O 2020 desde o mirador (e II)

Afonso Becerra, Olga Osorio e Laura Romero deitan a súa ollada sobre as artes escénicas, o audiovisual e a música

Afonso Becerra, Olga Osorio e Laura Romero deitan a súa ollada sobre as artes escénicas, o audiovisual e a música
Afonso Becerra (foto: Distrito Xermar), Olga Osorio e Laura Romero
Continuamos co repaso a diferentes sectores da cultura durante este complexo ano 2020. Desta volta, Afonso Becerra, director da Revista Galega de Teatro. Erregueté achega a súa ollada sobre as artes escénicas, a directora, guionista e produtora audiovisual Olga Osorio bota un ollo ao audiovisual e a ilustradora e música Laura Romero reflexiona sobre a música.

--------------------------
Se cadra, o Annus Horribilis
Por Afonso Becerra de Becerreá
Doutor en Artes Escénicas pola Universitat Autònoma de Barcelona e Titulado Superior en Dirección escénica e dramaturxia polo Institut del Teatre. Profesor na ESAD de Galicia. Director da Revista Galega de Teatro. Erregueté.

A vulnerabilidade dalgúns sectores profesionais, como o das artes escénicas, fíxose máis patente aínda, cando en marzo de 2020 a pandemia irrompeu nas nosas vidas. O confinamento e a crise provocada polas restricións á mobilidade e nas relacións interpersoais cebáronse co sector das artes escénicas, cuxa natureza depende, precisamente, da co-presenza e da xuntanza comunitaria. A redución de capacidade nos teatros fixo inviable o funcionamento independente dalgunhas compañías e artistas. Imposible facer unha actuación profesional a billeteira e sobrevivir. Coa redución de prazas só se puideron salvar as funcións cuxo caché é asumido polos teatros públicos. Isto afectou, por exemplo, ao fenómeno teatral Fariña (2019), dirixida por Tito Asorey, cuxo éxito, non obstante, se expandiu a 2020, chegando a saltar a algúns dos principais espazos escénicos de Madrid, tanto públicos como privados. Ao fenómeno transmedia de masas, Fariña, súmase o éxito acadado polas producións, de moi diferente signo, da veterana e innovadora Matarile Teatro, dirixidas por Ana Vallés, como Daimon y la jodida lógica, que saltou aos escenarios do resto do Estado español cun grande éxito de público e crítica en 2020, ano en que tamén estrean no FITO El diablo en la playa. Algo semellante acontece co fenómeno Marta Pazos e Voadora e as súas producións no CDN de Madrid.

Velaí as dúas caras da moeda 2020, annus horribilis por un lado, pero, polo outro, un dos de meirande internacionalización de artistas e Cías. galegas. Un 2020 que tamén recordarei polas estreas sorprendentes de Emigrantas da Cía. Kirenia Martínez, A que non podes dicir cocacola? II de Avelina Pérez, O raro é que bailar sexa raro de Andrea Quintana, Médula da Cía. Exire ou Bailar agora de Marta Alonso Tejada.

Pezas que rompen os moldes da estética tradicional e transitan polos lindes das convencións teatrais, desde a danza, o corpo, a luz e a palabra.

--------------------------

Resaca, parón e explosión final
Por Olga Osorio
Directora, guionista e produtora audiovisual. Profesora de Realización na Escola de Imaxe e Son e de Montaxe na Facultade de CC. da Comunicación da UDC. Gañadora de tres premios Mestre Mateo, o último pola curtametraxe "Einstein-Rosen".

No ano máis raro de todos os anos raros, o audiovisual galego transitou en 2020 entre a resaca dun 2019 luminoso, o parón obrigado dos meses intermedios e a explosión final das estreas de decembro para moitas das cales aínda é cedo para facer balance, pero que en calquera caso parecen validar xa a sensación de que o audiovisual galego vive un dos mellores momentos, senón o mellor, da súa historia, malia que os acontecementos externos non parezan querer pórnolo fácil.

En 2020 Vaca Films deu o salto á ficción televisiva primeiro con La Unidad, unha produción cun nivel que nos deixou coa boca aberta, e pechou o ano situándose no top dez mundial de Netflix con El desorden que dejas, que vista en clave de país continúa a senda iniciada por Fariña de quitarnos os complexos a nós e aos de fóra. Á súa vez Bambú Producciones fixo o camiño contrario con El verano que vivimos, uns saltos que redundan na idea de que cómpre ir actualizando a distinción entre cine e televisión a todos os niveis, un tránsito que por outra parte os espectadores xa fixeron hai moito.

