, un relato no mundo”, amosáronnos a utilidade práctica e a importancia da conservación, tratamento e difusión deste patrimonio documental espallado por diferentes institucións de ámbito galego.

En xeral, pode resultar un paradoxo que novas coma a recuperación dunha virxe gótica no leito do río Sar ou a colocación dun banco sobre un dos petróglifos do Monte San Lois de Noia tiveran tanta repercusión nos medios e, porén, sexan as pequenas obras sen tanta resonancia, como as limpezas e estudo dos petróglifos e mámoas (Cuntis, Teo, Tui, Malpica...), as intervencións en xacementos castrexos (Chandebrito, Baroña, Castromao, Viladonga, Larouco, Cerneda) ou medievais (Portomeiro, Castro Valente, Os Conventos...) os que cimentan o coñecemento científico do noso pasado.

O 2021 chega cargado de esperanzas pois arrincan (na práctica) proxectos tan prometedores como o de Compostela Rupestre ou o Parque do Megalitismo de Costa da Morte. Agardo ofrezan un modelo patrimonial e turístico alternativo ó hexemónico e que sexan incentivos para o desenvolvemento económico da Galicia rural.

Teo, 21 de decembro de 2020

--------------------------
Principio de incerteza na literatura
Por Anna R. Figueiredo
Escritora, vicepresidenta da AELG desde novembro de 2020. Autora de "Os bicos feridos" e corresponsable da creación do FLIV.

O principio de incerteza indica que non é posible coñecer a velocidade e o lugar onde se encontra unha partícula ao mesmo tempo. Así foi o 2020 para a literatura galega. Puidemos saber que ou cando, pero non puidemos sabelo ao mesmo tempo.

Paráronse as presentacións, pecháronse as librerías, as editoras; xaora a produción foi frenética. As actividades culturais cambiaron do presencial ao virtual: clubs de lectura, lanzamentos de novidades, anuncios, recomendacións, cursos de escrita creativa, festivais de poesía nacionais e internacionais (especial mención a Yolanda Castaño), e incluso roteiros literarios. Fixemos o primeiro festival virtual do libro do Estado, con exclusividade da literatura en galego. Vestimos de negro en defensa da cultura, paramos de escribir en defensa da cultura, pedimos insistentemente ante as institucións gubernamentais o recoñecemento da cultura como ben de primeira necesidade, os apoios económicos á creación, a presenza da literatura nos plans de continxencia da pandemia. Seguimos. Fixémolo por todas, polas creadoras e por esas lectoras que se gañaron cando o mundo ficou marcado por catro paredes.

Neste ano antisimétrico Berta Dávila gaña o premio da crítica xunto con Olga Novo. Olga Novo gaña o Premio Nacional de poesía xunto con Alba Cid. A AELG cumpre 40 anos. Fanse 100 do nacemento da xeración Nós e 70 da fundación da editorial Galaxia. Perdemos a Luz Pozo Garza, a Xosé M. Millán a Lino Braxe. Festexamos, malia todo, o ano Carvalho Calero. Fallamos, malia todo, os certames literarios e reivindicamos a continuidade dos que quixeron desaparecer.

Non deixamos de correr, nin de respirar.

Nesa incerteza na que xa coñecemos a prórroga ao centenario de Nós do 2021 habemos seguir en pé, na creación, na certeza de que se existe unha máscara para cada rostro, tamén hai un libro para cadaquén.