O documental 'Negro púrpura' estréase na inauguración da MICE

A película de Illa Bufarda sobre o fungo alucinóxeno dos cereais abre hoxe a Mostra de Cinema Etnográfico

A primeira xornada da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico acollerá hoxe na súa sesión de apertura a pre-estrea do documental Negro púrpura, de Sabela Iglesias e Adriana P. Villanueva (Illa Bufarda), unha proxección que se encadra dentro da sección fóra de concurso. O documental, rodado entre 2018 e 2020, realiza unha viaxe no tempo para contar a historia do fungo de propiedades alucinóxenas dos mil nomes (caruncho, cornecelo, dentón, cornello, grao de corvo, etc). Negro púrpura vai da sabedoría popular á ciencia, repasando a historia do cláviceps purpúrea e conectando Galicia co resto do mundo (relacionándose con multinacionais farmacéuticas, a CIA ou o nacemento do LSD) e alimenta relatos que nos son propios e nos tocan de preto, como o seu uso na medicina popular.





Nesta sesión inaugural, que terá lugar ás 19h30 no Teatro Principal, estarán presentes as súas directoras, parte do equipo do filme e o deputado de Patrimonio da Deputación da Coruña, Xosé Luís Penas; a concelleira de Acción Cultural do concello de Santiago, Mercedes Rosón; o presidente do Padroado do Museo do Pobo Galego, Justo Beramendi; e a directora da MICE, Ana Estévez. A xornada inaugural do festival inclúe tamén a proxección previa de Do not lean on door, do artista Vicente Vázquez no auditorio do Museo do Pobo e ás 20h00 no cinema NUMAX terá lugar a proxección de El gran vuelo, de Carolina Astudillo, coa presenza da directora. Esta película documental obtivo a Biznaga de Prata ao Mellor Documental no Festival de Málaga en 2015.