Nun entorno cunha vocación menos comercial, O que arde aínda seguiu a dar alegrías durante todo o 2020 e houbo un momento no que fomos maioría os galegos que cruzamos os dedos imaxinado a Benedicta Sánchez e Oliver Laxe en Hollywood, pero aínda que non puido ser o percorrido acadado pola cinta de Laxe xa é máis que histórico e o seu impacto no cinema galego hase sentir con sorte por moitos anos. A Lúa Vermella de Lois Patiño chegou a cines a final de ano, Fon Cortizo estreou 9 fugas no festival de Gijón, Margarita Ledo recibiu o galardón á mellor dirección en Sevilla por Nación, Paula Cons paseou A isla das mentiras por todo o mundo como tamén fixeron curtametraxes como Carne, Homeless Home, 16 de decembro ou Xoves de comadres, entre outras. Son só algúns dos títulos deste ano e a bo seguro que me esquezo de moitos (como de Ons, de Zarauza, que devezo por ver), pero a miña pretensión non é ser exhaustiva senón argumentar que, un ano máis e pese ao difícil das circunstancias, o audiovisual galego non so deu unha alegría tras outra, senón que fixo o que fai a cultura con selo de orixe que é construír (ás veces mesmo re-construír) imaxe de país.

Así pois, o audiovisual galego funciona tanto no comercial como diante da crítica e en festivais. Os nosos técnicos teñen dende hai moito moi boa sona no resto do Estado, que agora a través de series como as mencionadas tamén empeza a descubrir a actores que nós xa sabíamos como moi bos hai moito ou a variedade e riqueza das localizacións que se poden atopar en Galicia. Hai directores e directoras e, sen dúbida, hai produtores e produtoras que saben facer moi ben o seu traballo, pero o que falta é a decidida aposta política que permita dar un salto para o que os que teñen que saltar están máis que preparados. O problema non é só galego senón estatal (non hai máis que ver cantas producións quedaron este ano fóra das axudas do ICAA) pero en Galicia xúntase á falta de apoio económico e lexislativo a impotencia de ver que tendo como temos unha televisión autonómica, o seu papel en apoio do audiovisual galego é cando menos discutible e sen dúbida algunha moi mellorable.

A ver se para 2021. Do resto digo eu que a seguir como imos, que imos ben.

--------------------------

Ambiente xeral de apoio mutuo
Por Laura Romero
Ilustradora e música. Co-autora do libro Ferreñas e Rock and Roll e responsable do proxecto Músicas Galegas Ilustradas, co que ven de gañar o Premio Organistrum a mellor Proxecto de comunicación e difusión musical dos Premios Martín Códax. Como música é baixista da banda de rock galego Zënzar.

Remata un ano raro, pouco habitual, amargo, caótico e, para moita xente, catastrófico. Poucas persoas neste país vivimos algo semellante, nin se nos pasaba pola cabeza que pasaría algo así como o que estamos a vivir. Eran cousas que nos parecían afastadas, totalmente alleas a nós. No fondo, ata resultou ser un golpiño de humildade: nós tamén podemos vivir situacións límites, tamén podemos vivir co medo constante a que nos pase algo, ou que lle pase algo á xente que queremos.

A crise sanitaria e o estado de alarma prexudicou a tódolos sectores profesionais e sociais, aínda que non de igual xeito. Algúns incluso intentaron (e intentan) sacar beneficio de todo isto: lembremos á ultradereita mobilizando masas enfurecidas polos barrios podentes de Madrid, con tixolas e cazolas, en contra dunha suposta “ditadura”.

Vivimos meses nos que tirabamos de servizos esenciais (alimentación, teléfono e internet) e demandabamos cultura e arte para facer máis tolerable o confinamento: viamos películas e series sen parar, visitabamos webs interactivas de museos e monumentos, sacamos o lado “cocinillas” e creativo en xeral, devorabamos libros e documentais, escoitabamos música e viamos concertos en plataformas dixitais. Caemos na conta de que a cultura é esencial.

Marzo foi o mes onde comezamos a ver como caían, un a un, tódolos eventos programados para a primavera e o verán. O sector musical, xa de por si bastante castigado e precarizado (coma todas as profesións creativas en xeral), viuse na obriga de remar e intentar sobrevivir aínda que fora improvisando ideas e empregando os recursos dos que dispoñía. Recordemos que da música non só viven os músicos: detrás están os programadores, os donos de salas e bares de música en directo, técnicas de son e luces e un longo etcétera. Os donos e donas de locais culturais botaban as mans á cabeza, de feito algúns tiveron que botar o peche, por desgracia, por non poder seguir afrontando perdas agravadas por meses sen actividade e pola falta de axudas. Perdemos o BâBâ Bar na Coruña, o Forum Celticum en Culleredo, a Sónar en Compostela, El Contrabajo en Lugo ou a Son en Cangas. As que sobreviven, aínda hoxe non ven moi claro o futuro que lles espera. Por non falar do duro golpe e a tristeza que supuxo cancelar os festivais, moitos dos cales están organizados por asociacións de persoas que teñen outras ocupacións e que en definitiva organizar o evento e que este saia adiante é a única motivación.

As músicas e músicos compartían a súa arte polas redes de forma altruísta. Utilizaban as súas contas de YouTube, Facebook ou Instagram como xanelas para que a xente puidera desfrutar dun anaquiño de música en directo, aínda que fora vía Internet. Algúns incluso se animaron a tocar desde o balcón, como foron as sonadas sesións musicais de Tony Lomba no vigués barrio de Bouzas despois do aplauso das 20h. Había en xeral un ambiente pesimista, visto o afastado que se vían os concertos, os festivais e as foliadas, mais estes pequenos xestos que buscaban facer o confinamento un pouco máis animado eran un foco de luz diario.

Quero puntualizar que eu persoalmente non podo falar como música profesional, xa que a miña principal ocupación é a ilustración. Para os músicos e músicas profesionais foron meses horribles, sen saber cando poderían volver a tocar, a traballar. Mais para os músicos non profesionais tampouco foi sinxelo: resultou deixar en standby proxectos nos que había invertidos moitos esforzos, tempo e tamén cartos. No caso particular de Zënzar, tivemos que asumir que se cancelaría a presentación do novo disco, xira que ía iniciarse en abril. Finalmente puidemos presentalo unha vez, e a mediados de decembro.

Cando por fin foron aparecendo solucións provisionais (capacidades reducidas, distancia, ventilación, máscaras…) agromaron algunhas propostas culturais. É duro admitilo, pero tivo que vir unha pandemia mundial para que se programaran artistas galegas. Tivemos que chegar a este extremo para que se puxera en valor o talento que temos aquí (en parte pola dificultade dos desprazamentos para artistas doutras comunidades autónomas e a falta de seguridade en caso de cancelación do evento, que podía anunciarse mesmo o día anterior). Moitas veces, pola proximidade, non vemos ou non lle damos valor suficiente ó que se fai ó noso carón. E isto é unha cuestión importante: a valoración do noso polo conxunto da sociedade, non só por parte duns poucos e dunhas poucas. Precisamos apoio das institucións (apoio sen que este sexa o único que manteña a flote o sector, por suposto), visibilización nos medios de comunicación grandes e pequenos, e demanda por parte do público. Só así, con esta naturalización, se consegue que a escena medre. Un caso similar viviu a artesanía e o pequeno comercio: ou o apoiamos ou non sobrevivirán. Esta é para min a parte máis positiva desta crise.

Agromaron novos proxectos, de batalla, feitos na casa, tanto meramente musicais (videoclips gravados con recursos caseiros, cancións interpretadas de forma colaborativa, etc.) como outros que deron voz ás artistas do panorama galego: en Cerceda naceu A Tribo Radio, con Xosé A. Bocixa ó outro lado do micro, e en Teo agromou En Estado de Emerxencia, con Iván Tourís nos mandos e coa colaboración de Patty Castro visibilizando ás mulleres da música galega.

Houbo polo tanto un ambiente xeral de apoio mutuo dentro de tanto pesimismo e medo ó futuro. Para un músico, ou para calquera persoa que teña a sorte de poder facer da súa paixón a súa profesión, non hai peor sensación de verse na obriga de dedicarse a outra cousa. Non porque non sexa capaz de desenvolver outras tarefas, por suposto. Refírome á sensación de “non querer facer outra cousa que a que fago”. Agora, despois de case un ano desde o estoupido desta crise, as cousas non parecen virar máis optimistas. A chegada da vacina e a demostración, repetida un millón de veces, de que a cultura é segura, é o único que pode facer mellorar un chisco a situación. Pero o certo é que o feito de poder tocar está aínda moi no aire… Hai excepcións, pero non deixan de ser iso, excepcións. Dentro destas dificultades poda que o teñan algo máis fácil os formatos pequenos (unha, dúas ou tres persoas). Os formatos grandes, e certos estilos de música, como o caso do rock, do metal ou do punk, aínda o teñen moi complicado ó ter que contar cunha audiencia reducida ó mínimo e sentada en butacas. Poda que isto sexa un simple clixé: que unha música máis “agresiva” e directa non se conciba para ser desfrutada nunha butaca.

Moitos grupos e artistas aproveitaron o confinamento para preparar material novo, polo que coido que o 2021 vai ser un boom cultural. Vemos o ano 2021 como un ano “que non pode ir a peor”. Esperemos que así sexa, un ano de crecemento, de oportunidades para a música e a cultura galega, e que polo menos poidamos desfrutar de máis eventos culturais presenciais. Con sentidiño, iso si.